Mércores 26.03.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia | Medio cento de familias integrará a primeira rede de "fogares verdes" promovida por Adega, o Inega e a Consellería de Medio Ambiente en Galicia. O proxecto, que será presentado hoxe, levarase a cabo na contorna de Santiago de Compostela co obxectivo de promover o aforro enerxético e de consumo de auga nestes fogares. O reto marcado dende a asociación ecoloxista é lograr a reducción no consumo da electricidade dun 5,2% e dun 10% no caso da auga.
Para lograr este obxectivo, técnicos de Adega seguirán o exitoso sistema utilizado no seu programa de compostaxe que consiste na realización de visitas trimestrais ós fogares participantes para facilitarlles información e consellos co fin de tentar mudar os seus hábitos. Deste xeito, na primeira visita, e tras unha diagnose inicial, as familias recibirán un simbólico "kit de aforro", composto por unha lámpada de baixo consumo e dous redutores de caudal para as billas, ademais de material con información de axuda.
Será a principios de abril cando comece esta primeira rolda de visitas, facendo especial fincapé no "stand by" ou consumo fantasma e no aforro de auga na cociña e no baño. Ata final de ano abordaranse diferentes temas como a iluminación, a calefacción ou a rega. Ademais das visitas periódicas, os participantes contarán con atención personalizada por teléfono ou por correo electrónico para solventar calquera dúbida que poida xurdir no proceso.
Prioridade para os da compostaxe caseira
Para Adega, os veciños serán os verdadeiros protagonistas desta acción educativa, xa que o programa Fogares Verdes está dirixido para todas aquelas vivendas interesadas en participar, independentemente do tipo de inmoble ou do número de moradores. Non obstante, dende a asociación ecoloxista advirten que terán prioridade aqueles fogares xa adscritos ó programa de compostaxe caseira, apostando, deste xeito, pola creación dunha rede de fogares ecolóxicos que poidan ampliar o seu compromiso ambiental.
Dende Adega recórdase que aínda hai prazas dispoñibles para participar neste programa e tomar parte da rede de consumidores responsables de recursos no fogar.