Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Presidente das Novas Xeracións do PP lucense entre 1991 e 2002. Concelleiro dese partido na cidade da Muralla entre 1995 e 2003. Propietario, no mesmo concello, dun despacho de avogacía dedicado fundamentalmente ó asesoramento empresarial, e profesor na Escola Universitaria de Relacións Laborais do seu municipio. É o curriculum de Luis Lamas Novo, un home que acaba de deixar a capital luguesa por Cerceda. No industrial concello coruñés desempeña agora o posto de presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente. El é desde o cambio de goberno na Xunta o máximo responsable da planta de tratamento de lixo por excelencia de Galicia e do macrovertedoiro da Areosa, o que non lle impide ser consciente de que o modelo de xestión de residuos da comunidade está totalmente desbordado e carrexa problemas. Admite que no mundo do medio non tiña experiencia ata chegar a este posto e confesa que asumiu o cargo como "un gran reto" porque Sogama, explica, "era daquela, e segue sendo, unha pataca quente". "En todo caso, é un reto do que esperamos saír ben", matiza.
¿Que atopou á súa chegada?
O complexo de Cerceda está razoablemente ben. Hai algún problema nas augas pluviais e trataremos de solventalo, pero hai que resaltar que non hai problemas nas emisións atmosféricas. Hai un sistema de lavado de gases que funciona ben e a nosa prioridade é que Sogama cause a menor afección ambiental posible.
E o vertedoiro?
A situación do vertedoiro, en cambio, pódese cualificar de lamentable. É unha bomba de reloxería. Fixemos unha auditoría que constatou o que xa se coñecía. O problema é que solucionar isto non é cuestión dun día. O lixo segue entrando e o problema vén motivado pola saturación de Sogama. Xéranse lixiviados que non se dan tratado e isto non se arranxa dicindo "poño mañá dúas depuradoras máis". Leva tempo, xa non só polos procedementos de contratación, senón porque son complexas depuradoras de ósmoses que non hai no mercado e tardan moito en servir. Á parte, o que temos que conseguir non é depurar todos os lixiviados senón reducir a súa xeración e iso é o complexo. En agosto aprobouse un plan de acción e en setembro Tragsa empezou a levalo adiante. Agora empezan as choivas e a situación complícase. Imos tratar de que estea resolto nun prazo medio. Á parte, temos o coñecido problema do espazo. Sogama ten capacidade para tratar no complexo unhas 550.000 toneladas ó ano e hoxe o lixo que está vindo alcanza en torno ás 900.000 toneladas ano. Quere isto dicir que estamos enviando ó vertedoiro 400.000 toneladas de lixo.
Sen tratamento ningún?
Efectivamente, sen ningún tipo de tratamento, e a lexislación europea e a galega din que depositar o lixo en vertedoiro debe ser a última das solucións, polo tanto temos que evitalo. O vertedoiro ten que existir, pero só para aqueles rexeitos que non poden ir á valorización enerxética ou se por un problema técnico parase a planta de Sogama.
En definitiva, o sistema de xestión de residuos no noso país está colapsado. En catro anos non se tomaron ningún tipo de decisións. Seguíronse metendo toneladas de lixo ó vertedoiro e cando nós chegamos había capacidade para uns seis meses. Agora estase construíndo un novo vaso, pero non nos quedan máis terreos cualificados. Por iso tamén iniciamos un procedemento diante da consellería para un plan sectorial de incidencia supramunicipal que nos permita obter terreos para ampliar o vertedoiro.
Canto se ampliará? Falábase dunhas tres veces máis?
