Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
Case todo está preparado para a manifestación Contra a degradación do territorio que máis de cincuenta asociacións ecoloxistas e veciñais de toda Galicia teñen convocada para este domingo, día 6 de maio, en Santiago de Compostela.
A práctica totalidade dos colectivos verdes da comunidade están de acordo co lema elixido: Galiza non se vende. Terra viva e vida digna para todas, e chaman a poboación a participar nesta mobilización xurdida da preocupación dos colectivos ecoloxistas polos continuos casos de corrupción urbanística, así como da presión tanto sobre o territorio do interior como sobre a liña do litoral.
Para facilitar a participación en dita marcha na capital de Galicia, desde Fusquenlla, organización de Pontedeume que se encargou activamente dos preparativos para esta convocatoria xunto con Salvemos Monteferro e Verdegaia, está previsto fretar autobuses. Tamén chegarán buses doutros lugares de Galicia.
A cita é na Alameda de Santiago de Compostela ás 12 da mañá. Tras un longo percorrido por algunhas rúas da zona nova da capital de Galicia, os manifestantes entrarán na zona vella pola Rúa Nova, para ir parar á praza da Quintana, onde están previsto os actos finais da protesta. Así, a actriz galega Mabel Rivera será a encargada de ler un comunicado oficial co que os organizadores queren recordarlles ás autoridades competentes a importancia da paisaxe.
Neste comunicado oficial que se lerá ó final da protesta polas rúas de Santiago preténdese recordar o sentir, non só dos cidadáns anónimos de toda Galicia, senón tamén dos máis de cen persoeiros da cultura, da arquitectura, da música, da universidade... da comunidade, que xa expresaron o seu apoio a esta iniciativa a través da sinatura do manifesto que se fixo público a fin de semana pasada.
O voceiro de Fusquenlla, Antón García, manifestoulle onte a este xornal a satisfacción pola "boa acollida" que esta convocatoria está tendo. "Eu podo falar de Pontedeume, e aquí parece que a xente está moi animada. Non sei no resto de Galicia, pero pola resposta que temos de ducias de persoeiros de todos os ámbitos, espero que a xente se implique".
Este colectivo, xunto coas outras convocantes, está a poñer todo o seu empeño para que esta manifestación sexa unha chamada de atención á clase política por parte da cidadanía, especialmente ante a próxima convocatoria de eleccións municipais, que se celebrarán o 27 deste maio.
Por unha “nova cultura”
As asociacións que acoden á manifestación de Santiago este domingo día 6 reclaman o cumprimento da lexislación vixente en materia urbanística, unha nova lei de ordenación do territorio, promover unha estratexia de xestión integrada do litoral, a protección efectiva e ampliación da aplicación das figuras de protección ambiental e a transparencia e a participación da cidadanía nas decisións que lle atinxen ó territorio. En definitiva demandan “a implantación dunha nova cultura do territorio”, sinalan os colectivos no seu manifesto.
Plan director de ordenación
“Pensamos que a actual Xunta e que os concellos que saian dos vindeiros comicios deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación haberá de modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un plan director de ordenación do territorio, naturalmente discutido e acordado polas organizacións sociais e núcleos de opinión”, manifestan os convocantes no seu manifesto, feito público a fin de semana pasada e asinado por máis de 100 persoeiros.