Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

desfeita

Denuncian unha urbanización de 260 chalés en Sanxenxo a menos de 150 metros da costa

25.01.2007 Silencio da Xunta, voto a favor do PPdeG e PSdeG, e oposición do BNG ·· Os veciños opóñense á destrución da “última zona forestal” que foi recualificada co PXOM do 2003

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R. FERNÁNDEZ. SANTIAGO

A urbanización de Punta Festiñanzo, en Sanxenxo, sitúase entre as praias de Area de Agra e Areas
A urbanización de Punta Festiñanzo, en Sanxenxo, sitúase entre as praias de Area de Agra e Areas

A presión urbanística que padece a costa galega segue en primeira liña de actualidade. Tras a oposición veciñal amosada ás recualificacións de terreos contemplados en determinados PXOM como o de Nigrán, Ribadeo ou Foz, agora chégalle á quenda a Sanxenxo. A vila pontevedresa xa estivo este verán no ollo do furacán ó converterse nun dos máis claros exemplos da saturación constructura que vive o noso litoral, segundo as denuncias reiteradas de diversos grupos ecoloxistas. Agora o colectivo veciñal Salvemos Sanxenxo denuncian a edificación de 260 chalés a menos de 150 metros da cosa.

O proxecto de urbanización situado en Punta Festiñanzo, entre as praias de Area de Agra e Areas, constitúe un dos poucos espazos de Sanxenxo conservado durante séculos como zona forestal ata a súa recualificación no ano 2003, coa aprobación do PXOM do municipio. O plan para construír no denominado S.U.9 de Sanxenxo obtivera o 26 de decembro de 2005 un informe desfavorable da Dirección Xeral de Urbanismo polo vial de acceso que se pretendía facer, que afectaba a un paso de servidume. En xullo de 2006, a promotora remitiu un escrito rebatendo o documento. Non obstante, segundo afirma o colectivo veciñal, o silencio administrativo por parte da Xunta permitiu que o Consello da Xerencia de Urbanismo do concello aprobase este mesmo mes o Plan Parcial correspondente, cos votos a favor de PPdeG e PSdeG e a oposición do BNG.

A portavoz do PSdeG no concello pontevedrés, Dulcinea Aguín, defendeu o seu posicionamento a favor "ó non existir ningún impedimento para levar adiante esta iniciativa veciñal". Segundo explica Aguín, o PXOM de Sanxenxo foi aprobado no seu momento acorde coa Lei de Costas vixente, sen ningunha oposición por parte da Dirección Xeral. De feito, a portavoz socialista defende o cambio de forestal a urbanizable deste chan por tratarse dunha "iniciativa veciñal" ante unha zona que rexistraba o menor índice de eficabilidade. Para Aguín, a única pega era o vial, "que foi convenientemente modificado coa presentación dunha nova proposta que xa cumpre coa lei". Pola contra, dende o BNG, Roberto Fernández cualificou esta urbanización de "desfeita", por situarse"nunha zona enriba do mar".

 

As obras comezarán no prazo de dous anos

Está previsto que as obras comecen en dous anos, xa que os promotores necesitan estar en posesión de polo menos o 51 por cento do terreo, unha porcentaxe que os veciños ven difícil de conseguir debido á gran cantidade de propietarios existente: ó redor de 686. Dende o colectivo cidadán Salvemos Sanxenxo, denuncian a existencia de ameazas a determinados veciños para obrigalos a vender as súas leiras e mesmo cren na intencionalidade dos incendios que afectou a esa zona neste verán. Os veciños sospeitan dunha "man negra", porque segundo indican, o propio PXOM de Sanxenxo prevé que, á hora de edificar a zona de Punta Festiñazo, cómpre seguir certas medidas como realizar un inventario de arborado previo para que, no caso de que existan especies autóctonas ou árbores de gran valor, deberán conservarse.

O DATO

Non ás 3.000 vivendas de luxo no campo de golf de Monte Faro

O colectivo veciñal Salvemos Sanxenxo emprenderon tamén unha campaña en contra das 3.000 vivendas de luxo que se construirán en torno ó polémico campo de golf de Monte Faro. Os veciños denuncian os 900 millóns de euros que se obterán despois de que os construtores vendan en 4.000 euros os metros de terreo que mercaron os seus propietarios por 40 antes de que se permitise edificar. Salvemos Sanxenxo recorda que este complexo está ligado a políticos populares: Vicente Cotino Ferrer e Vicente Cotino Escrivá, irmán e sobriño do conseller de Agricultura da Generalitat de Valencia e ex director da Policía, e que os terreos foron recualificados polo ex alcalde popular Telmo Martín.

 

AS CLAVES

Prevén uns 7.000 novos fogares

Greenpeace denunciou no seu informe sobre o litoral español que o de Pontevedra é onde se concentra a maior cantidade de urbanizacións de Galicia, alentado polo bo clima do que goza. En concreto, segundo recolle o informe, en Sanxenxo aprobouse a construción de máis de 1.200 vivendas, imcumprindo as directrices sobre densidade e formación de pantallas arquitectónicas da Lei de costas e da Lei de ordenación urbanística e do medio rural de Galicia. Así mesmo, o novo PXOM da localidade prevé a construción de 7.000 vivendas máis (un 82% das actuais).

Alteracións nesta paisaxe

Dende o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) demandan medidas para ordenar e protexer os espazos do litoral que contan cun alto valor natural e paisaxístico, xa que son "un dos eixes irrenunciables para o futuro do desenvolvemento económico e social de Galicia". Seguindo estes criterios, Salvemos Sanxenxo denuncian a grave alteración morfolóxica e paisaxística do cabo onde se prevé construír a urbanización, protexido como zona forestal polo seu alto valor natural.

Alertan do alto custo das casas

Os portavoces da oposición de Sanxenxo, Roberto Fernández Lores (BNG) e Dulcinea Aguín Pombo (PSdeG) aseguraron onte que o municipio está experimentando unha marcha da súa poboación, principalmente de mozas, que non pode facer fronte ó "elevado" custo que lles supón construír ou adquirir unha vivenda. Fernández Lores manifestou que os mozos de Sanxenxo están comprando as vivendas en concellos limítrofes, unha visión que foi confirmada pola súa compañeira socialista.

 

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS