Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Anxo Quintana, no hotel AC Palacio Universal de Vigo, onde mantivemos a entrevista, xusto antes dun acto electoral do BNG nese lugar |
É a segunda vez que concorre como candidato do BNG á Presidencia da Xunta. Na anterior ocasión, no 2005, logrou 13 deputados para a súa formación no Parlamento galego e fíxose co posto de vicepresidente do goberno autonómico tras o pacto asinado por socialistas e nacionalistas para integrar o executivo en coalición. Agora, aspira a aumentar a presenza dos frontistas en San Caetano e no Hórreo e amósase seguro de que o logrará. "¿Como vai todo?", pregúntolle ó chegar á cita nun luxoso hotel de Vigo. "Tudo bem, como din en Portugal", contesta, aínda que con cara de canso. Asegura que as entrevistas nos últimos días están a ser "matadoras". "Xa non sabe un que inventar", confesa.
Veño escandalizada polo camiño. ¿Sabe canto custa discorrer pola autoestrada de Santiago a Vigo?
Si señor. 5,90 e 2,40 euros foron as dúas peaxes que pasástedes.
Foi menos, 7,35 en total.
E de Vigo á Coruña sae en case 13 euros. E ademais, tes que pór ti o coche e mais a gasolina.
É unha cantidade moi alta de cartos. ¿Cando deixaremos os galegos que pagar semellante diñeiro?
Se fose polo BNG, mañá mesmo. Os galegos pagamos máis de 180 millóns de euros ó ano en peaxes e non é lóxico que a AP-9, infraestrutura básica do país que vertebra o noso territorio, sexa utilizada publicamente como mercadoría bursatil, como un activo que unhas empresas pasan de man en man sen que os galegos poidamos decidir nada, de xeito que canto temos algo que falar sobre a AP-9 xa non sabemos a quen dirixirnos. Os procesos que se dan noutras partes van na dirección contraria. En Cataluña, un grupo empresarial, ó que non é alleo a Generalitat, acaba de comprar un paquete accionarial maioritario de Spanair, para que El Prat sexa referente no tráfico aeroportuario de Europa. Os galegos temos dereito a participar nas decisións sobre a autoestrada e iso lógrase cunha intervención pública do seu Consello de Administración. Os galegos teñen dereito a que a titularidade da vía pase a ser galega e o BNG vai pelexar por iso.
¿Que lle aportaría o seu famoso ICO galego ós cidadáns afogados pola crise?
O presidente Zapatero dixo que a crise e a economía tamén eran un estado de ánimo. ¡Pois que pense no estado de ánimo que pode ter a xente que ve que para a súa vida diaria o goberno lle aplica o imperio da lei de obrigado cumprimento e ós bancos lles aplica recomendacións e boas palabras!
O sector financeiro no Estado non está á altura, o crédito non chega ás empresas nin ás familias e é necesaria unha intervención para regular isto. Eu pido que se faga canto antes, pero a min non me gusta a política de pedirlle ós demais e non facer nada un. Nós pedímoslle a Zapatero que interveña pero queremos tamén dar exemplo e hai que usar o noso autogoberno para pór en marcha medidas. A iso obedece o ICO de Galicia, a intentar desde a Administración pública cubrir unha función que hoxe non fai a banca tradicional: dotarnos dun potente organismo con músculo financeiro para que o crédito chegue ás empresas e ás familias. Iso pódese e débese facer e non me preocupa que cando facemos unha proposta así non teña o beneplácito das outras forzas políticas. No BNG estamos acostumados a remar contracorrente. Pasou o mesmo cando propuxemos na pasada lexislatura un complemento autonómico para as pensións. Dixeron que era inconstitucional, que baixo ningún concepto, e hoxe haino e todos están contentos con el. Por iso tamén na próxima lexislatura proporemos un complemento autonómico para o paro, que xa sei que hoxe non vai ter o beneplácito das outras forzas, pero xa verás cando o implantemos que todo o mundo está de acordo.
¿Como é posible que voten mortos nas eleccións galegas, todo o mundo o saiba e aquí non pase nada?
