Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

O PAÍS DESEÑA O SEU FUTURO FINANCEIRO ·· análise

Foi o BNG o "parvo útil" do PP?

20.02.2010 Novo tremor na fronte logo de fracasar a aposta de ir da man de Feijóo na Lei de caixas e ver que agora este os vende en Madrid como xa advertiran Beiras e incluso Quintana

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R.C.B. . SANTIAGO

Núñez Feijóo e Guillerme Vázquez, na primeira reunión que ambos os dous mantiveron o ano pasado en Raxoi FOTO: Ramón Escuredo
Núñez Feijóo e Guillerme Vázquez, na primeira reunión que ambos os dous mantiveron o ano pasado en Raxoi
FOTO: Ramón Escuredo

"Feijóo, ás veces, máis que facer de verdade, parece que fai. Neste caso, como de malo vai quedar o PSOE, a el sáelle gratis. Pero o BNG non vai quedar quedo. Imos esprimer todas as posiblidades que teña este país de poñerse en pé. Estamos xogando o dispor de ferramentas de financiamento propias e non telas é unha auténtica animalada para Galiza. Xa quedamos sen sector enerxético, estamos quedando sen sector primario, podemos quedar tamén sen sector financeiro? E o seguinte que será?". Así reaccionaba onte a dirección do BNG ante as informacións publicadas por este periódico que apuntan a que o Executivo galego xa lle enviou ó estatal unha versión pulida da Lei de caixas que fora aprobada polo Parlamento autonómico -cos votos de PP e BNG-, co fin de que este reitre o recurso de inconstitucionalidade. Fontes oficiais do Bloque confirmáronlle onte a GH que eles non coñecen o texto remitido polo presidente da Xunta a Madrid nin foron consultados.

Desde o BNG aseguran que o Goberno de España "ten decidido que non vai haber fusión galega" entre as caixas. "Hai unha decisión política e do que se trata é de conseguir que o Estado mude isto, rectifique e retire o veto á fusión. Nós estamos convencidos de que máis que un recurso contra a lei é un recurso contra a fusión de Caixa Galicia e Caixanova", denuncian. Neste sentido, o BNG advírtelle a Feijóo que "non se trata de mellorar ou cambiar os parágrafos da lei, senón de que a única maneira de variar a posición do estado é forzando ou creando unhas condicións políticas que o obriguen a reconsiderar a súa posición". O Bloque chama a Feijóo a actuar de verdade e a "usar todas as armas que ten ó seu dispor". Iso pasaría, segundo a fronte, por presentar un recurso de inconstitucionalidade ó FROB, "un instrumento que viola competencias exclusivas das comunidades autónomas". "E tamén haberá que facer unha gran mobilización social para que ó Goberno do estado non lle saia gratis o veto á fusión, porque o que pretende é espoliar aforro galego, que os 80.000 millóns de euros en activos que reúnen as dúas caixas galegas se drenen cara a fóra e vaian financiar outros territorios do estado". Neste sentido, o BNG comeza a sospeitar de que Feijóo lle podería estar poñendo "gratis" ó estado "unha cuestión tan grave como esta". Igualmente, advírtenlle ó xefe do executivo autonómico que el non pode modificar a Lei de caixas aprobada polo parlamento a iniciativa do BNG. Así, advirte que, de darse o caso, "nós non aceptaremos ningún cambio na lei, votaremos en contra de calquera cambio no parlamento galego que supoña impedir a fusión galega".

Mentres Feijóo non desvela os detalles da negociación que está mantendo en Madrid, e na que cabe a posiblidade de que o líder popular acceda ás pretensións do Goberno central, a polémica no BNG a escala interna está servida. Mentres a UPG defende a capa e espada que a única vía é a fusión entre as dúas caixas galegas, outros sectores da fronte nunca o tiveron tan claro. O líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, xa advertiu no seu día de que isto non tiña fundamentación, nunha posición similar á do ex portavoz nacional Anxo Quintana, que publicou un informe a favor de fusións interterritoriais.

 

O líder popular divorciou a PSdeG e nacionalismo

No Consello Nacional do Bloque, Beiras xa deixara claro que o que estaba facendo o BNG, indo da man do PP no tema das caixas, era ser "o parvo útil" porque "Feijóo xoga a outra cousa distinta da que aparenta". Beiras asegura que "hai unha comunicación constante a nivel de Estado entre o PSOE e o PP e hai coincidencias entre eles" en facer a concentración das entidades a escala de Estado; en borrar do mapa a distinción constitucional entre as autonomías de primeiro rango e as demais; e en vehiculizar a estratexia de bancarizar as caixas.

