Martes 28.10.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Aulas | ![]() |
A produción científica do conxunto do Sistema Universitario de Galicia (SUG) superou a cifra de 9.000 documentos publicados, 9.044 en total, nas revistas de investigación máis prestixiosas do mundo, entre os anos 2002-2006. No cómputo global, correspóndelle á USC encabezar a lista por número de documentos, con 5.383, seguida da UVI, con 2.954 e da UDC, con 1.380, segundo se desprende do informe "Evolución da produción científica do SUG nas bases de datos ISI 2002-2006", elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia. Este informe traballa coas bases de datos de Thompson-ISI, o Instituto para a Información Científica (ISI-Institute for Scientific Information), especializado na análise de citación ou factor de impacto de milleiros de revistas de todo o mundo.
Neste período, a produción científica das universidades galegas constitúe o 76,5% de Galicia, que acada a cifra total de 11.818 documentos publicados, cantidade que agrupa, ademais da produción das universidades, a do sistema sanitario, dos centros asociados ao CSIC, dos organismos públicos de investigación, da empresa privada, da Administración e doutros centros de investigación. Todos eles, por esta orde, están considerados como as principais fontes de produción científica da nosa comunidade, por número de documentos publicados. Polo tanto, a cifra de produción científica do Sistema Universitario Galego constata que as entidades académicas de nivel superior seguen a ser a locomotora da investigación galega.
Ao mesmo tempo, a produción científica de Galicia por documentos publicados representa o 6,7% de todo o Estado, que neste período chegou a editar 175.221 documentos nas revistas das bases de datos de Thompson-ISI (Web of Science).
O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia realiza un labor de investigación propio orientado a coñecer a cantidade e visibilidade dos traballos da comunidade investigadora galega e dos seus científicos, a través da difusión nas publicacións especializadas de referencia.
Ascenso da produción ano a ano
Entre o 2002-2006, a produción científica global das tres universidades galegas mostra unha curva ascendente ano tras ano, cun pequeno descenso, de só 9 documentos, no ano 2004 con respecto ao anterior. Así, en 2002, o conxunto de todo o Sistema Universitario de Galicia proporcionou 1.618 publicacións, que no 2003 xa foron 1.793, no 2004 eran 1.784, no 2005 representaban 1.850 e o 2006 pechouse con 1.999.
Dúas excepcións rachan coa tendencia ascendente. A primeira no caso da USC, cando a cifra de documentos publicados dos anos 2004 e 2005, con 1.048 e 1.070 documentos respectivamente, foi inferior á cifra do ano 2003, no que se contabilizaron 1.110 publicacións. A segunda, na Universidade da Coruña, xa que igualmente, os anos 2004 e 2005 son de menor produción có 2003, aínda que as diferenzas son máis atenuadas que na Universidade de Santiago.
En conclusión, o ano máis prolífico foi o 2006, cando, en conxunto, as tres universidades foron quen de publicar 1999 documentos, dos cales 1.145 lle corresponderon á USC, 686 á UVI e 298 á UDC.
2.723 documentos en Química e só 16 en Dereito
Entre os anos 2002 e 2006, as áreas temáticas nas que máis se publicou foron: Química, con 2.723 documentos; Medicina, con 1.951; Bioloxía Molecular e Xenética, con 1322; Física e Ciencias do Espazo, con 1232; e Bioloxía Vexetal e Animal, Ecoloxía, con 1018. Pola contra, campos como o Dereito, con 16 documentos publicados; a Historia e Arte, con 41; ou a Enxeñería Mecánica, Naval e Aeronáutica, con 106, son as materias que xeran menor número de publicacións.
Entre as materias que máis ascenderon están Tecnoloxía Química, que pasou de 60 documentos en 2002 a 189 en 2006; as Xeociencias, que variou dos 151 aos 286; e a Física e Ciencias do Espazo, que saltou dos 204 aos 271.
A palma: Química e Medicina
Na USC, os campos que maior número de documentos atraen son a Química, cun total de 1.528 documentos; a Medicina, con 1.259; seguidas da Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, con 825; a Física e Ciencias do Espazo, con 798, e a Bioloxía Vexetal e Animal e a Ecoloxía, con 488 documentos publicados nos 5 anos.
A entidade compostelá remata o período cunha leve repunta nas áreas da Xeociencias, da Física e Ciencias do Espazo, e da Tecnoloxía Química, mentres que descende, no campo da Agricultura e da Tecnoloxía e Ciencias da Alimentación.
Informática na Coruña
Na Universidade da Coruña, o primeiro posto é ocupado pola Química, con 391 documentos; seguida das Ciencias da Computación e da Tecnoloxía Informática, con 237; da Medicina, con 194; das Xeociencias, con 165; da Bioloxía Molecular e Celular Xenética, con 156 documentos. A evolución foi positiva en áreas como as Xeociencias, Física e Ciencias do Espazo, Enxeñería Civil e Arquitectura, en Medicina e en Tecnoloxía Química. Advírtese un saldo negativo en Tecnoloxía e Ciencias da Alimentación, na Gandaría e Pesca e na Tecnoloxía Electrónica.
As xeociencias destacan en Vigo
A Universidade de Vigo publica en maior cantidade documentos adscritos á área de Química, con 804; seguida da Medicina, con 498; das Xeociencias, con 406; da Bioloxía Vexetal e Animal, e Ecoloxía, con 394; e, en último lugar, da Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, con 341 documentos.
A conta é positiva en áreas de Xeociencias, Medicina, Tecnoloxía Química, Física e Ciencias do Espazo, cun crecemento máis leve. Tamén crecen as áreas de Bioloxía Vexetal, Animal e Ecoloxía; ou a Bioloxía Molecular, Celular e Xenética.