Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Estremadura e Castela-A Mancha son as dúas autonomías con maior número de adultos por baixo do limiar da pobreza, cun 34,6 e un 29,6 por cento, respectivamente, moi por encima do 19,8 que presenta España como media, mentres que Galicia se sitúa por baixo da media co 19,7 por cento.
Así se recolle na publicación A situación social de España II do Observatorio Social de España, publicado recentemente, que sitúa a Canarias como a terceira autonomía con máis adultos pobres, cun 28,5%.
Con datos relativos a 2005, a análise tamén reflicte que Andalucía, cun 27,7 por cento, Castela e León, cun 25,5, e Murcia, cun 24,7, tamén están por encima da media nacional por este concepto.
Tamén destaca a situación das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, cun 33,8 por cento de pobres.
No lado contrario do ránking atópanse o País Vasco, cun 9,5 por cento; Navarra, cun 9,9 por cento, e Madrid, cun 12 por cento.
Tamén por baixo da media española figuran Cataluña, co 12,7 por cento; Cantabria, co 14,9 por cento; Asturias, co 15,2 por cento; Aragón, co 16,2 por cento; Baleares, co 16,8 por cento; A Rioxa, co 19,6 por cento, e Galicia, co 19,7 por cento. Finalmente, supera lixeiramente a media nacional a Comunidade Valenciana, cun 20 por cento.
Dinamarca e Suecia, entre os máis redistribuidores
A publicación tamén reflicte que o Estado do Benestar en España é pouco redistribuidor da renda, xa que é, xunto a Grecia e Italia, o país que reduce en menor medida o grao de pobreza.
Con datos de 2004 o estudo sinala que a taxa de risco de pobreza era en España do 25 por cento antes de aplicar transferencias sociais, porcentaxe que se reduce ó 20 logo de aplicar o Estado do Benestar.
Na Unión Europea dos 25 esa taxa pasa do 26 ó 16 por cento, cunha redución do 38,5 por cento fronte ó 20 por cento de España. Entre os países máis redistribuidores da renda figuran Dinamarca, cun 64,5 por cento; Suecia, cun 63,3%, e Finlandia co 62,1%. Finalmente, segundo estes datos, o efecto redistribuidor tamén é menor en Grecia, cun 13%, e Italia, cun 17,4%.
Case o 30% non son nin "mileuristas"
O 29,08% dos fogares galegos ingresan menos de 1.000 euros mensuais, é dicir, que case 1 de cada tres nin sequera "merece" o calificativo de "mileurista", segundo os datos da última "Enquisa de condicións de vida da familia" do Instituto Galego de Estatística, realizada con datos definitivos do ano 2006 e publicada a mediados deste ano. Segunso estas cifras, o fogar máis frecuente en Galicia é aquel que ingresa entre 1.000 e 1.500 euros cada mes, o que representa un 20,68% do total. Doutra banda, o menos frecuente, segundo o IGE, é o que recibe menos de 250 euros mensuais, que supón un 0,83%, grupo que, ó mesmo tempo, rexistrou un descenso desde o ano 2004. Con todo, aqueles fogares con máis de 3.000 euros/mes, que representan o 13,32%, conforman o intervalo que maior crecemento experimentou respecto do ano 2005, cando se contabilizaba un 11,91%.
En termos xerais, o ingreso medio mensual dos fogares galegos foi de case 1.800 euros no 2006.
Chegar ó día 31, difícil para o 63%
Segundo o IGE, máis do 63% dos galegos non dá chegado ó día 31 con tranquilidade económica. Asi, no ano 2006 o 16,64% o dos fogares galegos chegou con moita dificultade a fin de mes. A eles súmanselles o grupo máis frecuente, o dos que aseguran chegar con dificultade e que representan case a metade do total galego -47 por cento-, mentres que os que consiguen acabar o mes con facilidade supoñen unha porcentaxe do 34,70 por cento. Unha cifra moito máis baixa pertence ós que afirman, pola súa parte, que chega a fin de mes con facilidade: 1,21 por cento do total.
Sobre o ingreso medio mensual dos fogares galegos, os 1.793 euros de media do ano pasado supoñen un incremento de 90 euros respecto do 2005, é dicir, un 5,3 por cento máis. Con todo, tomando como referencia o ano 2003, os fogares da nosa comunidade viron incrementado o seu ingreso medio mensual nun 14,1 por cento, ó pasar dos 1.571 euros de 2003 ata os case 1.800 do ano pasado, segundo as cifras que se desprenden do traballo "Enquisa de condicións de vida das familias" do Instituto Galego de Estatística (IGE).
A fenda económica é máis que palpable en Galicia ó contrapoñer a situación das zonas rurais ás urbanas. Nos últimos anos a desigualdade social incrementouse e as rendas máis altas contan cada vez con máis ingresos e as máis baixas con menos. Así mesmo, as ganancias dos máis ricos multiplican por seis as dos máis pobres, o que dá unha visión ben clara desa fenda económica.
Considérase que un fogar se sitúa, economicamente, por baixo do limiar da pobreza cando ingresa menos do 60 por cento da que se supón a renda media galega.