Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A manifestación, onte en San Caetano FOTO: AGN |
Uns 700 profesores de Tecnoloxía, Plástica e Música de Galicia manifestáronse hoxe en Santiago contra a proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de reducir en máis dun 40% a carga horaria obrigatoria destas tres áreas, que afecta uns 1.600 docentes en toda a comunidade.
Os manifestantes celebraron previamente á manifestación, sobre as 11.30 horas, unha serie de actividades relacionadas coas materias de Plástica e Música, sobre todo, con alumnos e docentes na Praza da Quintana, para, baixo o lema 'Por máis carga horaria nas materias de Plástica, Tecnoloxía e Música', partir sobre as 12.00 horas ata a Consellería de Educación en San Caetano.
En declaracións , o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, salientou hoxe que a redución de máis dun 40% da carga lectiva destas materias "impide a formación integral e completa aos alumnos destas áreas".
Por iso, considerou "inaceptable" a redución "importante" de horas nestas materias e defendeu que os profesores destas áreas poidan impartilas "cun mínimo de amplitude" e advertiu de que esta medida tamén "pon en perigo" postos de traballo. OUTRAS MEDIDAS
Tras a manifestación, os docentes destas áreas celebrarán unha asemblea no edificio de Maxisterio para decidir as medidas futuras a adoptar polo colectivo afectado.
Ademais, os profesores destas áreas realizan unha "recollida masiva" de sinaturas "en defensa das tres áreas pola importancia na formación integral do alumnado e porque reforzan a calidade na educación".
Segundo sinalou a CIG-Ensino, coa proposta de Educación a materia de Tecnoloxía pasará de ter unha carga horaria de sete a catro horas, un 43% menos; e a de Plástica e Música reduciranse de cinco a tres horas, un 40% menos.
Pola súa banda, os docentes reclaman que se amplíe a carga lectiva de tres a catro horas en Música; de tres a cinco horas en Plástica, e de catro a seis horas en Tecnoloxía.