Controlado o incendio logo de calcinar 750 hectáreas, 370 en zonas de maior interese
SANTIAGO. EP | 03.04.2012
A Consellería de Medio Rural e do Mar informou de que o incendio forestal rexistrado no municipio coruñés da Capela, que afectou a unha parte do Parque Natural das Fragas do Eume, foi controlado, tras calcinar unhas 750 hectáreas.
O lume iniciouse o pasado sábado ás 15.16 horas e quedou controlado ás 20.00 horas deste luns. A Xunta mantén a estimación provisional de 750 hectáreas calcinadas (500 arboredos e o resto de monte raso). Do total, unhas 370 corresponden a áreas de maior interese de conservación do parque.
O total acumulado de medios mobilizados son 4 técnicos, 33 axentes forestais, 37 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros, 7 avións e efectivos de Protección Civil de Mugardos.
A eles, hai que engadir os 286 efectivos mobilizados que forman parte da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estes militares actúan apoiados por 18 autobombas, 6 camións cisterna e uns cen vehículos de comunicación e apoio. Todos eles son elementos de intervención pertencentes ao Batallón de Intervención en Emerxencias V, con base en León.
Esta tarde a Xunta desactivou o 'Nivel 1', que foi decretado o pasado sábado como medida preventiva.