Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
"Busco amante galego-falante". Esta é a solicitude que encabeza as decenas de carteis que cobren as paredes de escolas e facultades do campus vigués. Mesturados nos taboleiros das escolas de facultades con infinidade de carteis con anuncios de todo tipo, o reclamo de Amante galego-falante, non pasou desapercibido nin pola súa cor, pero sobre todo polo seu contido.
Baixo o alcume de amantegalegofalante o autor ou autora dos carteis explica que acaba de chegar do estranxeiro e quere aprender galego. "Busco unha relación comunicativa, libre, sen prexuízos", pode lerse nos carteis que crearon unha grande expectación entre o estudantado.
"Paréceme fenomenal que alguén que vén de fóra estea interesado en que lle aprendan o galego", sinalaba unha estudante de Minas que tamén se amosaba disposta a atender a petición do misterioso ou misteriosa demandante de amante galego-falante. "Non me importaría quedar con el ou con ela, e logo a ver qué xorde", chanceaba un estudante de Económicas ante un cartel pendurado á entrada da Reitoría. Precisamente o feito de que no cartel non se especifique se o potencial amante ten que ser un mozo ou unha moza, non parece preocupar a moitas das persoas que hoxe lían o cartel e que ademais teñen moi claro que máis alá de cuestións sentimentais, a relación lles servirá para difundir o galego, ao tempo que aprenden outra lingua. "Gústanos a idea de ensinarlle a nosa lingua a unha persoa que vén de fóra mentres aprendemos outro idioma", din dúas estudantes de Telecomunicación.
Incluso algúns dos cento trinta estudantes chegados do estranxeiro ao campus vigués nos últimos días, non son indiferentes a esta solicitude sobre a que, por exemplo, un estudante polaco de Filoloxía sinala: "É unha boa idea, aínda que para min un pouco arriscada. É que teño moza en Polonia". Máis disposta se amosa unha estudante alemá de Industriais que afirma: "Mágoa que non se me ocorrese a min! Ao mellor até lle copio a idea".
130 para Vigo e 24 en Ourense
Os campus da universidade de Vigo veñen de recibir unha nova remesa de alumnos estranxeiros, nomeadamente Erasmus: 130 mozos en Vigo e 24 en Ourense. Chegan con desexos de aprender idiomas, coñecer Galicia e as súas xentes e, sobre todo, pasalo ben.