Non sería tanto, senón un pouco máis do que hai. Desde a Consellería, que é a responsable de facer o novo Plan de Residuos e prever como se van eliminar estes, quero crer que se lle vai dar unha solución que evite que estean indo 400.000 toneladas todos os anos ó vertedoiro. Nós temos que ter os terreos, por se acaso, pero o que non temos é que chegar a ter a necesidade de usalos. Unha persoa pode ter un seguro de vida, pero non porque pretenda morrer, senón por se iso sucede. Nós imos ter terreos por se pola razón que sexa temos que usalos, pero penso que o Plan de Residuos nos establecerá, en cumprimento da normativa, algún medio para eliminalos que faga que non necesitemos acudir ó vertedoiro como ata o de agora. Con estes terreos que temos, se non van a eles 400.000 toneladas cada ano, teriamos vertedoiro ben a gusto para os próximos 20-25 anos, unha tranquilidade moi grande.
O PP afanouse na lexislatura pasada en denunciar as verteduras ós ríos. Di vostede que isto se solucionou...
No outono do 2008 houbo unha vertedura puntual ó río que deu lugar á apertura dunhas dilixencia penais que están en trámite. As medicións que se están facendo agora, e que son todas as que legalmente nos esixe a Autorización Ambiental Integrada e algunha máis, indican que estamos normalmente dentro dos parámetros de verteduras. É certo que pode haber algún puntual que incumpramos, sobre todo o día que chove, porque se produce arrastre e hai máis materia orgánica, pero non se está a producir unha afección ambiental grave. Dentro do plan de acción encargamos, e aínda non dispoñemos del, un informe. Queremos saber se a flora e a fauna do río Lengüelle e do regato da Areosa se viu afectada e como está agora. O informe diránolo, pero nestas canles pode haber outras verteduras que non sexan as de Sogama. En todo caso, estamos mellorando no que se pode o sistema de depuración de augas. De feito, hai unha licitación para substituír dúas das tres depuradoras que había e que xa son moi antigas e a súa eficiencia non é moi boa. O alugueiro destas novas máquinas por un período de tres anos son case cinco millóns de euros. Non estamos falando dunha cuestión menor. Faise o que se pode.
Vostede traballa diariamente no complexo de Cerceda?
Si, si.
Supoño logo que será testemuña directa dos cheiros dos que se queixan os veciños e o BNG e dos restos que tiran os camións que transportan o lixo...
Non sei se é porque xa me acostumei, pero non me parece que os cheiros da planta sexan excesivos. Estiven a semana pasada en Colonia, vendo a incineradora e a planta de compost de alí, e cheiran moito máis que a nosa e están nun polígono industrial anexo á cidade. A de Viena está dentro da cidade. Logo, a cousa aquí non é tan importante. Vostede coñecerá perfectamente as instalacións de Cerceda e saberá que aquí, no raio de 3-4 quilómetros non hai absolutamente ningunha vivenda, case me atrevo a dicir que en máis distancia. Aquí está a térmica de Meirama, que é o máis próximo que hai e diante dela dúas ou tres casas, a antiga cascalleira da mina e monte baixo. Non hai nada máis.
En canto ós camións, as molestias non son outras que o paso deles. Efectivamente, aquí veñen unha chea de camións, moitos para Sogama e moitos para o potente polígono industrial de Cerceda, o que fai que o tráfico sexa importante. Agora ben, o que non comparto é que causen molestias de suciedade por razóns evidentes. Calquera que circule polas nosas estradas ou autovías ve que os camións que veñen a Sogama son colectores estancos e non van vertendo nin lixo nin outra cousa. Iso non é certo.
Está a visitar plantas doutros países para tomar ideas para o novo plan de residuos?
Visitamos algunha noutras partes de España e esta de Colonia porque fomos á feira máis importante do eido ambiental en Europa, que se celebra alí cada dous anos. Alemaña é un paradigma na xestión de residuos e a planta de Colonia ten a vantaxe de unir no mesmo complexo unha incineradora e unha planta pequena de compost. Paga a pena vela. Cando un fala de residuos é moi importante ver o que hai por aí. Case todo está inventado e convén falar do que funciona. Efectivamente, eu non son un experto nisto, veño dunha profesión na que hai que ser moi pragmáticos, o interesante non é como se defende un preito, senón se se gaña. Aquí temos que darlle a mellor solución á xestión de residuos, non andar con lerias que só quedan moi bonitas. Aquí téndese a dicir que un sistema é bo e outro é malo aprioristicamente, pero na práctica hai que ver o que funciona e o que non no resto de España e no resto de Europa. Esa é a realidade.
