Sábado 12.09.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia | Entre o impresionante Monte Pindo e o mar esténdese a parroquia de Quilmas, en Carnota. Na zona, o plan acuícola reservou 250.000 m² de terreo para a ampliación da piscifactoría da multinacional norueguesa Stolt Sea Farm. Pero as terras son, na súa maior parte, propiedade dos veciños que decidiron darlle outros usos. En xaneiro deste ano, quince deles constituíron a cooperativa de agricultura ecolóxica Raiña Lupa. Co proxecto pretenden demostrar que existe unha alternativa de desenvolvemento económico da zona compatible coa respecto polo ambiente.
Os veciños de Quilmas non entenden por que se a Xunta do PP decidiu eliminar do plan acuícola outras plantas polo seu impacto nos cultivos, eles reciben un trato desigual.
Aínda que a cooperativa se constituíu este ano, algúns levan moito máis tempo explotando os terreos de forma individual. Hai un par de anos, a empresa norueguesa comezou os seus movementos para adquirilos. "No meu caso, viñeron con amenazas e dixéronme que se non os vendían ían expropiar", explica Xosé Manuel Casais, portavoz de Adega Costa da Morte e socio de Raíña Lupa. "Moitos veciños que non son socios cedéronnos as súas terras, porque non queren a ampliación da piscifactoría", engade.
As hortalizas, armas contra a multinacional
Nos últimos seis meses os membros da cooperativa cultivaron 20 hectáreas do terreo ansiado por Stolt. Trigo, centeo, patacas, espárragos, tomates, leitugas, cebolas, berenxenas ou tirabeques son as armas que atoparon para plantarlle cara á ampliación da planta acuícola. Defenden que eles promoven un modelo de desenvolvemento baseado no comercio local e na repartición de beneficios entre os veciños fronte á política das multinacionais que destrúen o territorio e practicamente non deixan emprego nin riqueza na zona. A pesar de que Quilmas segue dentro do Plan Acuícola, os veciños non tiran a toalla. " Imos a estar aquí para defender a nosa terra e a nosa cooperativa, se temos que mobilizar a toda Galicia, farémolo", advirte Casais.
A REACCIÓN
Sensación agridoce muxiá
O alcalde muxiano, Félix Porto (PSOE), asegurou ter unha sensación "agridoce", ante os cambios no plan acuícola. Asegurou estar "encantado" coa planta de Touriñán, sempre que se minimice o seu impacto ambiental e visual, pero se mostrou preocupado pola granxa de Merexo, pois ó impedirse a súa amplación "poden perigar 55 empregos xa consolidados, xa que a decisión pode provocar o peche da mesma".