Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 30.07.2014  | Actualizado 00.00

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

O SAL DA TERRA

Achicoria para todos

JOAQUIM VENTURA  | 05.01.2012 
A- A+

O problema dos diagnósticos non radica en escoitalos senón en asumilos e comprender que a cousa é seria e que vivir con saúde plena é un privilexio. Moito diso está a suceder coas finanzas públicas das administracións españolas. Xa non valen panos quentes senón que hai que aplicar cirurxía. E ben claro ven de deixalo o novo ministro de Economía, Luis de Guindos, nunhas declaracións ao Financial Times: os orzamentos autonómicos deberán pasar o plácet do goberno central.

Agora veñen as bágoas dos dirixentes autonómicos, soberanistas ou non, sobre a intervención da Moncloa nos proxectos de orzamentos. Pero o certo é que a barra libre que supuñan estes tiña que rematar, tarde ou cedo. E ningunha autonomía se salva. Non podía ser que houbese administracións que usasen o diñeiro público –a débeda pública- para patrocinar grandes premios de Fórmula 1 ou competicións de vela cinco estrelas: gasto de todos e beneficios duns poucos.

Como tampouco podía ser que outras administracións autonómicas deficitarias, non podendo organizar actos de tal magnitude, gastasen os cartos que reciben da LOFCA en repartir axudas universais á dependencia, ordenadores escolares para cada neno ou axudas de ata vinte cinco mil euros para os mozos que merquen un piso. Iso sen contar as subvencións das deputacións para facer polideportivos ou pazos de congresos.

Non me sorprende tanto esta fiscalización por parte do goberno central –a fin de contas os orzamentos estatais van ser supervisados tamén por Bruxelas- como que os mesmos que agora promoven a restrición autonómica son fillos espirituais daqueles que animaron a proliferación autonómica para diluir as singularidades galega, català e vasca. Como sorprende que haxa quen –como Artur Mas- emule a Eduardo Manstisoiras mentres Andalucía –unha autonomía subsidiada- anuncia que non subirá impostos.

Quizais chegou a hora de deixar de xogar ás penínsulas baratarias, cada quen coa súa teima, pensando que a débeda era o corno da abundancia. E se cómpre deixar de retransmitir partidos de fútbol do Barça ou do Deportivo –a coartada era a normalización lingüística-, pois será cousa de pensar en ferramentas máis baratas e efectivas. E se hai que elexir entre pechar servizos de urxencias polas noites ou retransmitir carreiras de Fórmula 1 en catalán, a eleción é ben fácil. Falar de ataque á soberanía cando houbo gasto sen límite e proveito duns poucos é facer trampa.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS