Luns 28.12.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia | ![]() |
| A acampada controlada nas Illas Cíes é un dos atrativos que ofrece o parque natural nos meses de verán. O reto agora é evitar a súa saturación FOTO: M.G. |
Conseguir unha praza para acampar no cámping das illas Cíes vai resultar toda unha proeza a partir de 2010 se prospera o borrador número doce do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, no que se propón que as 800 actuais se recorten a 400. Esta é só unha dos centos de medidas fixadas dentro do plan que perfila o Padroado do parque nacional para garantir a preservación da riqueza paisaxística e a biodiversidade dunha contorna natural que cada ano conta coa presenza de milleiros de persoas polas que, no caso das Cíes, se considera que están "sobresaturadas" e especialmente nos meses de xullo e agosto.
O documento estivo aberto ata o pasado 20 de decembro para que os membros do padroado puidesen presentar propostas por escrito e o propósito dos seus redactores é que poida estar aprobado antes do próximo verán. Entre outras cuestións, o texto esixiralle á concesión actual obter no prazo de dous anos algunhas das certificacións medioambientais comunitarias, como a norma ISO 14.000, EMAS, ou a Carta Europea de Turismo Sostible.
A oferta anual de prazas para acampar será variable, xa que será o órgano reitor do parque o que determine a capacidade de acollida tendo en conta a dispoñibilidade de auga nas zonas de acampada así como as necesidades de conservación.
No caso das Cíes, as catrocentas persoas que acampen poderán permanecer durante un prazo máximo de sete días, aínda que existe a posibilidade de continuar se non hai demanda suficiente.
Os recortes tamén afectarán o número de visitas diarias permitidas. A proposta que está sobre a mesa establece que ás Illas Cíes poidan acceder un total de 1.500 persoas en temporada alta, dos meses de maio a setembro, e non as 2.200 actuais, así como 300 de outubro a abril. No caso das Illas Ons o aforamento limítase a 1.200 visitantes entre maio e setembro e tamén 300 o resto do ano. A Sálvora poderán acceder 125 persoas na primavera e verán e a Cortegada 200 ó longo de todo o ano.
Os titulares dunha autorización administrativa para fondear nas illas tamén se aterán ás limitacións prazas, xa que cada xornada poderán permanecer un máximo de 250 nas Cíes, unhas 100 en Ons e 25 en Sálvora. A isto súmase a restrición nas zonas de fondeo que no caso das Illas Cíes se limita ás praias de Rodas, Nosa Señora e San Martiño. Ademais, para non alterar o comportamento das especies de aves e mamíferos mariños que habitan nos límites do parque terán que axustarse a unha velocidade máxima de 4/2 nós.
Actividades sen impacto
As instalacións alleas ó parque abertas en réxime de autorización administrativa poderán permanecer ata que expire o prazo comprometido pero unha vez concluído non se renovará a concesión se xera impactos ambientais negativos ou significativos para a contorna.
Integrar as obras na paisaxe
Para conservar a paisaxe única do Parque Nacional das Illas Atlánticas procederase a enterrar todas as liñas eléctricas, a eliminar os carteis publicitarios, ademais da integrar na paisaxe ós bares, restaurante e cámping das illas Cíes, que leva "integrar" as súas fachadas.
Nin facer lume nin tampouco fumar
Ademais de estar prohibido facer lume en toda a superficie do Parque, tamén se restrinxe fumar mentres se transite por un carreiro ou pista fóra das zonas de uso especial e tradicional. Non se permiten animais de compañía.
A tranquilidade, unha máxima
A normativa de carácter xeral prohibe o uso de megafonía, altofalantes, aparellos de radio ou de reprodución de sons, así como de instrumentos musicais ou calquera aparello que xere ruído que resulten molestos ou alteren a tranquilidade en toda a superficie do parque.
Guías e rutas interpretativas
Ademais de implantar a figura do guía do parque nacional, está previsto ofrecerlles ós visitantes actividades interpretativas durante todos os días do ano unha vez que estea plenamente operativa a sede que se constrúe no Casco Vello da cidade olívica.
Adaptado para discapacitados
Entre as propostas significativas do plan reitor do Parque atópase a adaptación das zonas do parque destinadas ás visitas ás necesidades das persoas con discapacidade física coa finalidade de facilitar o goce da paisaxe.