Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Vista xeral da compostelá Praza da Quintana onde onte ó mediodía se reuniron máis de catro mil galegos para reivindicar unha nova cultura do territorio que evite a degradación do país FOTO: FERNANDO BLANCO |
"Isto non é o final. É o principio dunha dura loita". Ó berro claro e unánime de Galiza non se vende, catro mil persoas reclamaron onte en Santiago de Compostela unha nova cultura do territorio para frear o acelerado proceso de espolio e destrución da xeografía galega, dende a costa ó interior. Unha gran marea humana congregouse ás doce da mañá de onte na Alameda compostelá en resposta á convocatoria realizada polos preto de 40 colectivos locais e ecoloxistas nunha "necesaria chamada de atención" sobre a grave degradación do territorio que está a sufrir Galicia.
Os milleiros de galegos que sairon onte á rúa quixeron lanzar un fío de esperanza e resistencia a todos os redutos do territorio ameazado, para defender "o noso patrimonio irrenunciable: a paisaxe, a vida e a identidade do noso país". A manistación de onte en Santiago evidenciou que a degradación do territorio galego vai más alá do urbanismo desaforado na costa ou da instalación de industrias contaminantes en espazos senlleiros. A depuración das rías, a necesaria conservación de zonas verdes nas cidades ou a defensa dos sectores económicos tradicionais confluíron co rexeitamento ás plantas acuícolas, ós recheos no mar ou á degradación do interior, demostrando que a protesta de onte foi un berro unánime ante un problema galego que se manifesta de múltiples formas no eido local.
Tras un percorrido polas rúas máis céntricas de Compostela, o coordinador xeral do colectivo ecoloxista Verdegaia, Xan Duro, recordou nunha concorrida praza da Quintana os tres problemas máis graves cos que se enfronta a día de hoxe Galicia: a presenza da planta de Reganosa en Ferrol, a instalación de dúas piscifactorías en Quilmas (Carnota) e Costa Galloufa (Porto do Son) co acordo da Xunta de Galicia, e a destrución dunha paraxe coma O Courel por parte das louseiras, que amezan a supervivencia deste futuro Parque Natural. Tras as palabras do representante de Verdegaia, a actriz Mabel Ribera procedeu á lectura do manifesto, acto no que estivo acompañada de varios representantes dos colectivos convocantes e destacados persoeiros como o escritor Suso de Toro ou o arquitecto Pedro del Llano.
"En Galicia algo está pasando", exclamou a popular actriz entre as múltiples voces que clamaban pola protección do noso territorio. "E o máis doloroso é que a orixe desta situación de extrema gravidade que ameaza a nosa terra e o noso mar non é unha catástrofe natural nin unha fatalidade. Non. Vén da cobiza, da falta de concienciación social, da ambición depredadora, da ignorancia, da irresponsabilidade e da cega ambición de persoas que, dende as empresas, dende as administracións públicas ou nas súas actuacións particulares están a destruír a nosa paisaxe e o noso patrimonio cultural, están a empobrecer a biodiversidade, están a empeorar a nosa cualidade de vida e a malvender o futuro das vindeiras xeracións", engadiu Ribera.
Sete medidas urxentes para unha nova política
O manifesto, redactado e asinado por todos os grupos convocantes, puxo sobre a mesa sete medidas urxentes para lograr unha "nova cultura do territorio". Xunto co necesario cumprimento da lexislación vixente, os colectivos reclamaron a posta en marcha dunha nova Lei de ordenamento do territorio que delimite o que se pode facer e onde, a promoción dunha estratexia de xestión integrada do litoral que remate coas políticas de "pan para hoxe e fame para mañá", a protección efectiva dos espazos naturais e a ampliación destas figuras de protección ambiental e a transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ó territorio.
Unha chamada de atención á cidadanía sobre a súa responsabilidade e concienciación á hora de habitar esta terra puxo o punto e final a esta marcha, que promete ser o principio dunha dura e longa loita.
Actuacións en cada localidade
A manifestación de onte en Compostela foi unha chamada de atención unánime, que agora atopará a súa continuidade nas mobilizacións que cada un dos colectivos participantes van convocar nas súas localidades.
Concienciación da cidadanía galega
Xan Duro, cualificou onte de "rotundo éxito" a convocatoria e agradeceu a presenza dos asistentes. "O certo é que non esperabamos a tanta xente. Alegrámonos da concienciación da cidadanía galega con este problema"
Representantes de varios ámbitos
A lectura do manifesto correu a cargo da actriz Mabel Ribera, o arquitecto Pedro del LLano, o escritor Suso de Toro, Héitor montero, Tareixa Narcea, Montse Centellas e a presidenta de Adega, Adela Figueroa.