Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
A compra dun piso segue sendo a prioridade dos galegos, tal e como demostran as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE), que indica que máis do 17 por cento dos cidadáns da comunidade están a pagar a hipoteca para facerse algún día cunha vivenda en propiedade, mentres que a opción do alugueiro, como tradicionalmente, segue á baixa e só un 8,44 por cento dos galegos optan por esta opción.
O pagamento do recibo mensual non está nada fácil, xa que como indica o IGE -que manexa datos do 2005-, esta cantidade supón ata o 15,37 por cento dos ingresos dos fogares.
Non obstante, os galegos non parecen amilanarse ante a suba constante do Euríbor, o índice sobre o que se marca a alza dos recibos mensuais, e en Pontevedra máis do 20 por cento da poboación ten unha contratada, concretamente o 21,39%, polo 18,73% dos coruñeses. A diferenza é considerable con respecto a Lugo, no que pagan hipoteca o 12,78% dos cidadáns e con Ourense, no que a cifra alcanza só ó 11,02%.
De todos estes fogares, o pagamento mensual do seu crédito para a compra da vivenda leva o 15,37% dos seus ingresos totais, sempre segundo datos do IGE de 2005. A cifra mantense en liña co do ano anterior, no que foi de exactamente o 15,84% dos ingresos das familias.
O importe deses recibos da hipoteca, ademais, vai claramente á alza. Segundo o IGE, no 2005 o gasto medio mensual do fogar en hipoteca era de 326,88 euros no 2005. A provincia co menor gasto é Lugo, onde queda en 280,40 euros mentres que no extremo oposto se atopa Pontevedra con 347,53 euros mensuais. A Coruña rexistraba nese ano un gasto medio de 322,89 euros e Ourense de 306,17 euros mensuais.
O custo medio de alugueiro, por outra banda, quedou no 2005 en 218,82 euros. Neste caso apréciase claramente a alza con respecto ó ano anterior, xa que o recibo mensual do alugueiro era de 194,44 euros.
Préstamo de 111.602 € a 25 anos, un 21,5% menos que o español
O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas en Galicia situouse en 111.602 euros no 2006, o que supón un incremento do 12,1%, segundo a estatística de hipotecas publicada onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE). A pesar deste aumento, a cantidade é un 21,5% inferior á media española, que subiu un 12,6% o ano pasado e chegou ata os 140.275 euros.
Pola súa banda, o importe medio por hipoteca constituída sobre o total de leiras rústicas e urbanas en España situouse en 156.876 euros, un 13,9% máis que no 2005.
Durante o ano pasado fixéronse 1.863.846 hipotecas sobre leiras rústicas e urbanas, o que supón un incremento do 6,3% respecto ó ano anterior. O capital dos novos créditos hipotecarios creceu un 21,1% respecto de 2005.
As caixas de aforro foron as entidades que concederon maior número de préstamos hipotecarios no 2006, co 55,7% do total, seguidas dos bancos (33,5%) e doutras entidades financeiras (10,8%). En canto ó capital prestado, as caixas de aforros concederon o 54,1% do total, os bancos o 36,4% e outras entidades financeiras, o 9,5%. O tipo de interese medio dos préstamos hipotecarios no 2006 foi do 3,83% (0,34 puntos superior ó tipo de interese medio de 2005) e o prazo medio de 25 anos, un ano máis que o rexistrado en 2005.
No ano 2006, o tipo de xuro medio dos préstamos hipotecarios das caixas de aforro foi do 3,79% e o prazo medio de 26 anos. En canto ós bancos, o tipo medio dos seus préstamos foi do 3,84% e o prazo medio de 25 anos.
O 97,8% das hipotecas constituídas en 2006 utilizou un tipo de interese variable, fronte ó 2,2% de tipo fixo. Dentro dos variables, o Euríbor foi o xuro de referencia máis utilizado na constitución de hipotecas, xa que figurou no 84% dos novos contratos.
Por outra banda, o número total de hipotecas con cambios nas súas condicións ascendeu no 2006 a 239.624, o que supón un crecemento interanual do 28,5%. No caso das vivendas, o número de hipotecas que modificaron as súas condicións incrmentouse en un 32%.
Atendendo ás condicións, no 2006 se produciron 182.535 modificación pero sen cambiar de entidade financeira.
Gas, auga e electricidade, fixos que van á alza
Os pagamentos fixos do fogar son o gas ou gasóleo, a auga ou a electricidade. O recibo destes servizos supoñen un grande esforzo para os fogares. Así, o gasto medio da unidade familiar en electricidade sitúase en 28,9 euros, mentres que 12,3 euros van dedicados á auga e o 24,2 euros son para o gas o gasóleo, segundo datos do Instituto Galego de Estatística do 2005.
A estes gastos imprescindibles, os fogares galegos teñen que afrontar tamén o pagamento da factura da telefonía fixa ou a comunidade dos edificios nos que viven. Para poder falar polo teléfono fixo, as familias galegas desembolsan unha media mensual de 30, 114 euros mentres que no caso da comunidade, un pagamento obrigatorio, a contía media para cada mes sitúase nos 35,392 euros.
Aqueles máis privelexiados, un total de 7,39% dos fogares, afrontan tamén o pagamento do servizo doméstico, cunha media de 166,302 euros mensuais.
Telefonía móbil, imprescindible
A telefonía móbil é xa un gasto fixo do 72 por cento das familias galegas, tal e como reflicte o Instituto Galego de Estatística no seu último informe publicado, sobre o exercicio 2005. O crecemento desta factura foi inevitable nos últimos anos, pasando do 60 por cento de fogares que o consideraban necesario no ano 2002, ó 72 por cento actual. O uso do móbil é superior na provincia de Pontevedra, co 77 por cento de fogares pagando as facturas mensuais, e na Coruña, co 75 por cento polo 65 que presenta Lugo ou o baixo 58,7% de Ourense.
O seguro da casa non é maioritario
O seguro do fogar é aínda un "luxo" que a maioría dos fogares galegos non se poden permitir. Isto despréndese dos datos do Instituto Galego de Estatística, que indican que só o 46,42 por cento das unidades familiares galegas dedican parte dos seus ingresos a este concepto. Naqueles casos nos que as familias deciden pagar este seguro sobre a súa propiedade, o importe medio mensual está nos 15,91 euros mensuais, o que significa un desembolso anual de 192,92 euros.
Luxo: o coidado de dependentes
O Instituto Galego de Esatística realizou unha clasificación dos gastos dos fogares galegos, por conceptos, e atopamos que no final desa lista se atopa o gasto en coidado de persoas dependentes. De feito, só un 1,16 por cento dos fogares galegos inclúen este servizo na súa factura mensual, iso supón que só poden ou queren acceder a este "luxo" 11.136 casas da comunidade. O gasto dos que si o fan, pola contra, é bastante alto, alcanzando os 283,31 euros mensuais.