Sábado 10.03.2007
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia | O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Santiago Gómez-Reino Lecoq, cualificou onte de "lamentable" que Galicia non fora elixida para albergar a sede do secretariado técnico da Unión Europea para xestionar a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal e advertiu que é unha decisión que compete "única e exclusivamente á autoridade de xestión da cooperación transfronteiriza, o Ministerio de Economía e Facenda".
Gómez-Reino destacou que Galicia "levou a cabo todos os esforzos necesarios" e "batallou case ano e medio" para lograr que Vigo fose a sede do organismo, que finalmente albergará Badaxoz. "Lamento esta decisión, cuxas razóns se me escapan", engadiu. "Ninguén está tan ben preparada como Galicia para xestionar a cooperación transfronteiriza", subliñou o secretario xeral de Relacións Exteriores, que apuntou que a comunidade é a que máis traballo realizou en cooperación, a que máis experiencia ten na xestión de fondos europeos para este fin e a que máis relacións rexistra na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que concentra un 40% da poboación suxeita a cooperación transfronteiriza.
Por todo iso, insistiu en lamentar a decisión do Goberno central e explicou que a Xunta "moveu Roma con Santiago" sen éxito para que a sede do secretariado de cooperación hispano-lusa quede en Galicia, o que podería representar un investimento por parte da Unión Europea de 19 millóns de euros, tal e como recordou onte Gómez-Reino.
Badaxoz replica que ten a mesma experiencia
O vicepresidente da Junta de Estremadura, Ignacio Sánchez Amor, recriminoulle onte a Gómez-Reino que non felicitar a Badaxoz como candidatura gañadora para albergar a sede do secretariado técnico da UE para as Axudas Transfronteirizas entre España e Portugal, e así mesmo subliñou que a comunidade estremeña ten "como mínimo" tanta experiencia nesta materia como a galega. "O que me parece lamentable é que non haxa nas manifestacións da Xunta nin unha soa palabra de felicitación á candidatura estremeña", dixo o vicepresidente estremeño.
Máis esforzos na relación bilateral
Gómez-Reino anunciou que os esforzos se centrarán agora "nas relacións bilaterais" a través da agrupación europea de cooperación territorial, na que Galicia e o Norte de Portugal son pioneiros na UE.