Non pasa nada porque pasa en Galiza. Se isto pasase en Andalucía ou en Cataluña, xa tería habido un levantamento institucional. Non obstante, conseguimos algo importante e estou orgulloso. No BNG moitas veces non acadamos o que nos propoñemos, tamén cometemos erros, incluso algúns de bulto, pero esa tenacidade para defender a verdade, esa coraxe nosa para enfrontar os problemas, acaba dando resultados. Antes falabamos do complemento das pensións e poderiamos falar dos debates. Agora todos admiten que ten que haber debates, pero ¡o que tiven que escoitar eu nos cinco últimos anos para que houbese debates en Galiza! Con isto pasa o mesmo. É un escándalo de tal dimensión que será moi dificil que haxa outras eleccións sen que o voto emigrante se leve a cabo dentro das garantías democráticas mínimas.
¿O feito de que os emigrantes teñan nestes comicios que presentar o DNI para votar dará garantías?
É un paso interesante e positivo, pero non soluciona todo o problema.
¿O BNG fai menos campaña que PP e PSOE fóra?
O BNG fai unha campaña como se debe de facer, presentando o seu proxecto, explicando cal foi a nosa acción do goberno. Nós temos moito respecto pola emigración e, ó contrario doutros, cremos que a xente debe de votar por ilusións, ideas e por proxectos, non por agradecemento.
¿Como tomou a manifestación de Galicia Bilingüe en plena precampaña?
¡Ah, pois moi ben! Estamos nun país libre e cada un ten todo o dereito do mundo a manifestarse polo que considere oportuno, pero non hai ningunha reivindicación xusta na historia da humanidade que se poida sustentar sobre unha mentira. Os promotores desa manifestación din que o castelán está perseguido en Galiza e iso non é nin bo nin malo nin regular, nin nacionalista nin antinacionalista, é mentira. En Galiza hai un continxente importante de cidadáns que fala castelán, é a súa opción voluntaria e témola que respectar. Gustaríame que todo o mundo falase en galego, pero os que falan castelán fano porque queren e non teño nada que dicir. Agora, a min cónstame que a gran maioría teñen un sentimento positivo cara ó galego e non están en contra do proceso de normalización, levan os fillos á escola e gústalles que lles ensinen en galego. É a realidade. Os que promoveron a manifestación pretenden levantar un muro de incomprensión e de intolerancia para que os galegos que falan castelán non teñan un sentimento positivo cara ó galego e non o van conseguir porque o amor a Galiza da xente é moito máis forte que todas as mentiras que lle poidan contar.
Touriño chamou o sector máis de dereitas do PP e os "nacionalistas radicais" a non usar a lingua como elemento de confrontación. ¿Vostede é un radical?
Eu estou no bando dos que falan galego porque si, porque me peta e me dá a gana, porque é a lingua proletaria do meu pobo. O que hai que saber é se se está nese ou no outro, só hai dous bandos, non hai tres.
Se o Bipartito se reedita, ¿deixará Política Lingüística de novo para o PSdeG?
A política lingüística ten que ser un compromiso do conxunto do goberno. Non creo que sexa o máis importante a Secretaría de Política Lingüística, aínda que ten un papel relevante. O que temos que conseguir é que o goberno aumente aínda máis o seu compromiso coa normalización lingüística en todos os departamentos e que haxa unha estratexia para que o galego estea máis prestixiado e sexa utilizado por máis cidadáns. Iso é o que me interesa a min, máis alá da secretaría e de quen a ocupe.
A de Galicia Bilingüe non será a única manifestación. O domingo 15 sairá á rúa Galiza non se vende. ¿Apoiar o Plan acuícola foi un dos grandes erros do BNG nesta lexislatura?
Neste goberno estase para gobernar e levar a cabo un programa froito do acordo de dúas forzas diferentes. Fraco favor lle fariamos ó país se pensasemos que o proxecto do BNG se pode implatar a ferro e sangue con 13 deputados. Se se cre que cousas no goberno se deben de realizar doutro xeito e se entende que o BNG as pode lograr, o que hai que facer é apoiar o BNG para que teña máis forza e poida facer máis cousas desde as teses do BNG. Mentres non sexa así, haberá cousas do goberno inspiradas polo BNG e cousas inspiradas polo PSOE e así o temos que asumir democraticamente porque iso foi o que decidiu a cidadanía galega.