E o que funciona di vostede que é a incineración....
Eu só lle digo que Alemaña, un país suficientemente desenvolvido, ten 75 plantas de valorización enerxética. Ata o mandato da señora Merkel gobernou o SPD cos Verdes e non deixaron de construírse incineradoras. A incineradora de Colonia trata 700.000 toneladas ó ano e a planta de compost 60.000 de biomasa e custou a bonita cifra de 50 millóns de euros. Estes son os datos que hai que darlles ós cidadáns. O que funciona é a complementariedade. Ningún sistema por si so é capaz de tratar o lixo de forma eficiente. Se vai ó Ecoparque da Rioxa, verá cal é a realidade e que se fai co compost. Se vai a Castellón de la Plana, igual. Se vai á planta de Nostián, por non ir máis lonxe, o mesmo. O compost funciona só en plantas moi pequeniñas de zonas moi rurais ou onde hai unha moi grande sensibilización cidadá que permite que chegue un residuo orgánico moi separado e de moi boa calidade para que se poida usar. A realidade é esa. Só hai que ver como en Cataluña hai incineradoras e se van construír máis, en Baleares, no País Vasco... e en Asturias. Cogersa ten o vertedoiro saturado e estase pensando en facer unha incineradora e o PSOE asturiano defende a vía da incineración, pero segundo cruza a ponte dos Santos, en Galicia o PSOE xa está en contra. Eu, francamente, non o entendo. O sistema ou é bo ou é malo, en Colonia, en Ribadeo ou en Vegadeo.
Como será o novo Plan de Residuos? En que proceso se está?
Sogama é un instrumento da política ambiental da Xunta. A nós non nos queda outra que colaborar e acatar as decisións que a Consellería de Medio Ambiente adopte no novo Plan. Hai un compromiso de telo listo antes de fin de ano e supoño que nesas datas se presentará para solucionar unha cuestión que se demorou catro anos.
Falouse de facer unha nova incineradora no sur galego...
Do que se falou era dunha planta no sur. Eu o que non lin é se era incineradora ou outro tipo de planta. A resposta compételle á Consellería.
Como está o procedemento xudicial co Sigre?
Sigre interpuxo unha demanda contra Danigal por incumprimento de contrato e tamén demandou a Sogama por uns supostos perxuízos á súa imaxe que lle causaron unhas declaracións dos anteriores responsables. Estamos esperando a vista previa.
En Sogama non se queiman medicamentos?
Nestes momentos, non. Estamos falando co comité de empresa para que se molle, porque eles aquí non se opoñen. A inspección de traballo veu e estableceu unha serie de medidas, que simplemente eran o uso de máscaras, e entendeu que non había risco. O que pasou foi que nun medio de comunicación un representante sindical, que non era de aquí, fixo unhas declaracións moi graves. Dixo que entre os traballadores e veciños había medo. Nós economicamente non temos interese nin necesidade de queimar medicamentos. Desde o punto de vista técnico xéranos máis problemas que outra cousa. Se ademais de todo iso temos ó comité de empresa xogando a dúas barallas, que dentro apoia pero publicamente manda un propio para dar leña, pois mire... Nós o único interese que temos é que a planta de Danigal Sigre de Cerceda, que dá emprego a case 30 persoas, non peche, porque é evidente que se Sigre non consegue desfacerse dos medicamentos en Galicia farao noutro sitio. Pero, é que neste país estamos tan sobrados de traballo como para poder enviar 30 á rúa? Penso que non, e queremos facer o posible para que non sexa así. Agora ben, entre iso e facernos un harakiri público, iso non. Queremos que o comité nos apoie e é complicado, porque isto é un tema político e a razón non se nos dá nin xogando ás cartas. O obxectivo de Sogama é que non se perdan postos de traballo, deixando claro que aquí nin se puxo nin se pon nin se vai poñer en risco a seguridade dos traballadores, faltaría máis.