Segundo Beiras, entre PP e PSOE, realmente, malia que o PPdeG apoiase a proposición de lei do BNG, "hai unha estratexia de acordos gravísimos para os intereses de Galiza". Para o histórico nacionalista, está clara a estratexia do líder popular galego. "Feijóo dille ó BNG que está disposto a defender as caixas galegas, entra na cuestión da reforma da lei proposta polo Bloque e provoca o divorcio do PSdeG co BNG". Para Beiras, nas cuestións de interese fundamental para o país, PSdeG e BNG deberían "actuar coordinadamente" e iso rompeuno Feijóo aproveitando esta cuestión na que picou a dirección nacionalista. Beiras cre que a actuación do Bloque foi "temeraria" e "imprudente" e que agora Feijóo podería reformar o texto unilatelarmente, algo que "é indecente e impresentable, pero xa sabemos que o PP de Feijóo é indecente e impresentable". Beiras confía, non obstante, en que o BNG poida saír desta situación "difícil", á vez que lamenta que non se escoitaran internamente as voces que pedían cautela. "Estamos na oposición, non no goberno" e o que hai que defender, para Beiras, é un recurso contra o FROB e que, pase o que pase, as caixas teñan o centro de decisión en Galicia.

A CERNA

Aymerich sospeita: Caixa Galicia para o PP e Caixanova para o PSOE

Desde o grupo parlamentario do BNG, o seu portavoz e líder da corrente "Mais BNG", Carlos Ayme- rich, insistiu en que non teñen coñecemento do texto elaborado polo goberno galego e, "desde logo, o BNG non vai apoiar no Parlamento ningunha reforma da lexislación vixente en materia de caixas de aforro que supoña un recorte substancial do que aprobamos en decembro".

Para Aymerich, a decisión de Feijóo de actuar unilateralmente en Madrid "constata" o que hai tempo que sospeitan e é que é "evidente que en Madrid hai un consenso claro entre o PP e o PSOE acerca do deseño do mapa financeiro do estado, no que Galiza non cumpre ningún papel relevante senón simplemente o repartimento que teñen pactado en Madrid o PP e o PSOE respecto das caixas galegas, Caixa Galicia para o PP a través de Caja Madrid e CaixaNova para o PSOE a través desa SIP capitaneada por caixas de aforro do PSOE". Para Aymerich, o feito de que Feijóo remitise un texto a Madrid novo sen consultar co BNG supón xa "o primeiro paso para que ese pacto que xa existe en Madrid entre PP e PSOE se estenda a Galicia". Ó preguntarlle por se o Bloque se equivocou de estratexia no tema das caixas de aforro, Aymerich considera que "non é nin acertar nin equivocarse". "O que fixo o BNG é cumprir co seu programa" Aymerich defende que o Bloque na campaña electoral do ano pasado se comprometeu a impulsar unha nova lei de caixas para ter "caixas de aforro galegas e comprometidas co país" e para poñer fin "ó escándalo que supón que o aforro dos galegos estea sendo levado a Levante, a aventuras especulativas, ou que por obra social se entenda o que non é de necesidade nestes momentos de crise". O portavoz parlamentario lembra que foi BNG o que presentou a proposición de lei no Parlamento, que logo o PP apoiou. "Se agora o PP se afasta dos obxectivos desa proposición de lei, será el o que teña que dar contas e xustificarse. Nós estamos onde sempre estivemos", defende, á vez que tamén instou á Xunta para que recorra contra o FROB ante o Tribunal Constitucional igual que o Goberno central fixo coa Lei de caixas galega.

"Agora é cando se está vendo o papel que xoga cada un. O BNG está onde sempre estivo, defendendo caixas de aforro galegas e defendendo que o aforro dos galegos sirva para dinaminzar a economía no noso país e non para financiar operacións especulativas ou a construción de edificios e clubs náuticos de luxo. Estamos para defender tamén que as caixas de aforro son entidades sociais e non propiedade privada dunha persoa ou grupo e polo tanto teñen que ser os poderes públicos os que participen directamente na súa xestión democrática e transparente", conclúe.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS