Venres 02.11.2007
Hemeroteca web
|
RSS
Aulas | O caso dunha agresión a un escolar a mans duns compañeiros sucedida a semana pasada no peirao de Escarabote, no municipio coruñés de Boiro, cuxa gravación por teléfono móbil foi logo distribuída en internet, está en mans da Fiscalía, segundo informou onte o alcalde da localidade, Xosé Deira.
A Garda Civil identificou os autores do ataque e ós implicados na gravación "que debendo prestar auxilio non o prestaron", que son tamén menores, de entre 15 e 17 anos.
O menor agredido cambiou de domicilio tras os feitos - trasladouse á casa dunha tía- ante o temor a ser atacado de novo.
Fontes do Colexio Jaime Balmes, de Noia (A Coruña), onde estuda o mozo, indicaron que se trata dun "rapaz algo inxenuo e demasiado impulsivo e inquedo, que sempre se estaba a meter cos compañeiros".
Ademais, relataron que leva dende o día 22 de outubro sen ir ao colexio. "Ao principio, porque lle estaban a facer probas, xa que lle doía moito a cabeza", segundo puntualizaron, "aínda que despois seguiu sin ir por medo", agregaron.
A vítima resultou con dous dentes rotos, varias costelas afectadas e numerosas contusións, confirmou o alcalde en declaracións á Radio Galega. Aínda que agora "está bastante mellor", á parte dos danos físicos "necesita apoio psicolóxico" para recuperarse, porque "ten ese estigma encima de que foi agredido".
Deira afirma que a gravación "é degradante e non humana" e as persoas implicadas "parece que se recrearon nas lesións e no sufrimento" porque se escoitan voces desde atrás que din "non, non, dálle agora" ou "este vídeo vai valer ou seu peso en ouro".
Polo que estivo pescudando o propio alcalde trátase dun grupo de rapaces que dá "unha malleira a outro" e "houbo unha persoa ou dúas que estiveron gravando ou feito". Manifestou que se trataba "non só de darlle a malleira a outro rapaz, senón tamén de gravar un vídeo con toda a crueldade e ou realismo para colgado nunha rede ou difundilo a través do teléfono".
O dirixente municipal advertiu de que este tipo de feitos, que "non son propios de Boiro", son "bastante máis normais do que pode parecer". Ó seu ver, a sociedade fomenta este tipo de situacións xerar "frustración" que se manifesta a través dunha agresividade "que trata de facerse patente e visible" e "hoxe teñen os medios para difundila".
Neste caso, tamén destacou a mocidade dos agresores que "son adolescentes, nese tramo de idade onde as pelexas ou a procura do recoñecemento social son máis frecuentes", polo que considera que influíu o feito de querer "ser o macho da cuadrilla" ou demostrar que saben desenvolverse en situacións agresivas para conseguir un certo prestixio no seu círculo.
Para Xosé Deira a mocidade "non é máis que un reflexo do que está pasando na sociedade" e é necesario controlar a situación desde os centros educativos. Asegurou que neste sentido xa se está actuando en Boiro con charlas e encontros coa Cruz Vermella, a Garda Civil e Protección Civil para "fomentar valores que contribúan á convivencia".
O alcalde mostrou o seu "asombro", como persoa que leva 32 anos traballando na educación secundaria, polo feito de que haxa xente que rexeite a materia da Educación para a Cidadanía. "Necesítase cada vez máis, máis valores e máis educación" neste ámbito, di.
Xosé Deira
"A gravación é degradante e non humana. Parece que se recrearon nas lesións e no sufrimento, porque se escoitan voces desde atrás que din "non, non, dálle agora" ou "este vídeo vai valer o seu peso en ouro"
"Estes feitos son máis normais do que se pensa. Hai que estar atentos e poñer todos os medios non só para que non pasen, senón tamén para que non xeren este tipo de difusión, que serve de recompensa para aqueles que o fan".