Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia constrúe seis vivendas por cada habitante que gaña, evidenciando un crecemento desmesurado que non atopa na necesidade demográfica o seu motivo. Así o indica un informe sobre o urbanismo galego, o grupo ecoloxista de Pontedeume, Fusquenlla, quen destaca a construcción de 214.000 vivendas nos últimos seis anos fronte ós 34.600 habitantes que gañou a comunidade neste tempo.
Unha tendencia á alza que parece que non vai cesar nos próximos anos. Segundo as estimacións elaboradas polo colectivo a partir dos datos dos que dispoñen as consellerías de Vivenda e Política Territorial, así como o Observatorio Inmobiliario do Centro de Investigación Económica e Financeira de Caixa Galicia, a nosa comunidade duplicará nos próximos 10 anos os 22 milllóns de metros cadrados edificados cos que conta na actualidade. Se no 2006 se bateron todos os récords de edificación de vivendas, con case 42.300 pisos, as previsións apuntan que este ano a construcción aínda aumente por riba do 33%, cuns 56.000 inmobles máis.
Destrución da paisaxe e mingua dos servizos básicos
"Estamos ante un crecemento urbanístico que non atende ás necesidades reais e que crea numerosos inconvenientes", alerta Antón García, representante de Fusquenlla. Para García, a deterioración da paisaxe é un dos principais problemas da moda do formigón. "Coa destrución da paisaxe estamos perdendo a identidade de Galicia como país. Coa posta en marcha de bloques de edificios sen control pérdense as diferenzas arquitectónicas e xa non sabes distinguir se estás nunha vila do norte ou do sur de España", indica García.
Non obstante, a pesar de ser o máis evidente, este non é o único problema que para Fusquenlla provoca o crecemento urbanístico na nosa comunidade. De feito, o aumento da vivenda ocasiona unha alza na demanda dos servizos básicos, xa de por si insuficientes e deficientes. "O único que se consegue con isto é agravar o problema de suministración de auga, luz, instalacións de sumidoiros, contaminación...", asegura Antón García.
Se a situación xeral xa é de por si insostible, a cousa agrávase se nos centramos unicamente na franxa litoral. Segundo datos do Informe de Sostibilidade de España, Galicia xa ten construido o 15% do seu primeiro quilómetro de costa, unha cantidade superior á de comunidades autonónomas cunha importante actividade urbanística como Baleares ou Canarias. A isto hai que engadir as previsións dos novos plans de urbanismo dos concellos do litoral, que aspiran a edificar 800.000 novas vivendas, unha previsión superior á da Costa do Sol, con Marbella incluída, feito que evidencia unha tendencia que xa comezou a afianciarse nos últimos anos: o "boom" da segunda vivenda. De feito, entre os anos 2001 e 2005, case a metade das novas vivendas construídas na costa, un 44%, destináronse a segunda residencia. Unha actividade desmedida que non atopa control.
Ortigueira prevé crecer un 1.230%
Un total de 18 concellos galegos prevén, para os próximos anos, un aumento da edificabilidade superior ó 100%. Ortigueira está á cabeza, cunha suba do 1.230%, seguido de Cabana de Bergantiños, Sada (433), Mugardos, Pobra, A Illa, Outes, Pontedeume, Ribeira e Fene.
As medidas da Xunta, erradas
As medidas que emprendeu a Xunta para evitar este "boom" urbanístico son, para Fusquenlla, "pouco efectivas". Segundo García, a polémica Lei dos 500 metros é unha medida provisional que non resolve nada e que, coa antelación coa que se produciu o anuncio, o único que provocou foi que os concellos outorgasen máis licenzas antes de que entrara en vigor. Para Fusquenlla, as medidas de Política Territorial contra as actuacións abusivas dos concellos tampouco son efectivas, xa que os consistorios non as cumpren e a legalidade non se repón.
Por outra banda, Antón García avoga por recuperar o que xa hai, como os núcleos antigos e os edificios deteriorados, antes que seguir construíndo, xa que a poboación non crece tanto. "Hai que mellorar o que hai e dotar as poboacións de máis servizos para conseguir, así, unha mellor calidade de vida", asegura.
Sen efecto nas arcas municipais
A Asociación Fusquenlla tamén desmente no seu informe que as taxas pola concesión de licenzas urbanísticas acheguen uns ingresos xenerosos ás arcas municipais. Segundo os datos do Consello de Contas, os cartos que os concellos reciben das promotoras inmobiliaras non son máis que un 3% do que gastan, co agravante de que esa porcentaxe non chega para suplir os gastos derivados das obras que os concellos deben efectuar para dotar de servizos as novas urbanizacións.
"A dilixencia coa que os consistorios lles dan o visto e prace ós proxectos urbanísticos non repercute no ben do municipio, senón, posiblemente, nos bolsos dos alcaldes e os concelleiros que as conceden", afirma Antón García, para quen este dato é determinante para demostrar a existencia de corrupción urbanística en moitos municipios.