Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
É un dos partidos máis novidosos que se presentan ás eleccións xerais. Chámase Asamblea de Votación Electrónica (AVE). Non teñen programa político, nin ideoloxía, renuncian a gobernar e apóianse nas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para darlles a todos os militantes a posibilidade de que a súa opinión sexa tida en conta de verdade. Juan Rodríguez Marticorena, o candidato número 2 da lista ó Congreso pola Coruña; e José Luis Pintos, membro fundador de formación e último da mesma lista electoral explican polo miúdo en que consiste a súa iniciativa.
Preséntanse unicamente na circunscrición da Coruña...
J.R: Si, porque non nos deu tempo para máis. Tivemos un mes xusto, desde que se aceptou o partido, para presentar a candidatura e facer os trámites, que non son simples.
Cóntenme como nace "a AVE", "o AVE", "AVE" simplemente...
J.R: É a AVE, porque é unha asamblea, e ademais é a para que non se confunda cun tren.
¿É casualidade a coincidencia do nome ou xa o fixeron a propósito vendo todo o que se debate sobre as infraestruturas?
J.R: Saíu o nome, pensamos que se facía ou non facía graza ou que máis daba e así quedou.
J.L.P: Dá pé a facer bromas e é positivo porque chamas a atención.
Logo, ¿como naceu "a AVE"?
J.R: Levabamos moitos anos un grupo discutindo de política. Eu son psicólogo e dedícome á informática, Juan Luis é profesor de Socioloxía da USC, outra das fundadoras é documentalista... Vimos que os políticos cometían erros moi torpes e que as cousas se podían facer doutro xeito. Un día pensamos que era hora de ver se funcionaba.
¿Canta xente son no partido?
J.R: Non chegamos a 30 afiliados porque non temos suficiente difusión e porque a idea non é sinxela e bate cos prexuízos. Propoñemos dirixirnos á poboación que non se sente conforme cos cauces de representación que se lles ofrecen e que non votará ou se o fai non o fará convencido. A eles ofrececémoslles a alternativa de representarse a si mesmo. Para cando se formule unha votación no Congreso dos Deputados, a AVE propón documentarnos sobre o tema que se discute. A xente ten dereito a opinar e a estar informada de forma independente, sen ser información tendenciosa, para que logo discutan libremente sen que se menosprecen os seus puntos de vista. Despois, votariamos, como nunha asemblea, pero o resultado trasladaríase de forma transparente, porcentualmente. Se o 70% da asemblea está a favor dunha lei e o 30% en contra, o 70% dos representantes da AVE na Cámara votaría a favor e o 30% en contra.
J.L.P: Nos partidos ordinarios hai discusión interna, pero a postura que gaña é a que todo o mundo vota, por disciplina. Nós non. O fundamental é que a diversidade de opinións estea representada. Competimos por un cidadán informado que sabe o que quere. E facémolo así porque nalgunhas eleccións, a abstención é a segunda forza máis votada e iso é grave. Os expertos non deben dirixir as solucións ós problemas dun país, os cidadáns temos dereito a pensar pola nosa conta.
Vostedes rexeitan gobernar pero non formar parte do Congreso como deputados...
J.R: Exactamente, como pasa moitas veces con outros partidos.
J.L.P: A xente máis nova e que non está metida no rollo político enténdenos axiña. Agora estamos nun bipartidismo imperfecto, todos temos que facerlle fronte ao que digan os dous grandes. Hai que enfrontarse con novos modos a problemas permanentes. Cando insistimos no de Electrónica, non é que vaiamos vender ordenadores, imos usar uns instrumentos cunha finalidade para a que non estaban contemplados.
J.R: O ton que resultará da AVE non será nin branco nin negro, será gris e é moi interesante que se incorpore como un resultado máis na toma de decisións porque aínda sendo equivocada a posición, é resultado do parecer dun conxunto de persoas que abordaron o problema e decidiron documentarse, discutilo e chegar a unha conclusión e asumir que a solución é esa e noutro momento pode ser outra.
Vostedes preséntanse sen programa electoral...
J.R: Se se acepta a diversidade, a asamblea non pode ter unha ideoloxía. Igual que o Estado é aconfesional no relixioso, a asemblea éo no ideolóxico. Aquí non van meterse os extremistas, non lles interesa, meterase xente de centro, moderada. Sendo aconfesional a asemblea, sería dificilísmo establecer un criterio e dicir que imos apoiar tal cousa, por iso non facemos propostas.
¿Que resultados esperan sacar nestes comicios?
J.R: Que a xente saiba que existimos e se comprenda a idea.
J.L.P: O que está fastidiando que poidamos avanzar, progresar e vivir mellor é o encadramento de que as miñas ideas son as boas e as do outro as malas. Pensamos nunha alternativa do pluralismo. Fai falta a reflexión e menos consignas.
"Probablemente, como presidente do goberno, Rajoy sexa mellor que como líder do seu propio partido"
Se lles pregunto pola economía ou os temas que abordan os grandes partidos na campaña me dirán que non teñen ideoloxía porque terían que discutilo en asemblea...
J.R: Non. Calquera membro da asemblea ten dereito a ter a súa ideoloxía, as súas opinións e criterios e a defendelos civilizadamente intentando persuadir os demais. Se nos preguntas podémmosche responder lexitimamente e a miña opinión non ten por que coincidir coa de Juan Luis.
Nese caso, díganme o que pensan sobre..., por exemplo, Mariano Rajoy.
J.R: Fáltalle determinación e sóbranlle servidumes, favores, débedas, compromisos adquiridos.
J.L.P: Rajoy deixará máis tranquila a xente que Zapatero, non vai molestar moito se gaña, no sentido de irritar. Nunca lle escoitei que o PSOE di unha barbaridade ou ten tal cousa, fala do que di o seu partido, non do que din os adversarios e iso é moi prudente.
J.R: Probablemente, como presidente do Goberno, Rajoy sexa mellor que como líder do PP.
Rodríguez Zapatero.
J.R: É un idealista, está un pouco fóra deste mundo. Non debería gobernar un país, a súa percepción non se axusta ó real.
J.L.P: Pon as cousas de xeito que só son resolubles asumindo o seu punto de vista, é moi envolvente, un encantador de serpes.
J.R: Fai o truco da botadora de cartas, dille á xente o que quere oír, pero as contradicións acumúlanse, a realidade lévalle a contraria e a xente empézase a cansar, a ver que as cartas non acertan.
BNG
J.R: Conseguiu, perdendo unhas eleccións, a metade do pastel. Non me parece mal que se defenda o galego, sempre que non sexa en contra de nada e o problema está en que a defensa do galego en contra de algo, como calquera posicionamento de identidade feito non na afirmación do propio senón na negación do alleo, ten un serio problema e é que cando acabas co alleo te atopas sen identidade. O Bloque vai demasiado de ir en contra de, cando bastaba simplemente con empuxar un pouco a favor de.
J.L.P: Unha das cousas máis positivas do Bloque é o rendemento político que lle quitou ós poucos votos que tivo. Á parte, ten un xogo curioso que é estar á vez no goberno e na oposición, o que o fai ser un socio un pouco perigoso. Pero dentro da xente da AVE hai xente nacionalista e non temos ningún problema.
J.R.: Xoga ben as súas cartas, sexan as que sexan.
O AVE
J.R: É interesante que chegue a Lisboa, que toda a costa teña AVE, as comunicacións son esenciais para o progreso. Acabará chegando, non se sabe cando, scaerá a catedral cando pase...
J.L.P: Din que será no 2014.
J.R: Si, e probablemente antes se descubra a teletransportación.
Os bispos.
J.R: Dedícanse ó seu e din o que lles parece co mesmo dereito a opinar que calquera. Non me parece ben que se lles demonice por contar a súa película e non se diga nada dos equivalentes islámicos que piden o voto para o PSOE. Todo é un paripé electoral, de espectáculo de Pressing Catch.
J.L.P: Os bispos desde a Transición souberon manterse á marxe e non apoiar ningún partido. Isto mantívoos nun certo respecto por parte da poboación. Paréceme mal que ningún periódico publicara o famoso texto dos bispos. Os partidos falaron do tema sen ter información. Sobran as tertulias e faltan os debates.
Piscifactorías.
J.R: Francamente, non teño nin idea. Entendo que é unha industria, que temos moita costa, que temos tradición na pesca, que deberíamos saber e poder explotar isto, pero non estou informado.
J.L.P: Eu adhírome.