Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Un informe da USC podería tombar xudicialmente as aspiracións da Xunta de retomar o proxecto da piscifactoría de Touriñán. O estudo realizado polo profesor de Botánica da Universidade de Santiago, Javier Amigo, revela a presenza de tres hábitats considerados como prioritarios pola Unión Europea. A lexislación comunitaria só permite destruír este tipo de contornas naturais por "razóns imperiosas de interese público de primeira orde".
A asociación ecoloxista Adega encargoulle a Amigo unha análise para avaliar a riqueza botánica de Touriñán. O científico, que hai dez anos colaborou na realización dos mapas da Rede Natura en toda España, desprazouse ó cabo e sobre o terreo localizou oito hábitats catalogados como interesantes pola UE. Deles, tres teñen a categoría de prioritarios, o que lles atribúe unha maior protección.
A súa aparición podería supor un pau á decisión do Executivo de Núñez Feijóo de aprobar a piscifactoría ansiada por Pescanova para Touriñán. A Xunta mantén que a acuicultura é compatible coa Rede Natura, unha figura de protección que pretende preservar a biodiversidade europea. Con todo, a xustiza galega empezou a matizar esta afirmación. Recentemente anulou a planta acuícola aprobada polo Goberno de Fraga en Rinlo, Ribadeo. A Directiva de Hábitats da UE é o marco legal que rexe a Rede Natura. Permite establecer plans ou proxectos nas zonas protexidas, pero obriga a que se realice unha "adecuada avaliación das súas repercusións no lugar". As administracións só poden aprobalos se se demostra que non causan "prexuízo á integridade do lugar". Pero a directiva impón restricións aínda maiores se os hábitats presentes na zona son prioritarios. Neste caso, subliña o texto legal, só poderán autorizarse por "razóns imperiosas de interese público de primeira orde". Ademais haberá que consultar previamente á Comisión Europea.
A presenza de hábitats prioritarios foi o principal argumento para que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) lles dea a razón ós ecoloxistas no caso de Rinlo. Aínda que a Xunta aprobara unha declaración de impacto ambiental realizada pola empresa, o TSXG decidiu anulala. A corte deulle máis credibilidade a un informe -tamén encargado por Adega, e realizado por outros dous profesores de Bioloxía da USC, Ramil Rego e Rodríguez Guitián- no que se acreditaba que na zona existían especies vexetais que a Unión Europea obriga a respectar.
Dous deses hábitats -as uceiras húmidas atlánticas, 4020, e as uceiras secas atlánticas costeiras, 4040- atópanse tamén en Touriñán, segundo a investigación realizada por Javier Amigo. O experto en botánica cre que no cabo de Muxía podería albergar tamén pozas temporais mediterráneas -3170- pero a súa presenza na zona é "moi puntual e fráxil". Amigo conclúe que a construción da piscifactoría é "incompatible" coa conservación dos hábitats protexidos.
Javier Amigo: "O cabo é un libro de ecoloxía aberto"
En Touriñán a vida desenvólvese nas condicións máis extremas. Os fortes ventos que azoutan o cabo, as intensas choivas e a alta salinidade que desprende o mar non impiden o crecemento das uceiras secas atlánticas costeiras. O botánico Javier Amigo subliña que nese hábitat crecen "especies vexetais exclusivas" nun ambiente moi duro para a vida como as brixeiras húmidas atlánticas ou a gramínea Linkagrostis juresii, especie vulnerable que desaparecerá coa piscifactoría. Para Amigo, Touriñán constitúe "un libro de ecoloxía aberto" do que os científicos deben "seguir aprendendo".