Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
¿Quen ía pensar que o amorodo contén antioxidantes que axudan á fixación de recordos e evitan a deterioración cerebral? ¿E que o atún é moi bo para a memoria inmediata, polo que é o mellor alimento antes dun exame? Así como que o plátano funciona como antidepresivo ou que a canela estimula sexualmente, fai estar a tono. O doutor naturópata Javier Akerman fai un repaso polos alimentos adecuados para a mente e o cerebro no seu libro Cocina para sanar las emociones, presentado onte.
Pois téndese a pensar que a alimentación só ten que ver coa saúde física, non obstante, Akerman está convencido de que iso non é así. Conta que a nosa saúde emocional está estreitamente ligada ó que comemos.
A través de consellos culinarios e saborosas receitas, o médico vigués destaca cómo debe ser a alimentación para cando se sofre estrés, depresión, ansiedade, falta de memoria e outros trastornos propios da época na que vivimos. Mais tamén explica dunha maneira amena e sinxela que comidas son as máis axeitadas e como debemos preparar os menús para durmir mellor ou levarnos a unha completa vida sexual.
O menú "afrodisíaco", "viagra" de froitos secos, a comida "atracción fatal", salada "psicoenerxética", atún "á boa memoria", asado "antidepresivo", a dieta do "bo humor", polo "supercerebro", canapés "doces soños" e outros moitos menús pódense atopar no libro Cocina para sanar las emociones, de Ediciones Cydonia, do doutor naturópata Javier Akerman.
Mais ¿onde está a clave destes pratos? O médico vigués, baseándose en investigacións científicas dos alimentos, elabora unhas comidas nas que ten moi en conta os propios principios activos de cada elemento, así como a combinación deles ou a orde, xa que dependendo de todo isto van ter un efecto diferente.
Un bo exemplo disto último é a dieta do bo humor, que vai dirixida especialmente a aquelas persoas que precisan estar activos pola tarde e pola noite durmir ben. ¿Que deben facer? Pois a clave, sinala, está nas comidas que toman ó mediodía e á noite. Sinala que as proteínas son as adecuadas para o día. Alimentos como a carne ou o peixe estimulan a persoa, polo que os fai estar activos, mentres que os hidratos de carbono son ideais para a cea, como a pasta ou mesmo os lácteos, xa que axudan a relaxarse e a durmir mellor.
"Somos o que comemos. As consecuencias dunha dieta inadecuada non só son biolóxicas, maniféstanse tamén no ámbito social e no comportamento humano", destaca o doutor.
"En definitiva, comendo mal, pensamos peor. Cociñemos pois, para sanar a mente. Se acepta o reto de cambiar determinados hábitos dietéticos, pouco a pouco, a súa vida pode mellorar". Estes son algúns dos consellos que nos ofrece o doutor Akerman. Ademais, asegura que neste libro que presentou onte podes aprender a comer para sanar as emocións e potenciar as capacidades cerebrais, ó mesmo tempo que todo o organismo se beneficia.
O Doutor Javier Akerman sinala tamén un bo método para axudar a deixar o vicio da nicotina. Pois o xenxibre é un gran depurativo orgánico porque ten antioxidante, aínda que este alimento se utiliza máis no mundo Oriental que en Occidente. "É boísimo mastigado porque axuda a reducir a adicción ó tabaco", asegura Akerman.
Aínda máis, pois nesa época na que as mulleres se ben afectadas polas emocións, o que o doutor chama "síndrome premenstrual", é bo tomar algúns alimentos que axudan a estabilizalas.
Propón unha salada que contén cenoria, tomate, millo, amorodo, porro, atún, cebola e xenxibre, que volve á normalidade ese trastorno disfórico da muller que sofre antes da menstruación. O médico vigués destaca tamén a soia, que é un citroestróxeno, e "axuda a estabilizar as emocións".
Pero iso non é todo, xa que asegura que o plátano é un ingrediente elemental en moitos menús para loitar contra a depresión, para persoas con disforias, que teñen baixadas de humor.
Afirma que o plátano é un antidepresivo natural. Así como o queixo desgraxado é fundamental para o cerebro, e o atún, o bonito ou a cabala axudan á memoria e son moi bos para as persoas que sufran lagoas. ¿E o pavo? É válido para tratar axudas emocionais.
As últimas investigacións sobre a alimentación e o cerebro permitíronlle a este médico vigués facer este traballo, no que dá consellos culinarios e que contén saborosas receitas.
Incluso xa está en camiño unha segunda edición, que chegará ó mercado a mediados deste ano, segundo Akerman.
O doutor decidiu que todos os beneficios derivados dos dereitos de autor deste libro serán cedidos ó Centro de Asistencia de los Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres de Vigo. Akerman destaca que "están desenvolvendo un labor inmenso e inmellorable en atención hixiénica e médico-sanitaria ós senteito", e anima a xente a doar cartos ás ONG, xa que "aínda que houbera algúns problemas con algunhas, non se debe perder a confianza nelas", di Javier Akerman.
Unha completa vida sexual
O doutor naturópata Javier Akerman recomenda a receita "afrodisíaca" para estimular a sexualidade, aínda que "máis que alimentos é a compañía e o ambiente" a que fai estar a ton.
Tomade nota. Os ingredientes son: tres ducias de dátiles, mellor que estean desosados; seis culleradas de nata; 25 gramos de pistachos; 25 gramos de noces; 25 gramos de piñóns; unha cullerada sopeira de xenxibre fresco, que esté raiado; unhas gotas de esencia de vainilla; unha cullerada de canela e uns 30 gramos de sésamo.
Cando xa se teñen todos os ingredientes, facer o prato é moi doado. Machácanse todos os alimentos, e a continuación, pásanse polas sementes de sésamo e fanse boliñas, e listo para comer.
O doutor sinala que é un antifatigante e, por suposto, un estimulador da líbido.