Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, afirmou onte no Parlamento que a rede pública de escolas infantís –galescolas– posta en marcha polo seu departamento permitirá que a taxa de cobertura de prazas públicas para os menores de 0 a 3 anos alcance en Lugo o 36 por cento e en Ourense, o 44 por cento, superando a recomendada pola Unión Europea e converténdose nas provincias do Estado con maior cobertura.
Neste sentido, dirixiuse ós ‘populares’ que presentaron unha interpelación sobre a situación actual da rede de galescolas e asegurou: “Supoño que será un motivo de satisfacción que Lugo e Ourense estean por primeira vez á cabeza de algo”. Durante a súa intervención, o nacionalista anunciou que neste primeiro cuadrimestre do ano entrarán en funcionamento un total de 15 galescolas, que suponrán a creación de 700 novas prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos e que crearán 104 postos de traballo.
Trátase, segundo Quintana, de “empezar a traballar” de cara a paliar o “déficit” de escolas infantís existente na nosa comunidade e anunciou que pensan “concluír este traballo”.
Así, reiterou que a rede Galescola permitirá poñer en marcha 121 escolas infantís, o que se traducirá en máis de 6.000 prazas e a creación de 1.200 postos de traballo directos, para o que conta cun orzamento total de 33 millóns de euros.
Ademais do incremento de prazas en Ourense e Lugo, o nacionalista anunciou que na Coruña, a taxa de cobertura pasará do 13 ó 23 por cento e en Pontevedra achegarse ó 21 por cento coincidente coa media estatal. Por outra banda, subliñou que o obxectivo que se marca Vicepresidencia é de converter as galescolas en “auténticos espazos educativos e non asistenciais” para o que sinalou como instrumento o Plan de Calidade e Mellora Pedagóxica para as Escolas Infantís.
Para iso, explicou, era necesario poñer en marcha un “programa pedagóxico básico” para toda a comunidade, que permita que todos os centros funcionen como unha verdadeira rede xa que ata o momento, precisou, “tiñamosproxectos illados en cada un dous centros”.
A polémica arredor do uso do galego, “artificial”
Quintana considerou “artificial” a polémica suscitada ó redor do uso do galego nestes centros e manifestouse “orgulloso” da preocupación que o seu departamento demostra ó impulsar a galeguización do ensino na comunidade. “Nós non nos asustamos de galeguizar o ensino”, indicou ó PP e ironizou que a pretensión do departamento que dirixe de avanzar neste camiño correspóndese cun “terrible obxectivo”.
Neste sentido, reiterou a intención de cumprir nos centros da rede o Plan de Normalización Lingüística que, recordou, foi aprobado por “unanimidade” na Cámara galega.
O vicepresidente da Xunta fixo tamén referencia ó concurso convocado para o deseño dos mandilóns e da “roupa de traballo” para o persoal das galescolas. Así, insistiu en que “non se trata de uniformes” senón de mandilóns, unha peza “habitual” nos centros infantís que, ademais, “será de uso voluntario” e que se distribuirá “de xeito gratuíto”. Engadiu que o obxectivo do concurso de ideas é crear “unha imaxe corporativa “propia”. l
O PPdeG reincide na "propaganda"
O PPdeG reiterou as acusacións a Quintana de facer "propaganda" e de incumprir "o que repetiu unha e outra vez no percorrido que fixo o ano pasado". Ademais, reiterou as acusacións de "escurantismo" no proceso de selección de persoal para as galescolas e a "presión sobre os concellos" que exerce o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Así mesmo, dirixiuse a Quintana e afirmou que "pode aforrar o millón de euros do concurso a través dunha fórmula: mandilóns a raias azuis e cunha estrela vermella de cinco puntas". En resposta, o vicepresidente reiterou o carácter voluntario de integración dos concellos neste órgano e criticou a actitude de "crispación" do PPdeG que, afirmou, "está guiado polo grupiño de extrema dereita que dirixe o partido en Madrid".
Comisións denuncia que crearán unha "rede clientelar"
CCOO denunciou onte que Vicepresidencia quere crear "unha rede clientelar" coas galescolas, cun modelo de relación laboral "precario", pois promove contratos "por obra e servizo de dous anos" cando o servizo de gardarías de 0 a 3 anos é algo estrutural e non temporal. Carlos Pardo, secretario da Federación de Administración Pública de CCOO, acusou a Vicepresidencia "de usar un servizo público para crear un sistema clientelar" cando "en tempos non moi afastados" denunciaban esta práctica por parte da Xunta do PP. Por iso, o sindicato reclamou "coherencia" ao actual Executivo autonómico porque estas prácticas non se corresponden co pacto de Goberno asinado por PSdeG e BNG, que inclúe "a defensa dos servizos públicos".