Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O taxi de motor de aire xa se deixa ver nalgunhas cidades europeas, e destaca pola súa comodidade e baixo consumo FOTO: MOTORDEAIRE.COM |
É pequeno, ideal para as cidades, e verde. Pero non falamos da súa cor, senón do seu espírito, porque o coche con motor de aire xa é unha realidade máis que necesaria para loitar contra a contaminación.
Galicia é punteira nos vehículos de MDI, descubrindo unha nova industria na que pode estar o futuro da automoción, e o empresario Alberto González Viétez ten a exclusiva dos vehículos con motor de aire para a zona de Madrid e as dúas Castelas, por medio da xerencia de Winterra, unha construtora con sede en Santiago especializada en subcontratas, pero que sempre se apunta ós novos desafíos.
Seguindo o exemplo de Guy Nègre, o pai deste automóbil, este emprendedor galego quere concienciar das virtudes deste produto, unha opción real para frear o quecemento global e a contaminación nas cidades. Tras catorce anos de estudo, o creador francés desenvolveu un motor que pode converterse nun dos maiores avances tecnolóxicos deste século, cunha tecnoloxía de aire comprimido que permite fabricar motores non contaminantes cun uso económico.
Os vehículos, a diferenza dos de célula de hidróxeno, non son caros nin limitados na quilometraxe, e existen en dúas variedades, cun motor mono de enerxía de aire comprimido e bienerxía con carburante incluído. Os primeiros úsanse por cidade, onde a velocidade máxima é de 50 quilómetros por hora e onde contaminar estará en breve prohibido. Na actualidade comeza xa a haber "chamadas de atención" das autoridades ó respecto e, por exemplo, en Londres xa se paga por entrar na cidade contaminando cun vehículo de gasolina.
Os motores de bienerxía son os máis avanzados e equipararanse a todos os vehículos da gama, e poden empregarse en estrada, proporcionándolle ó vehículo autonomía, potencia e velocidade que será suficiente para realizar grandes percorridos, gastando só un litro e medio a cada cen quilómetros, cunha velocidade punta de 160.
O camiño do coche con motor de aire compromido ata hoxe foi arduo e complicado, e con difererentes atrancos. Por exemplo, nun principio Nègre pensou que podía desenvolver un motor para proporllo ós grandes fabricantes e desta maneira poder equipar vehículos doutras marcas con este tipo de tecnoloxía, pero non foi posible por razóns técnicas, porque adaptar o motor de aire nun coche convencional supón cambiar o chasis, o que significa cambiar as liñas de fabricación, un reto moi difícil de encarar para a grande industria.
O inventor propúxose entón rea-lizar un proxecto de automóbil completo e dispúxose a elaborar un vehículo acorde coa filosofía e co motor de aire que se estaba desenvolvendo, sustentado na ecoloxía, sinxeleza e funcionalidade.
O resultado de tanto traballo e tantas investigacións deu como froito un automóbil limpo, de calidade, que non pasa por solucións tecnolóxicas moi complexas e pesadas, é dicir, o que todos os grandes fabricantes prometen como revolución para o século XXI.
Segundo indica a páxina web dos fabricantes, o resultado é "un vehículo que non contamina, pesa as dúas toneladas dos actuais, non corre a 220 km/h cando o límite está en 120, non queima petróleo como os coches do século XIX, nin tampouco custa un gran soldo".
Con estes argumentos, MDI véndese como un vehículo "moderno, limpo barato e que cumpre con todos os requisitos do público: un 60% dos condutores conduce menos de 50 quilómetros ó día e deste 60%, o 80% nunca sae do núcleo urbano".
Tal e como afirman os seus ideólogos, con este utilitario poderemos ter "o futuro agora" grazas á súa tecnoloxía punta, con infinitas adaptacións como sistemas de telefonía, GPS, internet, servizos de intercambio de datos do tráfico e un sinfín de aplicacións.
Ademais, como nos novos modelos de coches, destérrase o uso da chave, que queda obsoleta, e o noso pequeno pero coqueto vehículo abrirá as súas portas só con notar a presenza da tarxeta preto del. En resumo, que todo cabe nun coche verde e barato.
¿Como funciona este invento?
Este tipo de coche ideado polo enxeñeiro galo Guy Nègre está propulsado por un motor bicilíndrico alimentado por aire almacenado en estado líquido a alta presión nuns depósitos de fibra de 300 litros de capacidade.
A expansión do aire dentro do motor de 566 centímetros cúbicos encárgase de mover os pistóns e de desenvolver 25 cabalos de potencia a 3.500 revolucións por minuto. Foi pensado principalmente como vehículo urbano, sobre todo pola súa virtude de, lonxe de expulsar emisións contaminantes, devolver o aire ó exterior máis puro do que entrou.
As versións máis demandadas son a de taxi, na que caben cinco persoas, furgoneta para 450 quilos de carga e pick up para dúas persoas, co conseguinte éxito en todo o mundo.