Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

MANIFESTACIÓN

Pola ría todos na rúa

26.05.2008 Unhas 8.000 persoas toman Vigo para denunciaren a destrución e a contaminación ·· "Que Caballero vexa que o consenso cidadán do que fala non existe", sentencian

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. RODRÍGUEZ . SANTIAGO

A rede de colectivos A Ría non se Vende logrou onte congregar arredor de 8.000 persoas nunha manifestación en Vigo para denunciar a destrución dunha das paraxes máis fermosas de Galicia, ameazada polo ladrillo e a contaminación.

A marcha, moi longa con case catro quilómetros, tivo diferentes picos de participacións segundo os tramos e chegou ata as 10.000 persoas, indicou a organización, que baixo a consigna "na rúa pola ría" rexeitou desde a praza da Estrela ata o barrio de Bouzas a ampliación do porto, o lixo das augas e a construción dunha macrodepuradora que non arranxa o problema do saneamento. Ó longo da camiñada, que lembrou as grandes citas de Galiza non se Vende, non faltaron os berros contra o alcalde, os partidos no poder na Xunta e pancartas alusivas ós proxectos municipais como "Recheos Nunca Máis".

A plataforma convocante amosouse gratamente sorprendida pola resposta cidadá, e o voceiro da plataforma e representante de Bouzas móvete!, Duarte Ferrín, deixou claro que "unha participación tan contundente deixa claro que o que di Caballero de que conta co consenso da cidade non é verdade, e que a xente está en contra da ampliación do porto".

O representante de A Ría non se Vende insistiu en que o proxecto que contempla 230.000 novos metros cadrados nesta área "é unha privatización dun espazo de todos os cidadáns e denunciou que o obxectivo é "converter o porto nun almacén" para que a Autoridade viva do alugueiro de solo industrial. Ademais, interpretou que o anuncio de triplicar o número de amarres no peirao deportivo para captar embarcacións de Portugal e doutros países para que pasen o inverno en Vigo "é produto dunha mala xestión porque os que existen xa son de abondo".

Ferrín tamén reivindicou "unha ría limpa" e non un plan que contemple unha réplica do feísmo de Toralla cunha torre que albergará un centro de ocio con balnearios e hoteis, ademais de esixir unha rede de pequenas depuradoras que garantan o saneamento da ría.

Neste punto tamén coincidiu Celso Comesaña, un dos afectados pola EDAR de Lagares, nunha loita que leva xa dez anos, que denuncia que o proxecto da macrodepuradora cercará as casas aínda máis que o actual. Ademais de censurar os plans da Xunta e do Concello, fixo unha valoración moi positiva da manifestación, "que sobrepasou as nosas expectativas", e insistiu en que os políticos deben ver que "non estamos dispostos a entregarlles en bandexa o país ás grandes empresas como fan eles".

A Ría non se Vende está formada por 14 colectivos: Montanha Augas Limpas, Bouzas Móvete!, Caleidoskopio, A Faísca, A Revolta, Foro Social de Cangas, G.A.S. Vigo, Luita Verde, OAR Redondela, Plataforma en Defensa da Illa de San Simón, Salvemos Monteferro, Verdegaia, SOS Serra da Groba e Voces polo litoral de Teis, e todos eles prometen seguir coa súa loita para condenar a destrución do territorio e certamente unha das contornas máis fermosas de Galicia pero que conta co número máis alto de puntos negros de todo o litoral.

A Administración, non obstante, está tranquila co seu papel e nunha entrevista concedida ó diario El País na súa edición de Galicia, e que foi recollida por Europa Press, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou que o Executivo galego "fixo os deberes" en canto á protección das rías.

Así, aínda que respectou a convocatoria de A Ría non se Vende, xa que "manifestarse é bo", defendeu, recordoulles que a Xunta investiu "máis de 600 millóns de euros" no saneamento dunhas rías que se atopaban "nun absoluto estado de deterioración" cando o bipartito tomou o poder, e que incluso foi causa de ameaza de sanción por parte da Unión Europea.

EN PRIMEIRA PERSOA

"Os veciños de Lagares seguiremos loitando"

Se hai un reduto guerrilleiro na ría de Vigo, ese é a parroquia de Lagares, unha zona abafada polos cheiros dunha depuradora coa que levan en loita desde hai dez anos. Eles son os precursores deste movemento de A Ría non se Vende e semella que non gañan para desgustos.

Segundo o voceiro desta causa, Celso Comesaña, "as últimas novas que temos do Concello é que o proxecto da macrodepuradora entrará máis "a saco" nas vivendas e incumpriría as regulación existente na materia, que fala dunha separación mínima de 2.000 metros".

Polo momento, seguirán "en loita e presentando as alegacións pertinentes", agardando unha resposta que nunca chega do contencioso presentado xa hai un ano. A súa reinvindicación é básica: "Vivir en paz diante dunha ría limpa", para a que piden unha rede de pequenas depuradoras, non "macro".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS