Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Anxo Quintana demostrou onte o seu ‘dominio’ das baquetas, xunto ó alcalde do Boiro e candidato do BNG á reelección, Xosé Deira, que se atreveu co baixo FOTO: PEPE FERRÍN/AGN |
Ó vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, non lle pon medo nada con tal de explicar o máis graficamente posible as políticas que a súa formación aplicará nos concellos nos que goberne a partir das eleccións do 27 de maio.
Onte tratábase de chamar o máis posible a atención dos votantes máis novos. Quintana visitou pola mañá o local de ensaio que o Concello de Boiro, á fronte do cal está o nacionalista Xosé Deira, puxo en marcha no Centro Social da vila coruñesa.
Alí o agardaban unha trintena de mozos e a música do grupo "Golden The X", que tocaron para o vicepresidente a canción She is the one de Los Ramones. Ó rematar a peza, Quintana e Deira quixeron facer unha demostración do roqueiros que tamén poden ser eles. O líder do Bloque atreveuse coa batería mentres o alcalde intentaba facer soar no baixo un tema de The Rolling Stones. Non obstante, axiña quedou en evidencia a falta de compenetración musical entre ambos os dous. "Dálle forte Xosé", animaba o voceiro nacional frontista ó rexedor, pero nin o un nin o outro atinaban demasiado nin coas baquetas nin coas cordas.
Tras as risas xerais do público, os políticos decidiron deixar os instrumentos e comezar o que si se lles dá mellor: explicar os seus proxectos para a próxima lexislatura.
Anxo Quintana, xa máis tranquilo, salientou que "este tipo de locais de ensaio responden ás necesidades da xente nova, xa que son un espazo de lecer e convivencia para os mozos e considerounos fundamentais "nun país cunha gran tradición musical como o noso,". Por iso, e lembrando o slogan do maio do 68, dixo que "a imaxinación no poder fai posible locais coma estes" e comprometeuse a que, naqueles concellos nos que goberne o Bloque se impulsará unha Rede Galega de Locais de Ensaio.
Quintana considerou ademais que a música é "unha boa opción como xerador de emprego" e anunciou que o BNG destinará 3 de cada 10 euros dos presupostos dos concellos que gobernen ó fomento do emprego para "rematar coa sangría de xente nova que marcha de Galiza".
O vicepresidente destacou que os concellos teñen que servir para "moito máis que para colocar farois e baldosas" e apostou por unha "verdadeira política social" a escala municipal, na que se inclúan plans de vivenda para a mocidade.
Volverá ó "¡Hai debate!" da TVG deste luns
O BNG anunciou onte que Anxo Quintana participará no debate electoral "Municipais 07", que emitirá a TVG este próximo luns, "por respecto á audiencia". O BNG entende que é "unha obriga" e que o que quere a xente é "moito debate e pouco ruído". A formación nacionalista volve emprazar ós líderes de PSdeG e PPdeG, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijóo, respectivamente, para que asistan a este debate, para que non volva acontecer o que pasou o luns pasado, cando Quintana foi o único líder que se atreveu a acudir á TVG. Polo de agora, non está pechado a quen elixirán os socialistas e os populares.