Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 02.09.2014  | Actualizado 11.36

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

O SAL DA TERRA

Adeus a "Dharma"

JOAQUIM VENTURA  | 03.11.2011 
A- A+

A idade non perdoa e o pasado luns 24 a Companyia Elèctrica Dharma daba no Palau de la Música de Barcelona o seu derradeiro concerto, coa coartada dos vintecinco anos da morte de Esteve Fortuny, guitarrista e principal compositor dos temas que lanzaron a este grupo musical á fama.
Sen o papanatismo teledirixido da movida madrileña, en Barcelona houbo un movemento de renovación musical desde comezos dos anos setenta. Músicos que comezaran no campo do folk derivaron cara a novas propostas converxentes co rock sinfónico ou o jazz, ou incluso coa recuperación dos ritmos latinos. E a alquitara donde destilaron boa parte desas propostas –alcumadas como música laietana- foi o Zeleste da rúa Argenteria. Entre os veteranos estaban Jaume Sisa, Ia Clua e Jordi Batista, Màquina!, e, entre os da xeración seguinte, apareceron desde o barrio de Sants cinco rapaces, tres deles irmáns –Josep, Joan e Esteve Fortuny-, que respondían ao nome artístico de Companyia Elèctrica Dharma.
En 1975 publicaron o seu primeiro disco, Diumenge. E entre aqueles músicos descubrín a un vello compañeiro de clase, Jordi Soley, nos teclados (uns anos despois marchou para outra aventura musical). Con regularidade anual seguiron L’oucomballa, Tramuntana, Àngel de la dansa, Ordinàries aventures, L’Atlàntida, Al Palau de la Música amb la Cobla Mediterrània (a primeira xuntanza de cobla de sardanas con formación rock) e Catalluna, no que versionaron cancións tradicionais.
A morte repentina de Esteve Fortuny en 1986 supuxo un golpe moi duro. No sentimental e no artístico. Porén, tiñan vontade de seren incombustibles e, con mellor ou peor fortuna, acadaron os vinte discos editados, entre eles un de verdadeiro risco e resultado brillante: o Llibre vermell (2002), versión do cancioneiro medieval de Montserrat homónimo.
Os músicos da Dharma chegaron ata hoxe por unha razón fundamental: con eles racharon o molde. Ao longo destes case corenta anos non houbo ningún outro grupo con solideza dabondo para representar unha opción musical para as xeracións de rapaces inconformistas e asemade independentistas. Música festiva, de base tradicional e execución rockeira, sen letra. Un éxito que se renovou cando hai pouco o FC Barcelona adoptou pa grada a súa versión da canción tradicional La presó del rei de França (unha auténtica explosión de ritmo) e desde aquela está presente nas escolas de infantil e de primaria curso tras curso e nas gorxas de milleiros de mozos.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS