Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Diéguez Otero, no centro, con Jacobo Feijoo, á dereita e López á esquerda FOTO: A.H. |
A asociación Ventonoso, que agrupa os propietarios de terreos da localidade lucense de Chantada onde a empresa Enerfín instalou un parque eólico, son desde onte os propietarios nestas circunstancias máis satisfeitos. A razón, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que lle obriga á empresa eólica a retirar os 23 aeroxeradores instalados ou a negociar cos afectados unha remuneración satisfactoria para estes.
Juan Antonio Diéguez Otero, representante da asociación Ventonoso, que agrupa os afectados polas instalacións de parques eólicos e representante tamén dos propietarios deste lugar de Chantada, amosaba a súa satisfacción onte e deixaba clara a súa intención de reclamar o 10 por cento dos beneficios deste parque.
"O parque, con 23 aeroxeradores de 1,67 megawatts cada un, déixalles á empresa, ós prezos actuais, 10 millóns de euros brutos cada ano, o que quere dicir que ese 10 por cento que reclamamos suporía 1 millón de euros anuais para os propietarios", explica Diéguez, un dos 58 comuneiros afectados por este parque eólico.
Non obstante, afirmaba realista que "nas negociacións, que será a tres bancas entre a empresa, os donos dos terreos e a Xunta, xa se sabe, tampouco imos ir cunha posición inamovible".
Ventonoso considera, de todos modos, que esta sentenza vital para os propietarios, que ata o de agora estaban indefensos ante os poderes de negociación das empresas, así como dos prezos fixados polo Xurado de Expropiación. "A partir de agora, debe acabarse a prepotencia das empresas, xa que terán que sentar a negociar connosco", explican desde Ventonoso.
Os antecedentes dun caso moi repetido
A Consellería de Industria, nunha resolución do 10 de xullo do 2003, declarou a utilidade pública das instalacións do parque eólico de Chantada, pero sen fundamentar os motivos.
Na orixe da demanda de Ventonoso esta na insuficiente compensación económica que os comuneiros perciben pola explotación dos seus terreos eólicos, xa que reciben o 1 por cento dos beneficios que xeran estes parques.
Agora, Ventonoso pídelle ó conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Fernando Blanco, que non recorra ó Tribunal Supremo, porque iría en contra dos intereses dos veciños e daríalle a razón a empresas como Enerfín, que campan ás súas anchas e pretenden facer diñeiro á conta dos demais, indicou Diéguez Otero.
Ventonoso: “A actual Xunta expolia os terreos”
"A actual Xunta expolia os terreos. O Xurado de expropiación depreciou 10 veces o prezo dos terreos con respecto ó anterior Xurado", denuncia José Antonio Diéguez Otero, responsable da asociación Ventonoso, que recorda que xa o Valedor do Pobo advertiu hai un ano dos prezos que fixaba esta institución.
Diéguez recoñece que as empresas de parques eólicos seguen a xogar coa "expropiación, da que historicamente a xente lle tiña pánico a este proceso". Isto é así porque as empresas, xa sete anos antes de iniciar a construción do seu parque, inician os contactos cos donos dos terreos. Cando teñen unha parte deles, preséntanlle á Xunta un ‘Acordo cos propietarios’, "cun número deses donos", aclara Diéguez e solicita o permiso para facer o parque. Ata que a Xunta autoriza, pasan máis ou menos dous anos. "Se os donos que non querían vender seguen sen facelo, ameázanos con metelos nunha lista de expropiación e dinlle que lle van pagar menos polos terreos", continúa o representante de Ventonoso. E a ameaza adoita funcionar.
Por esta razón, Diéguez remarca a importancia da sentenza anunciada onte, porque "por primeira vez se defende a propiedade comunal" e remarca que agora entrarán a negociar coa empresa e a Xunta para acadar unha solución "satisfactoria" para todas as partes implicadas.