Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A estradense Mari Carmen Eyo alzouse co premio á mellor polbeira no concurso celebrado onte na Praza de Abastos enmarcado no Fórum FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ |
Gusto, olfacto, vista, tacto e oído. As rúas de Compostela convertéronse onte nun auténtico festín do que gozar cos cinco sentidos. O culpable: o disparo de saída do Fórum Gastronómico, que no primeiro día engaiolou a cidadáns, turistas e "gourmets" cunha receita infalible: a combinación de tradición e vangarda.
O primeiro grande escenario do día foi, como non podía ser doutra forma, a Praza de Abastos de Santiago. Alí, sete experimentadas polbeiras loitaron por converterse na mellor profesional de Galicia, título que recaeu na estradense Mari Carmen Eyo."Isto foi unha sorpresa moi grande, non mo esperaba", dicía moi emocionada Mari Carmen, ó saber que era a gañadora. E é que esta muller de 57 sete anos, leva máis de trinta dedicándose a esta tarefa, percorrendo Galicia de feira en feira. O seu ingrediente: agarimo, ilusión e gusto na súa preparación, a pesar de ser un "oficio moi duro". A diferenza do resto de polbeiros que participaron no concurso que serviron as súas racións con cervexa, Mari Carmen botou man doutro produto da terra: un albariño Terras de Lantaño. O segundo posto recaeu en Amador Porta, tamén da Estrada e o terceiro foi para Cristina Panderos, do Carballiño.
Aprender a cociñar con dous grandes chefs
O II Concurso de Polbeiras do Fórum non foi o único acontecemento culinario que ateigou onte a Praza de Abastos compostelá. O outro prato forte veu da man dos obradoiros de cociña de Marcelo Tejedor e Flavio Morganti, que foron acollidos cun grande éxito de público. Enmarcado na actividade De compras con..., un grupo de cidadáns aprenderon a escoller os mellores produtos dos postos do mercado grazas ás indicacións destes dous grandes cociñeiros. Posteriomente, os asistentes ós obradoiros prepararon, xunto ós seus mestres, pescada á galega, pisto e madalenas, no caso de Tejedor; e chuletón, sopa de Marsella e marisco, con Morganti.
Mais o prato forte da xornada gardábase para a noite cunha cea só apta para os máis atrevidos. Ás nove e media da noite desvelábase un dos segredos mellor gardados do Fórum: o menú da cea a cegas. Experiencia única para os amantes da alta cociña, o Hostal dos Reis Católicos converteuse durante unhas horas nun laboratorio de sensacións. Ós máis de 70 comensais que se atreveron a gozar do banquete con antifaz non deixaron de sorprenderlles todas e cada unha das propostas de Jonathan Armengol. Arroupado polo equipo de cociña do Hostal, o especialista foi o encargado de guiar os ousados participantes nunha viaxe culinaria difícil de esquecer.
Para abrir boca, queixos confeitos, tortilla de patacas galegas e mexillóns de batea con aceite de nébeda. Sempre coa venda nos ollos para manter a tensión do xogo, chegaba o momento dun aperitivo a base de ostras de Arcade, xoubas en pan, amornado de algas e zamburiñas asadas. Logo dun agradecido caldo coado de grelos, máis exquisiteces da horta e delicias de mar: minestra de fungos e trigueiros; medallón de bogavante e torta de froitas; estufado de grelos e confeito de touciño entrefebrado.
Co padal máis ou menos afeito para continuar coa cata de mil e un sabores, Armengol e a súa cuadrilla consideraron oportuno darlles paso ós peixes. Ninguén que saiba apreciar o abano de matices da boa cociña podería resistirse a unha caldeirada de rape e dado de pataca como a que se degustou onte á noite no Hostal. Difícil tamén non renderse ós pés da robaliza asada en albarda ou o arroz meloso con callos de bacallau.
Para o que veu despois non hai adxectivos. Previa cortina con sorbete de limón verde ó xenxibre, a cea alcanzaba o seu clímax cunha suculenta carta de carnes que non todos foron capaces de diferenciar. Descifrado o enigma do leitón D.O. asado e prensado, o desfile de receitas secretas continuou con confeito de año acompañado de compota de berenxenas e galo de aldea estufado con verza. Pero a festa dos sentidos aínda non chegara ó seu fin.
Faltaba o broche de ouro, sen dúbida o momento máis doce da singular cita gastronómica: as sobremesas. No desenlace tampouco faltou a chiscadela ós produtos galegos: castañas de Ourense con escuma de bagazo, pequenas filloas de crema e reinetas, e cremoso de frío de queixo do Cebreiro pechaban un menú redondo que serviría a máis dun para abrir os ollos cando sente á mesa.
Poxa de obras de arte e lotes de viño
O Hostal tamén acolleu onte unha poxa de obras de arte e lotes de viño. Adxudicouse un debuxo ó carbón e pastel de Ramón Casas por 10.000 euros; un Manuel Colmeiro, por 1.200; e un Juan Genovés por mil. No apartado de viños adxudicouse un lote de brancos galegos por 150 euros e uns tintos de Borgoña por 175 euros.
Tapas "delicatessen" en bares de sempre
A segunda xornada tamén terá como protagonistas a xente da rúa. Así, o prato forte virá da man dos cociñeiros do Grupo Nove que, distribuídos en parellas, farán tapas en La Cavita, Central, La Viura, Negreira "O patata", O Catro, O Picho da Cerca, Tapería Castelao, Tránsito dos Gramáticos e La Bodeguilla de San Roque.