Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Alberto Núñez Feijóo, esquerda, xunto a Conde Roa, proba un churro nun posto ambulante do mercado de Salgueiriños en Santiago |
A 24 horas de que peche oficialmente a carreira polas urnas, a campaña enlódase a cada minuto. Se o mércores foi a quenda de Anxo Quintana, cuxa xestión á fronte da Xunta foi cuestionada tras a publicación dunha fotografía no iate dun coñecido empresario, onte tocoulle ó cabeza de lista socialista por Ourense e actual conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, quen, segundo un xornal de tirada nacional, incorreu nunha presunta fraude á facenda local ó remodelar a súa vivenda cun permiso para retellar a casa. De acordo con esta información, Vázquez aboaría os 80 euros do permiso para retellar a pesar de facer obras de maior envergadura. Esta información foi aproveitada polo PPdeG, quen pediu a súa retirada das listas e a súa dimisión como conselleiro. O candidato popular á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamoulle unha explicación e pediulle a Emilio Pérez Touriño, que aclare se vai manter a Vázquez como cabeza de cartel ourensán tras a súa "presunta fraude á facenda local" e "flagrante incumprimento" da normativa urbanística.
O político ourensán non tardou en contestar ó ataque, comunicándolle a Feijóo que "lle dará as explicacións que queira no xulgado". Vázquez díxolle a Efe que "o único probado e constatado é que Feijóo é o candidato e presidente do partido da corrupción en Galicia" e considerou que é el "quen ten que darlles explicacións a todos os ourensáns sobre a súa relación e a de Baltar con Luis Carrera, relacionado con evasión de impostos e paraísos fiscais".
Feijóo volveu facer referencia á fotografía de Quintana cun dos maiores beneficiados polo concurso eólico, Jacinto Rey, asegurando que a imaxe "sementou dúbidas sobre a honorabilidade do vicepresidente", para reiterar que, de confirmárense as dúbidas, o nacionalista debería ser destituído. Unha postura que concorda coa do líder do PP, Mariano Rajoy: "Un dirixente político non pode facer iso", dixo. "Vimos un vicepresidente embarcado nun iate cun empresario ó que se lle deron importantes adxudicacións eólicas que motivaron moita disputa e moito escándalo", proseguiu para insistir en que "aínda" espera "unha explicación".
Pagar en 45 días ás firmas que traballen para a Xunta
No penúltimo día de campaña, Feijóo achegouse ó mercado de Salgueiriños en Santiago, onde se comprometeu a pagarlles "nun máximo de 45 días" ás empresas que presten servizos á Xunta co propósito de que non cobren "tarde e mal". O obxectivo: solucionar as principais consecuencias da crise económica como son a falta de liquidez e a elevada morosidade. Co obxectivo de reactivar o consumo, reiterou o seu compromiso de revisar a política fiscal, a través de tres medidas: a supresión do imposto de sucesións, a rebaixa do tramo autonómico do IRPF e do imposto de transmisión patrimonial e o de actos xurídicos ás familias numerosas e ós menores de 35 anos para facilitar o seu acceso vivenda.
Os populares ameazan as mariscadoras de Rianxo na praia para que cesen nas súas reivindicacións
As mariscadoras de a pé de Rianxo recibiron onte a visita de Rosa Quintana, número 10 nas listas do PP por Coruña e do concelleiro do PP en Vilagarcía, Juan Maneiro, que baixaron até os mesmos areais acompañados do patrón maior da confraría rianxeira, Baltasar Rodríguez. Coa escusa de comprobar in situ o conflito que 80 mariscadoras manteñen dende hai meses coa súa directiva e outras 20 traballadoras máis co mandatario do pósito coruñés ao negarse a vender o seu marisco co sistema de monte maior -que consiste no repartimento de beneficios a partes iguais e que ademais foi declarado ilegal por Pesca- os representantes populares ofreceron un espectáculo deplorable de caciquismo. Unha das traballadoras dirixiuse a eles increpándoos por facer política dun tema que leva meses a xerar moita tensión no Concello, ante o que Maneiro e Quintana responderon: "Señora, non se meta en follóns senón non lle levamos o marisco á lonxa". Dito e feito. A presidenta das mariscadoras, Vicenta González, negouse onte a transportar o marisco destas 80 traballadoras que se viron obrigadas a levar ao lombo as súas colleitas durante máis dun quilómetro até a lonxa de Rianxo.
Pero as coaccións non acaban aí. Onte mesmo, coñecían por boca dos propios compradores do seu marisco que o patrón maior, Baltasar Rodríguez -fiel á súa actitude autoritaria- os chamara para que poxaran á baixa a ameixa e berberecho que venden na lonxa as 80 mulleres que se negan a seguir co ilegal monte maior. Esta estratexia de coacción únese a actitudes como a da propia presidenta das mariscadoras, Vicenta González -que o propio delegado da Xunta en Ribeira, Enrique Martínez Pedrosa, cualificou como "abuso de poder"- que se opón a convocar unha asemblea para aprobar o único sistema de explotación legal a día de hoxe: a venda individual. Algo que dende o luns están obrigadas a facer as vinte mariscadoras da agrupación que até o de agora se aferraban ao monte maior, segundo din, acatando un documento enviado dende a Xunta que non fixeron público. De todas estas actuacións, as 80 mariscadoras que se están vendo presionadas deron parte a Inspección Pesqueira e tamén recibiron o apoio da Xunta, aínda que nada xustifica que o PP , apoiando un sistema de explotación ilegal, veña a Rianxo a ameazalas con abrirlles expedientes sancionadores. Continuará.