Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Fusquenlla, unha asociación de Pontedeume, que leva ano e medio actuando contra os desmáns urbanísticos nesta vila, foi a primeira asociación galega en propoñer unha manifestación na rúa para levar esta problemática á primeira liña da actualidade. Moitas outras asociacións tanto ecoloxistas como veciñais, sumáronse á proposta. Este colectivo concretouse esta mesma fin de semana: Manifestación en Defensa do Territorio, en Santiago de Compostela o próximo día 6 de maio.
"A práctica totalidade de organizacións ecoloxistas galegas acordamos por unanimidade chamar a cidadanía a unha protesta que sirva para amosar a nosa repulsa pola degradación do territorio, un feito que ameaza á propia identidade de Galiza", indica Fusquenlla nun comunicado. Só dúas das asociacións convocadas o sábado pasado para decidir a data desta asociación ofreceron un si condicionado, xa que deben someter a súa decisión ós órganos de dirección.
"Coincidiuse na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia dado o estado de deterioración no que se atopa o territorio galego, tanto no litoral como no interior", explica Antón García, representante desta asociación de Pontedeume e para quen, "se o litoral está ameazado pola construción e as piscifactorías, non o está menos o interior, que sofre a espoliación do Courel e da Terra Chá". Deste xeito, Fusquenlla pasa de centrar a súa acción de denuncia de desmáns urbanísticos en Pontedeume a extender a súa acción a toda a comunidade autónoma.
Non obstante, Fusquenlla non esquece "a deterioración dos núcleos históricos, a destrución do patrimonio arquitectónico, a desaparición dos espazos públicos e zonas verdes, e a edificación masiva que achega a especulación e a depredación da paisaxe".
Por todo isto, as asociacións ecoloxistas, que consideran que existe gran sensibilización social neste tema, chaman á manifestación.
Gran consenso "verde"
Á reunión en Santiago de Compostela na que se decidiu convocar a manifestación en defensa do territorio para o próximo día 6 de maio participaron, ademais da convocante Fusquenlla, Adega, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega, Greenpeace, Ortigueira Sostible ou Luita Verde, entre moitos outros colectivos en defensa da paisaxe en Galicia.
Contra a cementación
Esta protesta do próximo día 6 de maio non ten precedentes na historia de Galicia. Será a primeira vez en que se chame á cidadanía a participar nunha marcha en defensa do territorio. "Temos agora a posibilidade de poñerlle freo á cementación de Galiza, de salvagardar o noso patrimonio natural, que é o mesmo que dicir o noso futuro", remata Fusquenlla.