Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Na parroquia de Calvos, do municipio ourensán de Bande, a conservación da natureza e o aproveitamento eólico entran en conflito. Atendendo ás alegacións dos concellos, a Consellería de Medio Rural acaba de recortar 417 hectáreas que ata agora figuraban como parte da ampliación do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. A asociación ecoloxista Adega denuncia que o cambio de límites do espazo protexido responde ós intereses de Iberdrola de instalar máis aeroxeradores na zona.
A compañía vasca posúe en Bande o parque eólico do Vieiro de 19,2 megawatts de potencia. Fontes de Iberdrola negaban onte calquera implicación na redución do parque natural. Segundo aseguran, cando levantaron os actuais muíños xa renunciaron voluntariamente a unha parte da superficie porque estaba nunha "contorna privilexiada". Non obstante, e aínda que indican que actualmente non está en proxecto a ampliación do parque do Vieiro, dende Iberdrola precísase que os plans da compañía poden cambiar no futuro. Os veciños de Calvos tamén aseguran descoñecer se Iberdrola pensa ou non instalar máis aeroxeradores na zona.
O presidente da mancomunidade de montes da parroquia, Manuel Méndez, recoñece con todo que están "abertos a todas as enerxías renovables, porque son o futuro e son moi interesantes para a zona". A mancomunidade de montes mostrouse contraria á ampliación do parque natural da Baixa Limia nas 417 héctareas que finalmente de- sapareceron. "Nunca nos infomaron de nada, decatámonos polo DOG e son os nosos terreos", sinala Méndez. O presidente da mancomunidade explica que tras coñecer os plans da Xunta presentaron alegacións. Os veciños só aproban a entrada no parque natural dos terreos que xa estaban protexidos pola Rede Natura 2000. A consellería de Medio Rural, dirixida por Samuel Juárez, escoitou os seus argumentos e decidiu recortar a ampliación prevista, segundo indica o decreto que fixa definitivamente o ámbito territorial do parque de Baixa Limia-Serra do Xurés.
Excluída unha zona de alto valor ecolóxico
Para Adega, con todo, as 417 hectáreas atópanse nunha das zonas de maior valor ecolóxico-ambiental do parque natural. "Esta redución non está fundamentada en criterios ecolóxico-científicos", subliñan os ecoloxistas nun comunicado no que aseguran que "obedece exclusivamente ó interese de Iberdrola, compartido polo alcalde e o tenente de alcalde de Bande por ampliar o parque eólico do Vieiro e instalar un horto solar".
Tras facerse públicas as denuncias do colectivo ecoloxista, o rexedor do municipio ourensán, o popular José Antonio Armada Pérez, mostrábase onte molesto coas declaracións de Adega. "Nós respectamos a vontade do pobo, non de ningunha multinacional ou empresa, a última opinión que nos interesa é a de Iberdrola", subliñou Armada Pérez.
30.000 hectáreas en seis concellos
O novo Parque Natural Baixa Limia-Xurés conta cunha extensión total de 29.345 hectáreas repartidas entre os termos municipais de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín,
Ampliación dun 30 por cento
Medio Rural matizou onte que o parque creceu nun trinta por cento coa ampliación e que Adega fala dunha redución con base a un documento previo de traballo que non recolle a superficie total.