Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Tras a pancarta que encabezaba a manifestación, deuse paso ó enxeño dos protestantes, moitos deles ataviados comos políticos |
Goberne quen goberne, Galicia non se vende. Esa foi a consigna que onte ó mediodía xuntou na capital galega nhas catro mil persoas, nunha manifestación organizada a propósito en plena campaña electoral para protestar polo suposto continuísmo das políticas do PP que o Bipartito está a levar a cabo en materia social e ambiental e para revindicar o dereito a "unha terra viva e unha vida digna".
A convocatoria desta vez, non obstante, non tivo a forza que acadara en mobilizacións anteriores, debido a que parte dos 57 colectivos e asociacións que integran a plataforma Galiza non se vende non estiveron de acordo con secundar unha protesta así a dúas semanas para a cita coas urnas. Aínda así, foron decenas as agrupacións que se achegaron ata Compostela, desde colectivos independentistas como Isca, ata os ecoloxistas de Amigos da Terra ou Verdegaia, ou asociacións veciñais municipais en contra de proxectos como os viais de Gondomar, a variante interior de Noia, a depuradora de Coruxo, o parque ambiental de Carballeda de Avia, xente de Redondela, do concello de Mos, do Pino, e, como non podía faltar, algúns dos que máis berraron, a Plataforma en Defensa da Ría de Ferrol, contra Reganosa, ou os veciños de Merexo contra o Plan acuícola, e os que piden o cesamento das canteiras do Courel e os que reclaman que non se supriman os trens de proximidades.
Na marcha, na que non faltou xente caracterizada como políticos e un ambiente totalmente festivo e retranqueiro, non deixaron de escoitarse berros con chamadas de atención ó Bipartito. "Eu non son Anxo Quintana", ou "Touriño, o presidente de ninguén e contra todos", e incluso "Bloque, PSOE, PP, a mesma merda é", foron algunhas das frases máis repetidas.
Ó remate da mobilización, que partiu da Alameda de Santiago e acabou na praza da Quintana, representantes dos diferentes colectivos leron un manifesto no que denunciaron as "políticas xordas e mudas" do Goberno galego ante as "crises económica, ambiental e enerxética" e manifestaron a súa "máis enérxica protesta" ante o panorama que deixa o PSdeG e oBNG tras os tres anos e medio á fronte da Xunta. Recriminaron que, baixo unha aparencia "supostamente progresista", as políticas sociais e ambientais "son continuación" das de gobernos anteriores. "Usan o gasto público para alimentar este obsoleto e inxusto modelo económico e social", dixeron.
Así mesmo, censuraron o "esquecemento interesado dos máis necesitados" na actual situación de crise e sinalaron que existe unha "falta de verdadeiras políticas sociais". Arremeteron tamén contra o que cualificaron de "marbellización" da costa galega e o plan urbanístico. En concreto, foron obxecto de crítica o Plan acuícola, que "devasta zonas da costa en beneficio de multinacionais"; os proxectos de construción de portos deportivos; o plan de minaría, que constitúe un "triste modelo de espoliación do territorio"; e o decreto eólico, pois "non ten en conta áreas de alto valor" ecolóxico e patrimonial e "regala" os montes galegos ás empresas eléctricas.
Todas estas iniciativas, proseguiron, están "camufladas baixo a cantinela da creación de postos de traballo" e aseguraron que non se teñen en conta os que "se destrúen" en actividades como a pesca e o marisqueo artesanal e a agricultura.
Os manifestantes denunciaron tamén a contaminación dos ríos ou a implantación de "industrias nocivas e perigosas, como Reganosa, Sogama ou Ence-Elnosa" e rexeitaron o traslado da planta de celulosa ás Pontes. En canto ao transporte, recrimináronlle ao bipartito que "abandone o transporte público" e preguntáronse "¿quen lles pediu o AVE? ¿Imos traballar a Madrid todos os días? ¿Para que o queremos?".
"A terra non nos pertence, nós pertencemos á terra e, por iso, non a podemos vender", concluíu a declaración pública, tras a que os congregados na Quintana volveron berrar para deixar claro: "Goberne quen goberne, Galiza non se vende".
Yolanda Díaz, presente
Na manifestación de onte non se deixaron ver moitos políticos, como xa acontecera en protestas anteriores de Galiza non se Vende. Non obstante, si estivo a candidata de Esquerda Unida á presidencia da Xunta, Yolanda Díaz, quen acudiu apoiando a Plataforma en Defensa da Ría de Ferrol e contra Reganosa. Tamén se viu na mobilización a ex dirixente do Sindicato Labrego, Lidia Senra, ou persoeiros do mundo da cultura como o escritor Sechu Sende.
Vote BSP, o esperpento
O colectivo Pallasos en Rebeldía sumouse á manifestación parodiando os políticos. Así, acudiron caracterizados como os dirixentes dun ficticio partido, o Bloque Socialista Popular, cuxas consignas eran, entre outras, "Ningunha ría sen piscifactoría", ou "Reganosa, Galicia Calidade". Ó rematar a marcha, ata ofreceron un mitin no cal prometeron crear un Disneylandia en Estaca de Bares.