Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

Dereito a decidir

Nace a rede ‘Galiza non se vende’ para loitar contra a desfeita salvaxe do país

17.11.2007 Fundada por máis de 60 colectivos, critica o “abandono traidor dos partidos que agora mandan, non gobernan”

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO

Representantes dos colectivos que integran a ‘Rede Galiza non se vende’ tras a súa presentación en Santiago
Representantes dos colectivos que integran a ‘Rede Galiza non se vende’ tras a súa presentación en Santiago

Loitar contra a destrución sistemática do país e reivindicar o dereito da cidadanía a decidir sobre o seu territorio. Con este dobre obxectivo nace a Rede Galiza non se Vende, unha plataforma horizontal e independente, integrada por máis de 60 colectivos cidadáns que loitan contra algún tipo de actuación na súa contorna que leva á unha sobreexplotación dos recursos e á destrución do medio e que foi presentada onte en Santiago. Herdeira da Rede Litoral Vivo, nada hai un ano para protestar contra a depredación da costa, Galiza non se Vende amplíase a todos aqueles que sofren algunha agresión en calquera punto da xeografía, deixando fóra a partidos políticos e sindicatos.

"Cando a cidadanía decide saír á rúa baixo pancartas que comezan con SOS..., Salvemos... ou En defensa de... é que algo grave está pasando", asegurou onte Xosé Reigosa, representante da asociación Salvemos Monteferro, quen sinalou que este movemento é un berro colectivo contra iniciativas coma un Plan acuícola e un proxecto de Portos Deportivos que "privatizan e destrúen a costa", contra un proxecto mineiro que "arrasa zonas como o Courel" ou contra unha proliferación eólica que "destrúe o noso medio". "Rexeitamos unha sobreexplotación dos recursos que, ademais de levar a unha depredación do territorio, non repercute no tecido social galego", defendeu Reigosa. Unha situación que para Tino Quintela, coordinador da FEG, obedece a unha "crise dun modelo de desenvolvemento erróneo" que a cidadanía esixe mudar.

 

"O Goberno non goberna, manda"

Un modelo tamén criticado pola actriz e integrante da Fundación Galicia Verde, Mabel Rivera, quen cre que vai "en contra das necesidades da sociedade". Así, denunciou o "abandono traidor" dos partidos que "agora mandan, non gobernan, contra os postulados que antes defendían ó carón da cidadanía a pé de rúa e detrás dunha pancarta". "Nós seguimos en pé, na rúa, como un exercicio de integridade da cidadanía", engadiu. A pesar de que recoñeceu que o abandono dos cidadáns por parte da clase política "non é nada novo", Mabel Rivera asegurou que a situación nunca foi tan grave como agora porque "quedamos sen sitio na oposición".

Esta falta de diálogo entre poder e cidadáns tamén foi criticada por Alexandre Carrodeguas, voceiro do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, quen denunciou a "desprotección da sociedade ante un poder político despótico no que a cidadanía depositara todas as súas esperanzas de cambio".

Co nacemento desta plataforma sólida, os seus integrantes agardan que os mandatarios muden a postura adoptada ata o momento. "É a primera vez que no novo réxime se produce un movemento tan masivo coma este e queremos recordarlles ós que están no poder os resultados políticos que tiveron estes movementos en anteriores ocasións. Igual que os puxemos, podemos sacalos", manifestou Rivera. De aí, a necesidade de que os políticos escoiten "o que viñan dicindo ata hai pouco". En palabras de Fins Eirexas, de Adega, "queremos respecto pola terra e reivindicamos o papel protagonista dos cidadáns na planificación territorial do país".

OS DATOS

"Temos desfeitas, non accidentes"

"Se algún día pasa algo non será un accidente". Así o advertiu onte Mabel Rivera, con alusión ás consecuencias negativas que trouxo para Galicia a catástrofe do "Prestige". Así, a actriz recordou que no mes de maio entraron 9 gaseiros na ría de Ferrol sen incidentes pero "o día que pase non será unha desfeita, non un accidente, e ese día terán que responsabilizarse dela". Unha situación que equiparou á deterioración dos ríos, das lagoas ou do litoral. "O que non pon medios para remediar que se produza unha nova catástrofe, é o culpable cando chegue", setenciou.

Información en Terr@ctiva

Representantes dos máis de 60 colectivos que integran a Rede Galiza non se Vende estarán presentes hoxe e mañá en Arzúa, no marco da feira ecolóxica Terr@ctiva a través de tres stands. O obxectivo é proporcionarlle á cidadanía información sobre os diversos problemas que afectan ó noso territorio. "Non actuamos baixo un sentido de egoísmo local, senón coa necesidade de cambiar as nosas relacións co medio, os recursos naturais e outros países", recordou Tino Quintela, da FEG.

Manifestación en febreiro

Como continuación a este presentación, a Rede Galiza non se Vende convoca unha gran manifestación en Santiago de Compostela para o próximo 17 de febreiro en defensa do noso territorio. Ata entón, a plataforma apoiará e participará en todas as accións reivindicativas que leve a cabo calquera colectivo en defensa dos recursos naturais. "A rede segue crecendo e chegará o día en que os políticos teñan que abrir as portas dos despachos e comezar a escoitar o que antes defendían".

AS FRASES

Xosé Reigosa

"Esta Rede pretende artellar, unir, compartir experiencias e brindarlles apoio ós diversos colectivos que loitamos polo noso país"

Mabel Rivera

"Chegará un día en que os políticos teñan que abrir as portas dos despachos e comecen a escoitar o que eles defendían ata hai pouco"

Tino Quintela

"Non actuamos egoistamente. Seguimos o principio "Pensa global, actúa local" para botar abaixo un desenvolvemento erróneo"

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS