Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Unha nena toca o xeo na superficie da ‘lagoa’ do Campus Sur compostelán, que onte amenceu xeada FOTO: Pepe Ferrín/AGN |
Non nevou, non, pero calquera o diría. Porque Galicia amenceu onte vestida de branco. A forte baixada de temperaturas conxelou os campos, as fontes e as beirarrúas, que así quedaron todo o día malia que luciu o sol, que non conseguiu acabar de derreter as capas de xeo. De perigoso xeo, sobre todo para viandantes e coches nas estradas. De feito, esas baixas temperaturas do sábado á noite produciron placas nas estradas, que provocaron numerosas saídas de vía.
No entanto, segundo informou a Garda Civil de Tráfico, estes incidentes tan só deron como resultado danos materiais nos vehículos, sen que se producisen accidentes de gravidade. Así, no que vai de fin de semana non se produciu ningún sinistro mortal nas estradas galegas e tan só un deixou feridos graves, ata tres, nunha saída de vía en Taboadela (Ourense).
Non é raro. A influencia anticiclónica que reina en Galicia nos últimos días, e nas últimas semanas, está deixando un tempo moi seco cos ceos despexados e nin unha pinga de chuvia, o que ademais provoca que nos manteñamos en situación de prealerta pola seca malia que a Xunta asegura que o abastecemento está, polo momento garantido. Bo tempo, si, pero tamén temperaturas moi baixas que caen en picado ó chegar a noite e non se recuperan durante o día. Cos mercurios marcando os menos seis graos en zonas de Lugo e Ourense, non é de estrañar que Galicia amencese onte conxelada. E as que seguen.
Porque as prediccións de MeteoGalicia, servizo dependente da Consellería de Medio Ambiente, apuntan a que o anticiclón seguirá tendo protagonismo hoxe na nosa comunidade. Así que máis do mesmo: ceos despexados e moito, moito frío, sobre todo á noite, coas súas consecuentes xeadas.
Con todo, Meteogalicia anuncia a entrada dunha borrasca mañá que, se ben non deixará precipitacións, si provocará un aumento da nubosidade e neve en cotas por riba dos 1.000 metros de altura en zonas de Ourense. Para o mércores, chuvias na Galicia oriental.
Folerpadas no Mediterráneo
Seis estradas da provincia de Alacante e unha de Valencia presentaba onte á tarde dificultades de circulación debido as precipitacións en forma de neve que caeron durante a noite e que se rexistraban desde primeira hora da mañá, segundo fontes do Centro de Xestión de Tráfico. Na provincia de Alacante, recomendábase circular con precaución en estradas comarcais dos termos municipais de Onil, Banyeres, Ibi, Alcolecha, Masau e Penáguila. Así mesmo, na provincia de Valencia había circulación tamén condicionada pola neve en dez quilómetros (do 15 ó 25) da estrada comarcal CV-590, en Enguera, con ata 3centímetros de espesor. Pola súa banda, o Centro de Coordinación de Urxencias (CCE) da Generalitat retirou a preemerxencia por nevadas no norte da provincia de Alacante, informaron fontes deste servizo nun comunicado.