Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Estado das dunas de Mira tras o comezo das obras de Pescanova FOTO: QUERCUS |
A "destrución" de dous millóns de metros cadrados de Rede Natura na localidade portuguesa de Mira para construír a macropiscifactoría de Pescanova xa comezou. A pesar das alegacións presentadas e das dúas accións xudiciais interpostas polo colectivo ecoloxista Quercus, cen hectáreas de terreo xa foron "arrasadas", segundo manifestou onte a este xornal o portavoz desta asociación lusa, Antonio Luis Campos. "As obras van moi rápido, xa hai dúas estradas sobre as dunas e os impactos sobre o medio son incuatificables", afirma Campos.
Ante esta situación, Quercus en colaboración coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), convocaron para mañá en Mira unha acción de protesta coa que amosarlle á opinión pública os "cinco pecados ambientais" que está a cometer Pescanova na zona: ameaza á biodiversidade, desordenamento do territorio, polución mariña, ocupación do litoral e deficiencias no estudo de impacto, no que non se recolle iniciativas alternativas cos que paliar todos estes danos.
O acto terá lugar ás 10.30 horas (hora portugesa) na área de piñeiral protexida pola Rede Natura na que se vai levar a cabo a instalación da macrogranxa e contará coa intervención de membros de Adega sobre esta problemática en Galicia. "En contra dos beneficios económicos e sociais que predica Pescanova, a construción da fábrica vai repercutir negativamente sobre a poboación local e a súa forma de vida, algo que poden corroborar os compañeiros de Adega, poñendo casos prácticos do que xa aconteceron en Galicia", explica o voceiro de Quercus. Con esta actuación, os ecoloxistas lusos pretenden dar a coñecer todo o que se está a facer mal, co visto e prace do Goberno luso, denunciar os impactos e facer presión para que tanto a Opinión Pública como o poder xudicial se posicionen a favor da protección do territorio. "Detrás deste proxecto hai intereses económicos moi grandes, pero por riba de todo debe estar o noso medio e os noso propios recursos", apunta Campos.
Dous procesos xudiciais abertos
Quercus presentou ante os xulgados lusos unha denuncia ambiental, por contravir unha Directiva Europea de protección de espazos naturais incluídos en Rede Natura, e outra pola xestión do terreo, xa que Pescanova usa uns terreos que son dos veciños.