Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 31.10.2014  | Actualizado 12.23

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

CALIDOSCOPIO

Demografía, abonda de leria

MANUEL MERA  | 23.10.2011 
A- A+

Hai algunhas semanas a conselleira de facenda, Beatriz Mato, afirmaba que a situación demográfica do país é dramática e a xente semella non tomar conciencia do problema. Ou sexa, que temos que nos poñer todos a ter e criar fillos e fillas, para evitar que morra máis xente que a que nace. Hai uns anos a alternativa destes mesmos partidos era outra, importar inmigrantes para cubrir este déficit, agora coa economía en retroceso, un desemprego altísimo, esta opción semella que xa se desbota. Por suposto apuntaba como un dos atrancos deste grave problema o aborto, e despois chamaba ao consenso de todos os partidos.

Non hai dúbida que este é un importante problema da sociedade galega, mesmo partindo da base que neste contexto histórico, nun mundo que amosa acotío os seus precisos limites, non se trata tanto de aumentar a poboación como de manter a existente. Isto semella o máis lóxico xa que Galiza ten un número de habitantes sostíbel en relación á súa dimensión, tipo de terreo e sermos un país costeiro, recursos agrícolas, pesqueiros, minerais, enerxía, etcétera. O importante non é sermos máis senón de vivir nas mellores condicións posíbeis e de xeito sustentábel.

O problema da baixa natalidade, téñoo dito en infinidade de artigos e charlas, débese fundamentalmente aos baixos salarios, endebedamento familiar, traballos precarios, xornadas excesivas, altas taxas de desemprego. Isto é especialmente grave xa que, como todos sabemos, estas lacras atinxen especialmente á mocidade. Con este cadro ¿quen vai ter fillos?... Só os que teñen unhas condicións de traballo moi seguras ou os moi atrevidos. Este é o atranco principal!!!. Non recoñecelo é puro cinismo. Evidentemente hai persoas que dan prioridade ao seu traballo ou a non perder unha hora do seu lecer, porén tamén houbo períodos moi grandes na historia de Galiza nos que unha parte considerábel da poboación vivía en celibato ou a emigración era masiva, e non por iso perdemos capacidade de medre demográfico. O centro do problema son as condicións laborais e a distribución desigual da riqueza, que condena a amplos sectores da sociedade a situacións de vida moi precarias ou á emigración.

Falo da emigración, porque ninguén pode ignorar, menos unha conselleira, que cada ano vanse milleiros de mozos e mozas, aqueles que están en tempo de emparellar e ter fillos. Emigran, como reflicten todas as enquisas e calquera sabe, por falta de emprego e os malos salarios.

Os dous dos eixos centrais para solucionar o problema demográfico son: as malas condicións laborais dunha gran parte da clase traballadora (que en moitos casos leva a un excesivo endebedamento), e a enxurrada de emigrantes mozos. O terceiro eixo son as pobres axudas públicas. Lembremos que ter un fillo ou filla é unha decisión individual porén tratase dun beneficio colectivo. Agora ben, hoxe a maioría dos custes cárganse na familia e as axudas son cativas, as veces miserentas. Compren maiores subvencións por fillo, aumentar os períodos de licencia pagada por natalidade, garderías infantís, etcétera.

Ademais é impensábel darlle un pulo á natalidade sen conseguir que se cumpra a xornada laboral legal vixente. Hoxe en sectores enteiros trabállanse unha media de 10 e 12 horas ao día, e isto afecta moito aos mais mozos. Quen pode pensar en ter fillos sen ter tampo material para os coidar?...

En resumo, o único xeito de ter unha demografía con vitalidade pasa por distribuír mellor o traballo e a riqueza, por garantir emprego digno, por termos mellores servizos sociais e prestacións axeitadas, por poder defender os nosos sectores produtivos e estratéxicos da voracidade dos grandes centros de poder. O crecemento demográfico depende da economía, do modelo social, da soberanía coa que se conte en Galiza para evitar a constante sangría das transferencias desiguais e dunhas regras de xogo que sempre nos marxinan. O consenso de todos en estes termos sería positivo. Porén, sra. Conselleira, non penso que isto sexa o que o seu partido propón, porque de selo ten maioría parlamentar abondo para poñelo en práctica. Polo que, abonda de leria cun tema tan transcendental.

Manuel Mera

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS