Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Momento da entrada na prisión de Teixeiro dos tres veciños de O Eixo FOTO: A.H. |
Despois dun longo movemento popular no que Santiago se implicou en pleno, onte cumpriuse o inevitable e Jesús Montoiro Cepeda, José Moreira Fernández e Simón Márquez Valle, os tres veciños da parroquia do Eixo condenados por unha agresión a un axente policial en 1989 ingresaron a última hora dunha triste tarde no Centro Carcerario de Teixeiro, en Curtis, acompañados por familiares, amigos e unha representación dos seus conveciños.
Non eran nin as 7 da tarde, hora prevista para a concentración en apoio ós tres homes, cando case cen persoas esperaban na parte superior da plataforma de autobuses en Xoán XXIII, esperando con indignación a hora en que os autobuses os levaría ata Teixeiro para acompañar ós tres detidos. Na plataforma, á vez que estes veciños, amigos e composteláns esperaban na parte superior, unha decena de persoas, entre eles Néstor Rego, que testemuñou que "estamos aquí para darlle o noso apoio. Sempre o fixemos e seguirémolo facendo". Sobre as 19.00 horas a plataforma empezouse a encher. Tres autobuses chegaron cargados desde O Eixo, mentres outro esperaba baleiro na chaira.
Veciños, amigos e familiares baixaban, mentres o nerviosismo percorría a multitude, esperando que aparecesen nalgún momento os tres veciños do Eixo. Case 500 persoas reuníronse na plataforma para ofrecerlles o seu apoio. Por todos os lados escoitábanse as palabras inxustiza e indulto, xunto con carteis que demostraban a solidariedade dos presentes: "O pobo cos do Eixo", puña un deles. A medida que se achegaba a hora de ingreso en prisión dos veciños do Eixo, o nerviosismo e a tristeza empapaban os presentes. "Estamos aquí para darlles o noso apoio", dicían. "Eles somos todos". Un home presente na concentración testemuñou que "eu participei na manifestación cando os detiveron, e paréceme un insulto á cidadanía que vaian ó cárcere. A xustiza non se deixa ver. Parece incrible que por manifestarse vaian ó cárcere". Pero o momento máis emotivo chegou ás 19.40 horas, minutos antes de que os autobuses arrincasen cara ao Eixo. Simón deixouse caer pola concentración. Chorando, falou con algúns amigos e familiares. Os presentes demostráronlle o seu apoio cun forte aplauso, e Simón, da man da súa noiva, dirixiuse cara ao coche que o levaría a Teixeiro. Unha muller, con ramos de rosas vermellas na man seguiuno, e o resto subiu de inmediato ós autobuses
"Son xente normal e corrente", indican
Jesús Montoiro Cepeda, José Moreira Fernández e Simón Márquez Valle, que xa aboaron as multas impostas, ingresaron en prisión e agardan a que o Consello de Ministros decida se os considera merecedores de indulto. Evaristo Nogueira, que se encarga da defensa de Simón, explicou que seguen baixo unha "tensa calma" á espera de coñecer a decisión sobre a petición conxunta do indulto, pero asegurou que se dan "todos os parámetros".
Insistiu en que se trata de "xente normal" e que se someterán ó réxime carcerario habitual, pero mostrouse convencido de que "non estarán no módulo de persoas conflitivas".
Unha protesta pola seguridade
O Ministerio de Fomento decidiu ampliar en 1998 a estrada que une Santiago con Ourense (a N-525) de dous a tres carrís no tramo que discorre polo Eixo. Os veciños da zona protestaron porque "se produciron varios atropelos graves, e este ensanche facía a estrada máis perigosa". Este feito desgustou tanto ós residentes que saíron en manifestación. Nun forcexo, o peor parado foi o policía nacional, Luis Gómez, aínda que houbo máis axentes lesionados. Simón Márquez, José Moreira e Jesús Montoiro foron condenados a 7 anos de prisión e a pagar 156.000 euros.
Sinalados "a posteriori"
Os veciños sinalan, unha e outra vez, que "ninguén lle pegou a ninguén ese 14 de xullo. Se fose así, a Policía Nacional detería os culpables na mesma manifestación. Pero non. Quince días logo da protesta, algúns axentes chamaron porta a porta os veciños, e despois viñeron as acusacións", indican. Non obstante, o Sindicato Unificado da Policía sinala que "Luis Gómez tiña entón 40 anos e todas as condicións para ser un grandísimo profesional. Actualmente aínda ten pesadelos".
O Parlamento solidarízase
O Parlamento de Galicia expresou o 28 de setembro de 2007 a súa "solidariedade" cos tres veciños. "Sen entrar a cuestionar resolucións xudiciais", trátase de persoas que "velaron polos intereses xerais" e cunha traxectoria "que non representa ningún risco". Nunha declaración institucional aprobada polos tres partidos, a Cámara sumouse así ás manifestacións de apoio xa expresadas polo goberno local do Concello de Santiago e o movemento veciñal compostelán, con 31 asociacións.