Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.05.2013  | Actualizado 12.28

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

RESIDUOS

Mil familias galegas fan compostaxe na súa casa

Galicia promove a reciclaxe do lixo orgánico no fogar, que supón medio millón de toneladas ó ano n Esta práctica reduce refugallos, desbota a incineración e xera fertilizante

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO  | 06.02.2008 
A- A+

Galicia produce cada ano medio millón de toneladas de residuos orgánicos. Un tipo de lixo que pode ser reciclado mediante procesos naturais e que, non obstante, acaba formando parte dun vertedoiro ou convertido en borralla tras pasar pola incineradora de Sogama. Para evitar estas prácticas nocivas para o medio e aforrar os custos que supoñen a recollida e a xestión dos residuos orgánicos, Adega e Amigos da Terra levan anos apostando pola compostaxe caseira, é dicir, por que cada persoa trate o seu propio lixo no fogar.

Os beneficios deste sistema son, para as asociacións ecoloxistas, vitais, xa que reducen en orixe o volume de residuos, decántase por un proceso biolóxico para descompoñer o lixo en lugar dunha incineración nociva e proporciona humus, moi beneficioso para o crecemento das plantas e a saúde do noso solo. Ata o momento, unhas 856 familias xa levan a cabo a compostaxe caseira grazas ó programa de educación ambiental promovido por Adega en colaboración cos concellos, cifra que se complementa coas 180 de Amigos da Terra. O éxito destes programas levou a Consellería de Medio Ambiente e Sogama a iniciar un proxecto piloto de compostaxe doméstica en concellos de Ourense, Pontevedra e A Coruña e que agora se estenderá a unha ducia de novos municipios.

A clave: correcta separación dos materiais en orixe

Explicar en que consiste, instalar o composteiro nos fogares interesados e realizar visitas de seguimento son as tres fases que comprenden o desenvolvemento dos programas ambientais desenvolvidos por Adega, tal e como explica o responsable desta área, Ramsés Pérez, quen sinala coma fundamental para o éxito da compostaxe a "boa separación dos residuos orgánicos no fogar e unha correcta relación entre os restos de cociña e os de horta e xardín" para evitar problemas derivados da acumulación do lixo como a aparición de cheiros ou de animais como moscas ou ratos.

"Contribúes a coidar o medio e ademais aforras na factura"

Todo son vantaxes. Así de claro se amosa o compostelán Joaquín Saavedra, veciño da rúa Virxe da Cerca que dende o mes de abril pasado participa no programa de compostaxe caseira de Adega. A pesar de que recoñece que nalgunhas ocasións sería máis cómodo ir ata o colector a tirar o lixo, Joaquín cre que a compostaxe caseira é unha forma de ser "un pouco máis civilizados".

Deste xeito, tratando os residuos orgánicos na casa, "axudas a coidar o medio ó tempo que obtés un abono de moi alta calidade para a horta". A pesar do traballo que dá ter o composteiro, Joaquín amósase sorprendido da rapidez coa que se produce a descomposición da materia. "Eu xa vivira este proceso nas cortes, pero non pensei que con este sistema caseiro se conseguira o mesmo efecto", asegura este compostelán.

Mentres María Rodríguez, membro da área ambiental de Adega explica o funcionamento do composteiro que Joaquín instalou no seu xardín, este compostelán explica outra das bondades deste sistema: a redución da factura do lixo. Un capítulo no que Joaquín ten unha queixa, non contra o programa de Adega, senón do concello, que, tras case un ano compostando o lixo orgánico, aínda lle segue pasando a factura completa. Trámite administrativo que, non obstante, non empaña os beneficios da compostaxe.

A CITA

Conferencia en Cataluña

Cataluña acolle dende o mércores e ata o sábado un Congreso europeo sobre compostaxe caseira, no que Adega representará a Galicia.

OS DATOS

Evitar plásticos e contaminantes

O composteiro debe colocarse nunha zona protexida dos ventos e, a ser posible, baixo a sombra dunha árbore de folla caduca. Non obstante, máis importante que a colocación é o material que debemos botar nel. Así, dende Adega sinalan que debe ser materia orgánica ben separada, que non leve plásticos, nin latas, nin pilas nin ningún outro produto que poida contaminar o abono. Si se poden botar restos de comida, follas, restos de poda, pousos de café, residuos orgánicos dos animais, algas, céspede..., de xeito que canto máis variado sexa o material, mellor vai ser o abono.

Perfil: do rural e de mediana idade

O perfil medio dos participantes é dunha persoa do rural cunha media de idade que supera os 50 e que, normalmente, xa tiña unha esterqueira na casa antes do inicio do Programa de Compostaxe, tendo uns coñecementos previos moi elevados sobre este sistema. O outro tipo de usuarios son os urbanitas de 30-40 anos, dunha clase media alta que se trasladaron a vivir ás aforas das cidades. A valoración de todos eles vai de boa a moi boa, sen destacar cousas negativas.

Un compromiso ambiental

Os principais motivos para levar a cabo a compostaxe caseira son as razóns ambientais, a comodidade que supón non ter que desprazarse ó contedor de lixo e a produción dun fertilizante de alta calidade sen custos. Aínda que a compostaxe é un proceso que tarda de catro a cinco meses, o abono obtido mellora a estrutura do solo e a súa resistencia á erosión, achega nutrientes que benefician as colleitas, aumenta a fauna do solo e mingua os efectos de axentes tóxicos.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS