Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

CONFLITO

Boicot a Reganosa

08.05.2007 O primeiro gaseiro non logra entrar na ría de Ferrol despois de que unha trintena de lanchas lle impediran o paso en dúas ocasións pola "falta de seguridade" do metaneiro

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN E AXENCIAS . FERROL

O gaseiro ‘Galicia Spirit’ tenta entrar na ría de Ferrol rodeado de lanchas de seguridade e os mariñeiros FOTO: KIKO DELGADO
O gaseiro ‘Galicia Spirit’ tenta entrar na ría de Ferrol rodeado de lanchas de seguridade e os mariñeiros
FOTO: KIKO DELGADO

Galicia quere converterse en potencia enerxética, ó introducirse no mercado do gas coa planta de Reganosa en Mugardos. Non obstante, boa parte da cidadanía da comarca oponse á posta en marcha desta infraestrutura por razóns de seguridade. Así o demostrou onte, impedindo contundentemente a entrada do primeiro gasero. O Galicia Spirit, paradoxalmente construído nos estaleiros de Corea, intentou acceder sen éxito á estreita ría de Ferrol desde primeira hora da mañá. En fronte atopouse cunha barricada de lanchas de mariscadores, mobilizadas en nome do Comité Cidadán de Emerxencia. Ó primeiro intento, o buque non puido entrar. E ó final do día, pese ó apoio público de Goberno central e Xunta, tampouco alcanzou o seu destino.

Polo medio transcorreron doce horas de tensión e incógnitas. Ás 07.40 horas o metaneiro intentaba acceder a augas ferrolás con máis de 140.000 metros cúbicos de gas natural licuado, rodeado de remolcadores e embarcacións da Garda Civil do Mar. Na zona de entrecastelos, comprendida entre as fortalezas da Palma e San Felipe, deuse case de bruzos con máis de 30 motoras de mariscadores. Coordinada polo Comité Cidadán, a protesta servía para "demostrar os perigos para o ecosistema e a seguridade humana derivados da posta en marcha da planta". Segundo testemuñas presenciais, "o buque chegou a enfilar a entrada da ría" aínda que non excedeu a altura do dique do porto exterior.

 

O acceso resulta imposible coa marea baixa

Tras media hora de escaramuzas, ás 08.10 horas, os obstáculos humanos e metereolóxicos se aliaron en contra do Galicia Spirit. Coa baixada da marea, a entrada á ría resultaba imposible. O buque, fletado por Unión Fenosa e cun custo de 200 millóns de euros, pegaba un xiro de noventa graos e enfilaba cara á ría de Ares. Ás 09.00 horas xa fondeaba tranquilamente na zona aresá de Punta Coitelada. Tivo que esperar dez horas máis para reintentar un novo desembarco en augas ferrolás. Finalmente, terminou o día regresando a Ares ó atoparse cunha barreira de lanchas e seguindo as recomendacións dos prácticos.

Pola súa banda, o Comité Cidadán denunciou onte en roda de prensa que Reganosa non ten autorización de funcionamento, só de construción, o que lle impediría realizar probas como a prevista; que non cumpre coa distancia esixida á poboación (con núcleos como o de Mehá a 300 metros ou Mugardos a 800 metros); e que tampouco ten plans de emerxencia.

 

Funcionamento da planta tras tres meses de proba

"Non é suficiente dicir que unha instalación é segura, hai uns protocolos de seguridade que teñen que demostrarse tres meses antes de finalizar unha obra como esta", subliñou Carmelo Teixeiro, voceiro do Comité. Tras os tres meses de proba sería cando, segundo Teixeiro, Reganosa podería solicitar unha autorización de funcionamento.

Por iso, Teixeiro critica a actitude do Capitán Marítimo Jorge Cao, do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Amable Dopico, e do delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, por estar "inactivos ante a entrada dun barco que quere ameazar a ría de Ferrol". Dende o Comité, recalcouse que non están a "romper á legalidade, senón defendéndoa", polo que instou ás autoridades para prohibir a entrada do buque.

A regasificadora de Mugardos contou neste infructuoso periplo co apoio do Goberno central e da Xunta. Deste xeito, o presidente autonómico, Emilio Pérez Touriño, apuntou que "é necesario cumprir a legalidade vixente e garantir a operatividade e funcionamento da planta". Touriño xustificou que a regasificadora de Ferrol "é un proxecto do anterior Executivo, pero debe transformarse nun espazo de oportunidade no desenvolvemento comarcal, o Estado debe garantir a actividade de Reganosa". Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, garantiulles ós cidadáns que o barco cumpre con todos os permisos requiridos, mentres que o subdelegado de Goberno, José Manuel Pose, recalcou que "a nosa obrigación é que o gaseiro entre na planta de Mugardos".

O DATO

Protesta en contra da planta

Previamente ó segundo bloqueo ó barco metaneiro por parte dos mariñeiros,unhas 200 persoas manifestáronse no peirao da Corruxeira para protestar pola posta en funcionamento da planta de gas de Reganosa. Os manifestantes recibiron con vítores as embarcacións que a última hora de onte volveron impedir o paso do gaseiro. O Comité Cidadán anotou así a súa primeira batalla, e hoxe volverán, coa preamar, facer unha nova saída para evitar, de novo, a entrada da embarcación. O seu lema: "Non pasarán".

 

A REACCIÓN

A regasificadora vai denunciar "por danos" e de xeito individual

Reganosa denunciará "por danos" a todas as persoas que identificou a Garda Civil do mar cando impediron a entrada á planta de Mugardos do buque Galicia Spirit e farao "de xeito individual e non como colectivo".

Segundo fontes da empresa consultadas por Europa Press, Reganosa conta "cunha autorización outorgada polo Ministerio de Industria o pasado 4 de maio" para o seu "funcionamento en probas" e durante un período de tres meses. Fontes desta compañía situada en Ferrol engadiron que, a partir desa data, terá que negociarse a autorización para o funcionamento comercial. Reganosa tamén precisou que o metaneiro Galicia Spirit "cumpre todas as normas específicas" desenvolvidas por Capitanía Marítima nun informe feito sobre entrada de metaneiros na ría de Ferrol, do 27 de abril, e conta, polo tanto, "co visto bo do Ministerio de Fomento".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS