Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

reportaxe

'Boom' das ecoaldeas e da agroecoloxía, unha filosofía de vida

06.03.2008 As organizacións ambientalistas galegas amósanse comprometidas co pulo e coa difusión das propostas existentes dentro do ámbito da agricultura e da gandeiría ecolóxica, como os modelos sociais de sustentabilidade que representan as ecoaldeas

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Perspectiva da ecoaldea do Lugar de Xestas, en Porto do Son FOTO: Pablo Silva
Perspectiva da ecoaldea do Lugar de Xestas, en Porto do Son
FOTO: Pablo Silva

Agroecoloxía, ecoaldea, permacultura ou ecoteatro son algúns dos termos cos que nos podemos atopar botándolle unha ollada ao programa das II Xornadas de Agroecoloxía que se están a celebrar –ata o 14 deste mes– en Ourense. Malia ser Galiza un país agrario, o significado das devanditas palabras seguramente pase desapercibido para a maioría dos galegos. Por iso, e nun novo esforzo colectivo, as organizacións Amarante, A Esmorga, Amigos da Terra, Semente e Verdegaia volven apostar pola difusión da agroecoloxía "como forma de vida alternativa aos círculos comerciais actuais tanto para consumidores como para produtores" achegándolles aos ourensáns todo unha serie de actividades que lles sirvan para mergullarse no mundo da agricultura e da gandeiría ecolóxica.

Así, nestas xornadas estamos a ver como a risoterapia e os xogos teatrais se revelaron como técnicas válidas para coñecer e atallar unha problemática ambiental , e a coñecer novos modelos sociais de sustentabilidade, como os que representan as ecoaldeas e a permacultura. Quizais sexan estes dous conceptos os que máis chamen a atención da xente, cousa que non deixa de sorprenderlle á organización. "A permacultura consiste en reavivar tradicións antigas no sistema económico actual, en introducir eses modos de produción dos nosos antergos na nosa economía, reactivando o rural de xeito sustentable", explican dende Amigos da Terra. "É volver recuperar o acougo", puntualizan en A Esmorga. E isto reflíctese en modelos de comunidades que transmiten tan bo rollo como as ecoaldeas, insuperables paradigmas de sustentabilidade e desenvolvemento humano e espiritual. Poden soar a comunas hippies, pero van máis aló. Nunha ecoaldea os alimentos consumidos deben producirse de xeito ecolóxico, preferentemente na propia comunidade, todas as actividades produtivas deben ter en conta os ciclos vitais dos produtos empregados e todas as decisións deben de tomarse democraticamente, coa participación de todos e evitando a delegación de poder. "Unha ecoaldea implica chegar a vivir con tódolos principios da agroecoloxía, que é unha filosofía de vida", sinalan na organización.

Porén, para que estes principios poidan chegar a calar na sociedade sería necesaria unha maior promoción por parte da Administración, cousa que ata o de agora semella botarse de menos. "Somos o asociacionismo os que estamos dando a coñecer a agroecoloxía", afirman Amigos da Terra. E o certo é que o traballo que están a facer as asociacións parece ir polo bo camiño, polo menos en canto á participación nestas Xornadas, que está a resultar bastante elevada. Outro dato positivo é o fomento dos debates e das mesas redondas, un obxectivo máis que a organización ve cumprido.

Nos próximos días, as II Xornadas de Agroecoloxía de Ourense abordarán a temática dos biocombustibles e do compromiso estético da natureza. A música, por suposto, tampouco faltará.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS