Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.12.2009

La Nuestra Comunicación Publicitaria, Ir Indo Edicións, Buenas Ideas en Acción, Fausto Deseño Asociados, Imaxin Software, Continental Producciones, NEO, Teimas Desenvolvemento, a USC e a Plataforma Vindeira foron as entidades e empresas gañadoras nas distintas categorías da VI edición dos Premios Eganet, cuxos galardóns se entregaron onte en Santiago.
A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías xuntou onte preto de 200 persoas no Auditorio de Galicia, nunha gala que comezou coa benvida da presidenta de Eganet, Beatriz Legerén e que pechou Víctor López, membro da directiva, quen lles pediu a todos os axentes, en especial ás administracións públicas, que fixen a súa atención no sector TIC galego ó planificar e xestionar as políticas sectoriais. López considerou como grande oportunidade de desenvolvemento do sector TIC galego a inmediata implantación da e-Administración. "Pedimos o apoio das institucións e ofrecemos, pola nosa parte, toda a colaboración necesaria", subliñou.
Os galardóns para as mellores ideas e proxectos
O premio Publicidade Online recibiuno La Nuestra Comunicación Publicitaria, con sede en Oleiros, pola edición do 2008 da campaña Movemento contra a Lei de Murphy, de prevención de riscos laborais e dirixida ó alumnado de Formación Profesional.
O galardón á mellor Aplicación Online foi para Ir Indo, con sede en Vigo, polo dicionario en liña Digalego.com, con máis de 65.000 entradas.
Recibiu o premio E-Commerce Buenas Ideas en Acción, de Pontevedra, pola web Planetapluton.com, de comercio en liña especializado en produtos novidosos.
O premio Software Libre foi para a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago, que ten como meta promover e implantar o software libre na comunidade universitaria.
Fausto Deseño Asociados, de Santiago, recibiu o premio Comunicación Web por O Universo de Galimatías (www.ouniversodegalimatias.com), que trata de achegarlles a rapaces de entre os 14 e os 18 anos contidos culturais en galego.
O premio Cultura Dixital foi para Continental Producciones, con sede na Coruña, por Evento Ligado á Extinción (ELE), videoxogo de acción (First Person Shooter), creado para ser o primeiro videoxogo galego de distribución internacional.
A Factoría de Software e Multimedia (Imaxin Software), de Santiago, recibiu o galardón ó mellor ambiente laboral.
O premio Tecnoloxía Accesible foi para Neo, con sede na Coruña, por Bildo, a Comunicación Universal, un videotradutor virtual deseñado para facilitarlles ás persoas xordas a comunicación en Lingua de Signos Española.
Teimas Desenvolvemento obtivo o premio E-emprededores. Tamén compostelá, é unha empresa de desenvolvemento de software como servizo dispoñible en internet e que achega solucións tecnolóxicas para o sector ambiental.
E o Premio Especial Eganet foi para a Plataforma Vindeira, creada no ano 2006 con sede na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo como un punto de encontro e diálogo de todos os axentes relacionados co sector das TIC.
