Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
O urbanismo desaforado constitúe unha das principais ameazas do medio natural. O aumento desmedido que o sector da construción está a experimentar na nosa comunidade provoca, ademais da xa coñecida sobreexplotación da costa e da destrución da paisaxe, un aumento sen precedentes dos seus refugallos. Só no ano 2006, o sector da construción e a demolición acumularon un total de 2 millóns de toneladas de entullos, dos que só un 20% recibiron un tratamento axeitado, unha xestión deficitaria que está a causar danos irreversibles na nosa contorna.
"O gran dinamismo do sector superou a media nacional provocando un aumento de residuos que superou todas as previsións", asegura Luz Pardo, secretaria da Asociación de Recicladores de Construción e Demolición de Galicia (Arcodega). Segundo os datos dos que dispón a asociación, ata un 60% destes residuos elíminanse de forma incontrolada, depositándoos en vertedoiros ilegais, nas beiras dos ríos ou en predios, "unha acción insostible con graves repercusións". Arcodega apunta a ausencia dunha boa xestión, ademais dun impacto visual negativo, que ten unha alta dose contaminante porque entre os entullos se mesturan residuos perigosos, que cómpre separar para evitar danos.
Problemas para colocar os reciclados no mercado
A isto súmaselle un importante desvaldimento de materias primas, xa que o 95% dos residuos procedentes da construción e a demolición poden volver aproveitarse noutras obras. "No 2006, as nosas plantas reciclaron un 92% das 77.000 toneladas que recibimos, das que un 82% correspóndense con áridos, un produto con numerosas aplicacións", explica Luz Pardo.
Non obstante, dende Arcodega denúncianse as dificultades para colocar estes produtos reciclados no mercado tanto polo baixo prezo que presentan os áridos naturais como pola desconfianza que os materais reutilizados seguen a sementar entre os profesionais. Por iso, dende Arcodega demándase da Administración galega unha maior implicación no problema, intervindo neste mercado con medidas como a obriga de utilizar unha determinada porcentaxe de materiais reciclados na obra pública.
A Administración non é, non obstante, a única que se ten que "poñer as pilas". A pesar dos avances conseguidos polo sector nos últimos tempos, como demostra a incorporación de departamentos de calidade ambiental no seu organigrama, dende Arcodega demándaselle unha maior concienciación. Conscientes de que o único impedimento para reciclar é o económico, Pardo asegura que a diferenza entre un mal e un correcto tratamento dos residuos non supera o 10%. Por iso, accións como a separación en orixe, a aplicación dunha ferramenta de xestión correcta ou a implantación de sistemas de xestión certificados, contribuirían de forma decisiva a evitar que a construcción siga minguando a nosa contorna. Unha acción que implica tamén á cidadanía, que debe ser consciente do risco que supón un mal tratamento destes residuos.
A Administración ten dez plantas Cada galego produce unha media de 407 quilos ó ano
Cada galego produce ó ano 407 quilos de entullos. Esta é a media que ofrecen os datos do plan de xestión de Residuos da Construción e Demolición de Galicia 2005-2007, no que se recolle a producción desta clase de residuos durante o presente ano. Estes alcanzan en total 1.107.693 toneladas, divididas en 508.710 procedentes da construción; 274.266 da rehabilitación e 324.716 da demolición. As cifras amosan un comportamento diferente entre as provincias atlánticas e as interiores, debido á maior poboación e actividade económica das primeiras. Deste xeito, a provincia da Coruña destaca por riba do reto con moita diferenza coas 532.000 toneladas que produce, practicamente a metade deste tipo de residuos. Séguelle a de Pontevedra, con 305.873 e, a moita distancia, Lugo, con 159.000 e Ourense, que supera as 110.000 toneladas.
As novas edificacións na comunidade autónoma galega xeran 508.710 toneladas de residuos, mentres que a rehabilitación queda en 274.266, dato que corrobora a preferencia pola nova vivenda fronte á rehabilitada. Ademais, a demolición que serve de anticipo para a nova construción engade outras 324.716 toneladas.
A iniciativa privada dispón de dezasete
A iniciativa privada dispón de máis plantas dedicadas a este negocia que a Administración galega. Deste xeito, existen 17 centros en toda a comunidade, situados en Betanzos, Coirós, Teo, Cerceda, Carballo, Pontedeume, Boiro, Lousame, Ferrol, O Pino, Vimianzo, Bergondo, Ortigueira, Pontevedra, Redondela, Vigo e Lugo.
Vinte vertedoiros controlados
A Consellería de Medio Ambiente habilitou tamén vinte vertedoiros controlados para depositar neles os residuos da construción. Atópanse na Guarda, A Rúa, Boiros, Carballo, Cerceda, Chantada, Forcarei, Leiro, Lourenzá, Monforte, Monterroso,Ortigueira, Quiroga, Ribadeo, Sanxenxo, Silleda, Valga, Vilalba e Xove