Xoves 04.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Sociedade | A conselleira de Política Territorial e os grupos do PP e do BNG pediranlle ao ministerio de Fomento que lle esixa a Autoestradas do Atlántico S.A. (Audasa), un plan que evite que se volvan repetir situacións coma a do martes, cando dous accidentes producidos polo xeo sumiron a AP-9 no caos. Así mesmo, o vicepresidente Anxo Quintana, considerou "lóxico" que os usuarios da vía "pensen en deixar de pagar" a peaxe se Audasa "non cumpre os compromisos" contractuais relacionados co cobro das taxas por circular por esta infraestrutura.
Ante as acusacións de falta de previsión e información, a concesionaria defendeu a súa actuación argumentando que a pesar de ser informada de "alerta verde" no referente á situación meteorolóxica estendeu sal na AP-9 de forma preventiva ás 22.00 horas do 1 de decembro e ás 05.00 horas do 2 de decembro, dúas horas antes do primeiro accidente múltiple rexistrado na autoestrada, ao que seguiu outro 75 minutos despois.
Fontes de Audasa, encargada da conservación e explotación da autoestrada, explicaron que se cortou ao tráfico a AP-9 unha vez ocorridas as dúas colisións múltiples, nas que resultaron implicados uns 40 vehículos a primeira hora da mañá, debido a unha "repentina sarabiada", e asegurou que anunciou esta incidencia en "todos" os paneis informativos. Debido a este problema non cobraron a peaxe e seguiuse o Plan de Vialidade Invernal, subliñaron as mesmas fontes.
Pero as explicacións da concesionaria non calman as críticas vertidas polos grupos políticos. A conselleira de Política Territorial, María José Caride, indicou que Audasa, como concesionaria da AP-9, debe pór os medios necesarios para que non se repitan situacións caóticas como a producida o martes.
"Unha infraestrutura vital que vertebra a nosa mobilidade"
Así, Caride considerou a AP-9 "unha infraestrutura vital para nós porque vertebra a maior parte da mobilidade de todos os cidadáns de Galicia", segundo informou onte o departamento nun comunicado.
A conselleira informou de que Política Territorial xa lle transmitiu unha queixa formal ó Ministerio de Fomento para que, como Administración titular da AP-9, lle esixa a Audasa que garanta as perfectas condicións de mobilidade na autoestrada. "Todos entendemos que poidan existir incidencias, pero hai que establecer os mecanismos para prevelas e actuar de forma inmediata cando aparece un problema", aseverou onte a conselleira.
Ante as críticas de numerosos usuarios, reiterou que a concesionaria, se o precisa, "deberá poñer máis estacións meteorolóxicas, máis cámaras e máis paneis informativos", co fin de que os galegos poidan circular con normalidade por unha vía "absolutamente imprescindible para a mobilidade e para a actividade económica de Galicia".
Doutra banda, Anxo Quintana remarcou que o traballo de Audasa consiste en "cobrar unha peaxe para dar un servizo, e se se dá, se cadra os cidadáns galegos teñen que pensar en deixar de pagar a peaxe", salientou o vicepresidente. Quintana explicou que "Audasa é a concesionaria da xestión dunha infraestrutura básica para o país, que os galegos pagan xenerosamente coas taxas", polo que tachou de "inadmisible" a situación de colapso do martes. Deste xeito, o número dous do Goberno autonómico referiuse á queixa formal que Política Territorial anunciou onte e entendeu que, ante circunstancias como a mencionada, "e posto que non se reduce á peaxe", estase en "condicións de reclamar que non se reduza o servizo, senón que se mellore".
"Independentemente" do que vaia facer o Goberno galego, Quintana defendeu que os cidadáns "están no seu pleno dereito para facer as reclamacións oportunas polos danos ocasionados" e insistiu en que "Audasa debería pensar moitísimo en mellorar os servizos".
De non facelo, "sería lóxico que os usuarios galegos se cuestionasen a xustiza de pagar unha peaxe polo que despois non reciben o servizo pactado", concluíu.
Pola súa parte, o Partido Popular pediulle á ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, que aclare, en sede parlamentaria, se vai tomar medidas para que non volva repetirse o problema. Os deputados galegos Ana Pastor, Nava Castro e Javier Guerra presentaron unha pregunta no Congreso a este respecto.
Con esta iniciativa, os deputados do PP pretenden que o Goberno lles "garanta ós galegos o normal funcionamento das súas infraestruturas sobre todo nunha comunidade na que as inclemencias climatolóxicas son algo constante". Recordan así mesmo que os galegos tiveron que soportar o martes máis de dez quilómetros de retencións e que o colapso da AP-9 derivou na saturación da N-550, na que moitos condutores tardaron máis de tres horas en percorrer os 28 quilómetros que unen A Coruña e Ordes.
Ademais, a senadora popular pola Coruña, María Jesús Sainz, pediu explicacións por parte do Executivo central, ó entender que a concesionaria "non deu a resposta adecuada" nin "aplicou as medidas de prevención pertinentes".
Pola súa parte, o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou outra iniciativa parlamentaria para pedirlle a Fomento que demande a Audasa un plan de medidas preventivo "adecuado, eficaz e suficiente", indicou. "A pesar de ser coñecidas as previsións meteorolóxicas, que anunciaban temporais de neve e xeo, non se evitou o enorme caos na autoestrada", dixo, e engadiu que está "en cuestión o plan de actuación que Audasa afirma levar a cabo e que ante a magnitude do sucedido demostrouse totalmente ineficaz e insuficiente".
Seguen as negociacións para mellorala, di Fomento
O Ministerio de Fomento, que xestiona Magdalena Álvarez, confirmou onte a AGN que "continúan as negociacións" para acometer as melloras na AP-9, propiedade agora de Citi Infraestructure Investors (CII). O departamento do Goberno central reiterou que, á marxe de quen sexa o novo dono da principal arteria de comunicación de Galicia, "as conversacións mantéñense e van seguir". E aclarou que os encontros se establecerán, como ata agora, entre o propio Ministerio de Fomento e Audasa, filial propietaria da AP-9. Tamén indicou a mesma fonte que "non hai prazos establecidos para alcanzar un acordo". Citi reiterou, tras o seu desembarco en Galicia, que pretende darlle valor ás infraestruturas recentemente adquiridas: AP-9, AP-55 (A Coruña-Carballo), AP-57 (Puxeiros-Val Miñor) e o 18% da autoestrada Santiago-Dozón. E entende que esa aposta chegará a través dunha ampliación da ponte de Rande e da mellora dos accesos ás cidades polas que pasa a autoestrada AP-9.
Non é a primeira reclamación
Caride recordou que esta non é a primeira vez que a Xunta reclama melloras para a AP-9, xa que nos últimos anos foron trasladadas queixas relativas a cuestións nalgúns casos, eran claramente deficitarias e que aludían á limpeza de marxes, ó reforzamento do firme e á sinalización, entre outros.