O BNG cre que os datos en Galicia demostran que as medidas da Xunta son ineficaces
SANTIAGO. EP | 03.04.2012
O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, mostrou este martes a súa "preocupación total" polos datos do paro rexistrado en Galicia no mes de marzo, ao tempo que sinalou que as cifras demostran que as políticas económicas tanto da Xunta coma do Goberno central son "total e absolutamente ineficaces" para "combater a crise".
Nunha comparecencia ante os medios, o tamén candidato á presidencia da Xunta polo BNG recordou que a cifra de paro en Galicia está a "subir a un ritmo por enriba da media estatal", ao que se suma unha "caída na afiliación" á Seguridade Social durante o mes de marzo.
Por iso, criticou as medidas adoptadas pola Xunta e polo Goberno central para facelo fronte á crise que, segundo indicou, mostran unha "absoluta ineficacia" para crear emprego e, foi máis alá, "xeran aínda máis desemprego".
Pola súa banda, a voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Ana Pontón, tamén se referiu á situación do paro en Galicia na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, na que lamentou que "non pode haber unha avaliación positiva" e na que cualificou de "grave" que a Xunta pretenda "dulcificar" os datos dicindo que están por debaixo da media estatal.