Logo, o que vostede lle di á xente que se vai manifestar é que vote ó BNG...
Eu o que lle digo ós manifestantes é que están no seu dereito a manifestarse, que me parece moi positivo que Galiza non se venda, eu tamén me sumo a ese slogan, pero agora o que toca é arrimar o hombro para conseguir que os cambios estruturais que fomos capaces de pór en marcha en Galiza teñan a súa continuidade e aumenten na próxima lexislatura. Estou seguro de que todos os que participan en manifestacións dese estilo non só lle queren a Galiza senón que queren cambios estruturais para Galiza e saben que iso só pode vir da man do BNG.
¿Témelle á abstención?
Medo non hai, hai sentido democrático e a democracia baséase na participación. É moi triste a tese do PP, que coloca as súas únicas esperanzas de éxito en que a xente non vote. A xente ten que votar e se vota o PP non vai ter ningunha opción de goberno. Espero que a xente participe e que aproveite para apoiar o BNG.
Vostede dixo que asumirá responsabilidades se o BNG baixa nas eleccións. Dígame cal sería un mal resultado para o Bloque.
É a primeira vez na historia política de Galiza en que todas as enquisas coinciden en que o BNG vai subir e o único que me preguntades todos é que farei se baixa. Este país ás veces é un tanto esquizofrénico e co nacionalismo é unha tendencia alarmante. Eu atópome mentalmente situado na posición de subir. O que fago todos os días e ó que lle dou voltas é a prepararme psicoloxicamente para asumir máis responsabilidades de goberno. Presumo de ter unha cabeza bastante tranquila, pero non me dá para pensar nunha cousa e noutra exactamente contraria. No único que penso é nas responsabilidades a maiores que vou ter a partir do día 1 polo crecemento do BNG.
Logo, ¿que crecemento calcula que terá o Bloque?
Calquera crecemento será positivo e estamos en disposición de ter un importante aumento de votos. Non lle vou pór límites. A xente decidirá e a min cónstame que imos subir.
¿O feito de que a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, sexa a única do BNG que non vai nas listas electorais é un castigo?
Non. É unha decisión dos militantes do BNG, que lle outorgan a cada un a responsabilidade que ven oportuna en cada momento. Ánxela levou adiante importantísimas responsabilidades no BNG, estou seguro de que as vai seguir levando no futuro e agora considerouse que non participase nas listas, nada máis.
¿Que lle diría ós sectores do Bloque que non están de acordo co predominio da UPG nas candidaturas?
Que non podemos facer propias as estratexias, os dixomedíxomes e as difamacións dos nosos adversarios. O proceso do BNG para confeccionar as listas foi exemplar, de participación, democrático, sen alteracións, sen convulsións, o que non pasou nas outras forzas políticas. Os nosos adversarios son dados á política de axitar algún fantasma e por iso o BNG ten o seu propio fantasma. Está ben que os adversarios o fagan, pero eu non vou contribuír a iso.
Vostede sempre fala da necesidade de ter máis independencia con respecto ó Estado. Non obstante, igual que Touriño e Feijóo, protagoniza continuamente actos electorais en Madrid nesta precampaña. ¿Por que van tanto alá?
Porque segue sendo a capital do Estado. Gustaríame algún día non ter que ir a Madrid para nada, pero desgraciadamente, o poder político, o económico, o financeiro e o mediático seguen en Madrid e estamos obrigados a abrir as nosas opinións. Ademais, é bo que Galiza estea presente en Madrid e se lle note con voz propia alí. Foi Núñez Feijóo e falaron dos espías de Madrid, cando vou eu, fálase seguro de Galiza, e iso é bo.
¿Que personaxes cre que poderían encarnar ben Feijóo e Touriño nun vídeo similar ó de "Espartaco" que protagonizou vostede?
A min xa me chega con participar na elaboración de ideas para o BNG como para darlle tamén ideas ós meus adversarios. Pero si lles fago unha recomendación: que fagan o que fagan, que seguro será para falar de cousas serias e respectables, o fagan cun pouco de humor. A xente está farta, a vida xa é moi triste, e sería positivo para todos que usasen algunha dose de relaxación, conservando a seriedade e a responsabilidade dun momento moi difícil, pero con certo sentido do humor.