Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
O Fórum Gastronómico xa quenta fogóns de cara á súa posta de longo o vindeiro sábado en Santiago, e paralelamente, organiza iniciativas para acercar o que se coce no recinto de Amio ós padais dos cidadáns de a pé. Dentro destas actividades, nove bares e tascas "de toda a vida" compostelás acollerán a Novena Gastronómica, na que 18 cociñeiros do Grupo Nove, distribuídos por parellas, cambiarán os seus elitistas restaurantes para elaborar tapas a un prezo máis que popular: dous euros.
Onte o concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, Pep Palau, codirector de Fórum Gastronómico, e Antonio Botana, presidente do Grupo Nove, presentaron en roda de prensa no Concello de Santiago a iniciativa.
Segundo informou Iglesias, a iniciativa formará parte do Fórum Gastronómico Santiago 2010 e terá lugar nos establecementos Central, La Cavita, La Viura, Negreira, O Pataca, Catro, Picho da Cerca, Tapería Castelao, Tránsito dos Gramáticos e en La Bodeguilla de San Roque.
O evento realizarase entre as 20.30 e as 23.30 horas nos respectivos locais e, ó termo, o Grupo Nove ofreceralles ós seus participantes unha festa con entrada libre na Sala Moon da capital galega.
O requeixo da Capela, un dos pratos estrela
Por outro lado, o Concello de Santiago informou de que o requeixo da cooperativa da Capela, na Coruña, terá un "protagonismo especial" no Fórum, de forma que se desenvolverán diversas actividades en torno a ese produto. Así, en primeiro lugar, a Consellería de Medio Rural ten programada unha degustación de requeixo para o próximo día 21 ás 18.00 horas. Dous días despois, Beatriz Sotelo, chef do restaurante A Estación de Cambre e gañadora do premio Cociñeira do Ano, impartirá un taller.
Trasládase o evento á cidade
A Novena Gastronómica celebrarase o vindeiro 21 de febreiro, un día despois da inauguración do Fórum no recinto feiral de Amio de Santiago e enmárcase nas actividades do Fórum Cidade.