Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O conselleiro de Industria, Javier Guerra, solitario no seu escano da Cámara galega FOTO: RAMÓN ESCUREDO |
O anteproxecto de lei eólica da Xunta superou onte o seu primeiro trámite parlamentario, ó impedir a maioría do PP que prosperasen as emendas á totalidade presentadas por socialistas e nacionalistas, que criticaron a existencia de intereses económicos "inconfesables" e a falta de garantías ambientais. O conselleiro de Economía, Javier Guerra, defendeu a lei como "boa para o sector e para Galicia" e asegurou que o novo canon eólico lle permitirá á Xunta ingresar 1.032 millóns de euros durante os 20 anos de vida útil dos parques, fronte ós 567 millóns de dividendos libres que lle corresponderían á Xunta co modelo do bipartito.
O titular de Economía centrou gran parte da súa intervención en criticar o anterior modelo eólico do bipartito, que cualificou de "polémica e envelenada herdanza". Fronte ás críticas de PSdeG e BNG ó "revanchismo" que está practicando a Xunta nesta materia, o conselleiro defendeu a "seguranza xurídica" que achega o novo proxecto.
Sete foron os "problemas" cos que Guerra argumentou a conveniencia da reforma: a "absoluta división interna" no "bigoberno", táchalas de ilegalidade" do anterior decreto, a "afectación a Rede Natura" nun 20% dos megawatts admitidos, a "ausencia de coordinación de esforzos con Rede Eléctrica", a "vulneración do plan sectorial eólico vixente", a menor efectividade e as dúbidas sobre a participación pública da Xunta ou os cálculos sobre o investimento e xeración de emprego real.
"Respecta a liberdade de empresa"
Guerra defendeu o proxecto da Xunta como "absolutamente transparente" e asegurou que "respecta de xeito escrupuloso a liberdade de empresa", que axiliza as previsións do bipartito e que non permite localizacións en Rede Natura. O apartado ambiental foi, de feito, un dos máis criticados pola oposición, xa que tanto Abel Losada (PSdeG) como Fernando Blanco (BNG) alertaron de que a lei non obriga a todos os proxectos a contar con autorización ambiental integral. "Deixan fóra á meirande parte dos parques galegos", indicou Blanco.
O conselleiro de Economía e Industria insistiu en que a participación pública da Xunta que se incluía no anterior decreto era "ilegal" e criticou a inconsistencia dos plans industriais ós que obrigaba o texto do bipartito. As súas declaracións atoparon unha dura réplica nas filas da oposición. Fernando Blanco recordoulle que a participación da Xunta en empresas é unha realidade en casos como Gas Galicia ou Reganosa, entre outras; e tanto el como Losada criticaron o canon.
"Isto é unha vendetta"
"Volvemos ó túnel do tempo de Fraga", acusou o socialista Abel Losada, que cualificou o proxecto de lei de "vendetta política para defender uns intereses concretos". De feito, puxo en dúbida que o que "preocupase" realmente ó Goberno do PP fose a participación pública. "O que lles molestaba era que non recibían as concesións quen vostedes querían", espetou, augurando discrecionalidade na concesión, que o Goberno lles dará "ós seus amigos".