Sábado 28.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia | Galicia é a única comunidade autónoma do Estado, xunto coa Canarias, na que os prezos da vivenda de segunda man non se reduciron durante o primeiro trimestre do ano, segundo o último informe do portal idealista.com, que estudou unha mostra de 1.856 inmobles entre o pasado decembro e este mes.
Todas as autonomías rexistraron nese período un descenso de prezos no mercado da vivenda de segunda man, entre os que destacaron as caídas do 4,7% en Navarra, o 3,9 en Baleares, o 2,9% en Asturias ou o 2,7% en Castela-A Mancha.
Na comunidade galega, a cidade de Pontevedra situouse no primeiro lugar das capitais provinciais españolas en canto encarecemento experimentado no mercado da vivenda usada, onde os prezos se elevaron un 0,8%. Á súa vez, os inmobles de segunda man de Ourense rexistraron un incremento do 0,3%.
Ambas as cidades galegas, xunto a Palencia e Badaxoz, cuxos aumentos foron do 0,5 e 0,1%, respectivamente, foron as únicas capitais de provincia do Estado nas que se incrementaron os prezos. Pola súa banda, na Coruña capital as vivendas de segunda man rebaixáronse un 1,8%, mentres que en Lugo esa caída foi do 0,4%.
A Coruña é a cidade na que o prezo da vivenda usada é máis caro, con 2.640 euros; seguida de Santiago, con 2.467; Sanxenxo, con 2.419; Vigo, con 2.329 euros; Oleiros, con 2.001 euros; Culleredo, con 1.999 euros, Pontevedra, con 1.970 euros; Ribadeo, con 1.888; Foz, con 1.794, e Lugo, con 1.695 euros.