Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
¿Por que cre que é necesaria esta manifestación contra a degradación do territorio?
¿Cales son as expectativas en canto a mobilización da cidadanía galega?
¿Que debe pasar despois de que se produza esta protesta a favor da nosa terra?

Xan Duro
Verdegaia: "Morre Galicia como terra e como cultura"
? "A pouco que unha persoa dea un paseo polo noso territorio, ve a necesidade desta manifestación", asegura Xan Duro, coordinador de Verdegaia. Segundo asegura, a combinación do despoboamento do interior e da hiperconstrución no litoral está a destruír Galicia como territorio e como cultura. A falta de planeamento afecta a todos os ámbitos da vida neste país, de aí a necesidade desta chamada de atención tanto de cara á cidadanía como á Administración para facer fronte á vaga de cobiza e cartos fáciles.
? Agardamos unha convocatoria importante. Evidentemente, o número de participantes é unha incógnita pero, cando menos, esta será unha mobilización digna.
? De entrada, que a Administración se fixe nas reivindicacións dos distintos colectivos que participan na protesta, xa que o desenvolvemento da nosa terra non pode facerse nunca de costas á cidadanía. Por iso, esta reivindicación supón unha participación activa e real dos galegos nunha nova construción do territorio para frear as nocivas perspectivas de futuro.Queremos unha vida digna nunha Galicia real, con vencellos co seu pasado e con proxección de futuro.

Margarita Ledo
Ledo: "Se non nos alenta a paisaxe..."
? Por que é necesaria esta manifestación?, para min é moi sinxelo, porque son dunha zona, a Terra Chá, onde hai unha mina de seixo, de Villar Mir, que está a destruír toda a comarca, por completo, unha comarca na que a paisaxe e a produción agraria foi sempre un puntal. Hai que ter en conta que o seixo, en si, marca certa identidade nesta zona. E este é só un exemplo. Co urbanismo hai un problema gravísimo de desestruturación.
? Non sei o que pasará o domingo, pero non importa moito... que non vaia moita xente non significa que os cidadáns non lles poidan dar un toque de atención ás administracións.
? A xente debe pensar en qué é o territorio, e as Administracións nas súas responsabilidades.

Fins Eirexas
Adega: "A falta de modelo crea alarma social"
? A mobilización é unha mostra evidente de que a sociedade está preocupada pola xestión insustentable que se está a facer do territorio. Esta é a opinión de Adega en palabras do seu secretario executivo, Fins Eirexas. Segundo explica, a falta de modelo está a crear unha grande alarma social e esta protesta é a cristalización dunha marea social en contra da especulación, do urbanismo insostible e da degradación do noso territorio.
? As mellores. Hai que ter en conta que a mobilización conta co apoio de diversos colectivos, persoeiros, intelectuais, artistas, intelectuais... Pero a protesta cidadá non debe medirse por este acto puntual, posto que xa hai tempo que a sociedade está á vangarda na defensa do territorio.
? Dende Adega seguiremos co firme e irrenunciable compromiso co territorio, vehiculizando a alarma social. As demandas comezan a ter unha resposta importante da sociedade, e agora deben estar nos primeiros postos das axendas dos políticos. Por ese motivo, seguiremos traballando en dúas liñas: a presión institucional, esixindo leis e vixiando o seu cumprimento, e a presión social, denunciando o desenvolvemento irracional e a falta de equilibrio territorial.

Xabier Cordal
Cordal: "É difícil para algúns ver o problema"
? Parece que a xente comezou a decatarse dos efectos desta desfeita urbanística, que creo que é moito máis que urbanística, xa que as súas consecuencias chegan ata o desartellamento de sociedades enteiras. Hai vilas mariñeiras que pasan a ser de servizos e os mozos só poden traballar como camareiros ou na construción. Eu chamaríao política colonial.
? Espero que vaia moitísima xente, pero hai que ter en conta que o problema non é fácil de ver para algúns, xa quen hai quen prefire ver o beneficio económico que supón para pequenos propietarios. O importante é ir, a calidade, os colectivos que responden.
? A verdade é que me parece difícil un cambio da política urbanística.

Celestino Quintela
FEG: "Estamos ante un sistema moi depredador"
? "Esta mobilización pretende ser unha chamada de atención sobre un problema que ameza con manterse: un modelo depredador do noso medio que destrúe os recursos naturais e a súa permanencia no futuro", asegura Celestino Quintela, membro da Federación Ecoloxista Galega (FEG). Un modelo que, segundo Quintela, non só afecta ó urbanismo, nin á presión sobre o litoral, senón sobre todo o territorio, especialmente no interior co problema das canteiras.
? Agardamos que sexa unha mobilización moi ampla. Os convocantes son moitos colectivos e dun signo moi difente. Ademais, a maior parte delas son plataformas locais que reivindican causas locais, o que sempre move moita máis xente. Hai que ter en conta que non é unha protesta na que conflúen moitisimas problemáticas. É un mal galego reflectivo en varios problemas locais.
? Promover un desenvolvemento e planeamento territorial acorde coa conservación do medio e que busque o benestar social. Iso implica dende a aprobación do Plan Integrado do Litoral, ata lograr o cumprimento da lexislación ambiental e unha verdadeira protección dos espazos senlleiros, en función da súa biodiversidade.

Xavier Senín
Senín: "Debe ser unha chamada de atención"
? Creo que unha manifestación como a deste domingo debe ser unha chamada de atención tanto cara á cidadanía, para que se conciencie, como para as distintas autoridades competentes.
? Non sei se a xente acudirá, eu seguro que estarei. Aínda que nunca se pode predicir a participación nunha manifestación, creo que o problema da degradación do noso territorio, por mor dun urbanismo desaforado está entre as principais preocupacións da sociedade.
? Espero que tras o domingo se tomen medidas, que as tomen os parlamentarios e os que as teñen que tomar, que se poñan mans á obra. Por parte da cidadanía, hai que concienciarse sobre o problema.