¿Que vai pasar coa sede que Sogama ten en Santiago e que construíu o Bipartito?
Non se está a utilizar nin se vai usar no futuro. Tiñamos pensado alugala ou darlle algún tipo de solución, pero de momento estase tramitando a licenza ante o concello.
Non se chegou a usar nunca...
Non, porque non tiña nin licenza, pero nós non imos ir para alí porque tes que estar onde está a planta, non te podes ir por razóns de cheiro. Ademais, pense no custo que isto levaría, habería que deixar aquí os traballadores que están e contratar persoal para alí. Sogama non se pode permitir o luxo de contratar a ninguén para abrir unha nova sede en Santiago, que está a media hora de Cerceda.
O anterior presidente de Sogama dixo que vai denunciar o PP por calumnias e inxurias sobre o suposto sobrecusto do mobiliario da sede compostelá...
Se el considera que houbo algún tipo de declaración inxuriosa por parte do portavoz do PPdeG e do señor Rueda, está no seu dereito de acudir ós xulgados.
Os concellos tamén están un pouco enfadados pola débeda contraída con Sogama...
Se eu lle debo cartos a vostede, quen estará enfada será vostede, non eu. Un dos grandes problemas deste país é o excesivo número de concellos, que fai que a súa situación financeira sexa delicada e a maioría deles, se fosen empresas privadas, estarían en quebra técnica. Ademais, a corresponsabilidade fiscal, nunha grande parte deles, non existe. O alcalde tende a ver ós veciños como amigos e ti ós amigos non lle cobras ou falo por debaixo do que custa o servizo. Aquí cobrámoslle ós concellos 51’10 euros por tonelada tratada. En Alemaña hai concellos de 130 euros por tonelada. Nestes últimos catro anos do bipartito a débeda dos concellos con Sogama medrou un 30% e o 2010 será un ano moi malo porque van empezar a notar de xeito máis importante a crise.
A xestión do lixo é complicada. Intentouse con Fraga, logo co Bipartito e non sei se vostede o conseguirá. O outro día chamaba a un pacto entre partidos para buscar unha solución...
Na xestión do lixo ten que haber un grande acordo, o que non quita que a xestión de Sogama estea baixo a lupa e o microscopio da oposición. Chámame a atención e dáme moita pena vivir nunha terra onde nos grandes asuntos de país seguimos con este minufundismo mental de que porque o defende o PP é malo, funcione ou non funcione, por superioridade moral. Isto non é así. O que funcione a nivel mundial, poñámolo en marcha.
Vostede recicla na casa?
Non, nin eu nin ninguén (Risas). Nós o que facemos na casa é separar.
Sería necesario afondar na concienciación social...
Son dúas cuestións non alternativas, senón complementarias. Na casa hai que ter hábitos ben claros, para que os cativos se conciencien. Se me pregunta se cando fago a compra uso bolsas de plástico, dígolle que si, que trato de usar menos, pero fago como o 90% da xente. Aí temos que cambiar. No de separar, nos colectores de bolsa amarela de Lugo, a porcentaxe de impropios é do 38%. Quédanos moito por avanzar, pero só con concienciación isto non funciona. A educación dos cativos leva moito tempo e nós temos un problema peritorio ó que hai que darlle solución xa. As campañas informativas da DXT funcionan, pero tamén que poñan radares porque así concienciámonos mellor e antes."A planta de Colonia está nun polígono industrial anexo á cidade e a de Viena dentro da cidade. Aquí, no radio de 3-4 km ou incluso máis non hai absolutamente ningunha vivenda"
"Calquera que circule polas nosas estradas ou autovías ve que os camións que veñen para Sogama son colectores estancos e non van vertendo nada, nin lixo nin outra cousa"