Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

OS VECIÑOS, INDIGNADOS

Pesca insiste en destruír Corrubedo

03.07.2007 A consellería de Carmen Gallego elixe o cabo da vila que é capital do parque natural das dunas para levantar unha gran piscifactoría, moi preto de onde a prohibiu hai dous anos

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

O CORGO, AMEAZADO. A paisaxe virxe da costa de Corrubedo na zona do Corgo corre o perigo de ter os días contados se vai adiante o proxecto dunha macropiscifactoría FOTO: Nacho Santás
O CORGO, AMEAZADO. A paisaxe virxe da costa de Corrubedo na zona do Corgo corre o perigo de ter os días contados se vai adiante o proxecto dunha macropiscifactoría
FOTO: Nacho Santás

Indignados, burlados, enganados e humillados. Así se senten os veciños da localidade ribeirense de Corrubedo tras coñecer o novo Plan Acuícola, presentado pola Consellería de Pesca o venres pasado. Un ano despois de que a Administración autonómica desbotase polo seu forte impacto ambiental na zona o proxecto de Stolt Sea Farm para construír a maior granxa piscícola do mundo en Punta do Corgo, os veciños atópanse agora que o departamento de Carmen Gallego elixiu a punta de Laxe-Brava, a dous quilómetros da anterior, para establecer unha piscifactoría de similares dimensións.

“Cabo Corrubedo –zona na que se sitúa o espazo reservado por Pesca– é un exemplo de conservación secular dunha das últimas paraxes virxes da costa galega e en vez de premiar ese esforzo, a Xunta decidiu castigala”, indica Manoel Santos, representante da Plataforma Ambiental de Corrubedo.
A zona designada atópase na contorna do lugar de Teira, un dos sitios máis sobranceiros da vila. Ademais de ser a única zona virxe do litoral ribeirense, é o único espazo agrogandeiro que conserva Corrubedo. “O Corgo é a única zona que conseva leiras traballadas, primordialmente polas xentes do lugar de Teira e máis de Espiñeirido, que aínda manteñen explotacións tradicionais de cereais, millo, produtos hortícolas e unha pequena cabana gandeira, unha riqueza agrogandeira que se perdería coa actividade da piscifactoría”, explica Santos. A isto hai que engadir que os hábitats de interese comunitaria da Laxe-Brava son eminentemente mariños, polo que as verteduras dunha instalación deste tipo contaminarían os areais lindeiros e as zonas de cantís onde se explotan sustentablemente especies de alto valor.

A zona de Teira, ó igual que ocorría con Punta dos Corgos, non está incluída na Rede Natura 2000, como o resto da franxa litoral que abrangue dende Sálvora ó Castro de Baroña. Non obstante, o lugar elixido por Pesca lindaría co espazo protexido, afectando ós hábitats de interese comunitaria recollidos no LIC de Corrubedo. “Esta foi a razón esgrimida pola Xunta para desbotar a instalación de Punta dos Corvos”, recorda Santos, quen non entende esta nova decisión.

Os veciños de Corrubedo xa anunciaron que presentarán no mes de agosto as alegacións correspondentes ó proxecto, ademais de todas as sinaturas que se logren na campaña de recollida de apoios que se inicia dende hoxe. Primeiro foi o Parque Natural, despois a conserveira, o ano pasado a piscifactoría... Corrubedo é unha localidade que está acostumada a loitar e iso demostrarase nunha gran manifestación que se celebrará este agosto. l

A punta de Laxe Brava está situada no Cabo Corrubedo, a dous quilómetros de Punta dos Corvos
A punta de Laxe Brava está situada no Cabo Corrubedo, a dous quilómetros de Punta dos Corvos



AS CLAVES

O primeiro acto, a Carreira do Corgo

O lugar elixido para establecer esta “fábrica de peixes” é a contorna do lugar de Teira, unha zona cunha paisaxe de extraordinaria beleza natural, que conserva leiras de cultivos tradiconais, pequenas brañas, toxeiras e uceiras costeiras e unha liña litoral chea de abraiantes cantís de percebe, pedras furadas de cacholas, furnas e praias de croios. Este espazo foi o elixido pola Plataforma Ambiental de Corrubedo para celebrar a I Carreira Campo a través do Corgo. A Carreira pola Defensa da Paisaxe, na que máis de 200 corredores lanzaron un berro pola protección do litoral.

32 millóns para a nova fábrica

O novo proxecto deseñado pola Consellería de Pesca para o Cabo Corrubedo ocuparía ­unha extensión de 308.000 metros cadrados, para o que a Xunta deberá investir un total de 38 millóns de euros. “O orzamento da actuación é totalmente desproporcionado para o rendemento laboral que a experiencia nos di que teñen estas instalacións”, asegura Manoel Santos, quen dubida da necesidade de investir tantos cartos públicos nunha actividade económica “que non me parece estratéxica”.

A exposición ata o mes de agosto

Ante a denuncia feita polos veciños de Corrubedo, a Consellería de Pesca limítase a indicar que o novo Plan Acuícola estará a exposición pública durante dous meses. Durante este período será posible presentar alegacións ao texto á vez que serán emitidos os informes correspondentes por parte de departamentos locais, autonómicos e estatais. Unha vez analizadas as alegacións presentadas, o departamento fará as modificacións correspondentes nun período de tempo non especificado.


A REACCIÓN

Adega: “A granxa afecta á Rede Natura”

“Que non se coloque a granxa en Rede Natura non significa que non lle afecte”. Tras o anuncio feito por Pesca de que só catro piscifactorías das 22 proxectadas estarán incluídas en zonas protexidas, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) advirte de que a elección de zonas próximas, como a de Teira en Corrubedo, repercutirá de forma moi negativa neses espazos. “Está demostrado que as granxas acuícolas contaminan ó non contar con depuradora nin permiso de verteduras”, asegura Martiño Fiz.
Para Adega a creación de 22 novas “macropiscifactorías” no litoral galego, o único que vai provocar é un aumento da contaminación que estamos a sufrir. “Incrementar o número de piscifactorías desproporcionadas conlevará un aumento dos danos causados polas augas sen depurar. Imos crear novos problemas sen solucionar os que xa temos”, advirte Martiño. Por iso, a asocaición ecoloxista anima os veciños das zonas afectadas polo novos plans sectoriais a que analicen os proxectos para presentar as correspondentes alegacións.

 


Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS